venres, 20 de novembro de 2009

Ramón Piñeiro si estivo no cárcere


Resólvese un dos enigmas da biografía do galeguista: pasou tres anos, cinco meses e doce días na cadea

Iago Martínez Xornal 20/11/2009

En 1946 viaxou clandestinamente a París. Primeiro contactou con José Giral para pedirlle que incorporase un ministro galego no seu goberno. Se non podía ser Castelao, co que o presidente republicano no exilio tivera un grave desencontro en Barcelona, durante a guerra, que fose algún outro galeguista do interior, iso si, non da diáspora. Falaron durante tres horas. Despois entrevistouse con Aguirre, Irla, Tarradellas e o xeneral Líster. O 9 de abril xa estaba de volta en Madrid. Foi entón cando a policía franquista entrou na pensión na que se hospedaba, no número dez da rúa Manuel González Longoria, e o levou detido. Había xa un mes que o seguían. Sabían do seu labor clandestino. Ramón Piñeiro foi acusado de rebelión e condenado por un tribunal militar a seis anos de cadea nun xuízo sumarísimo. Cumpriu tres anos, cinco meses e doce días.

O seu paso polo cárcere era, até agora, un dos episodios máis escuros na biografía do líder galeguista (Láncara, Lugo, 1915-Santiago, 1990), cuestionado dende unha certa mística da represión. Tanto sofres, tanto vales. Mesmo se especulou con que unha man negra fixera desaparecer a documentación que debía resolver tanto misterio. Era falso. As probas nunca se moveron do sitio. Tenas, dende hai un mes, o profesor Xosé Manuel Dasilva, que atopou a causa xudicial e o expediente penal de Piñeiro sen subornar ninguén nin arriscar contactos cos servizos secretos norteamericanos. “Estaban onde tiñan que estar”.

O investigador da Universidade de Vigo, autor tamén de Ramón Piñeiro, tradutor (Toxosoutos, 2009) e comisario da mostra Editar en galego baixo a censura franquista, desvelará hoxe os detalles do seu achado no Consello da Cultura Galega, en Santiago, onde se celebra estes días un congreso sobre o lugués. Dende o 26 de febreiro de 1949, cando José de Valdivia y del Castillo, director da Prisión Escuela de Madrid, asinou a liberdade condicional do de Láncara, a causa xudicial só fora consultada parcialmente unha vez. O expediente penal nunca se tocara.

“Con Ramón Piñeiro inverteuse a carga da proba. No canto do in dubio pro reo, in dubio contra reo. No canto de demostrar a súa culpabilidade, evitouse demostrar a súa inocencia”, explica Dasilva. Talvez por iso ninguén sacara á luz os 1.400 folios que suman a causa xudicial e o expediente penal. Con eles na man, certos “infundios e insidias” perden todo o seu sentido. Revelan que foi buscar a París e que tiña planeado facer ao seu regreso a Madrid. Explican como foi detido, por que foi procesado, cal foi o tribunal e quen o defensor. Aclaran, de vez, cales foron os cargos e as probas, canta a pena que se lle impuxo e canto o tempo de prisión que padeceu, sucesivamente, en Alcalá de Henares, Ocaña e Yeserías. E sobre todo, permiten explicar, ou case, por que non foi torturado na cadea. (...)

Ler máis

Ningún comentario:

Publicar un comentario