Dionísio Pereira sinala a relevancia do "marco político" como factor da explicación do atraso relativo da investigación sobre a represión franquista en Galicia
M. DOPICO .Galicia-Hoxe. 14-11-09
"Galicia leva moito atraso", con respecto a outros países, na investigación da represión franquista. "Sabemos moi pouco do sistema penitenciario, da represión económica, da social, en materia de xénero... E un posible motivo, entre outros, é que hai un problema político". O historiador Dionísio Pereira expresouse deste xeito na mesa redonda sobre o estado da cuestión no estudo da represión que acolleu onte o Encontro de Investigadores sobre o franquismo.
Tras anos de silencio cos gobernos de Manuel Fraga, "ese conspicuo ministro de Franco", -afirmou Pereira-, a xente "comezou a falar no ano 2005" -tras a creación do Ano da Memoria polo goberno bipartito-. E non foi casualidade, segundo este historiador. Así, o que se precisa é "outro marco político", distinto do actual que inclúe a Lei da memoria histórica do goberno de Zapatero, co seu incumprimento. Porque o obxectivo é, ao ver de Pereira, "a confrontación da memoria dos vencedores coa dos vencidos, e que gañe a dos vencidos, e acabar co franquismo sociolóxico".
O autor de O movemento libertario en Galiza participou, xunto con Emilio Silva, da Asociación por la Recuperación de la Memoria Histórica (ARMH); Queralt Solé, historiadora e especialista nas fosas comúns da guerra civil; Javier Rodrigo, historiador e experto no estudo da violencia no franquismo, nunha mesa moderada polo tamén historiador Ricardo Gurriarán coa que rematou o Encontro de Investigadores sobre o franquismo.
Pereira repasou as cifras do proxecto interuniversitario As vítimas, os nomes, as voces e os lugares: 4591 presas asasinadas entre o 36 e o 39, ademais de 7.320 procesados sen resultado de morte.
Lembrou que faltan por engadir os datos das 460 entrevistas xa realizadas pero, aínda coas cifras sen completar, "son xa 1.000 persoas máis que as que daba Salas Larrazábal". Reivindicou, por isto, a superación do estereotipo da "Galicia leal" ao franquismo. "A incidencia social" da represión foi, en termos relativos, en Galicia, menor que noutros lugares, afectando sobre todo a obreiros e mariñeiros, e en menor medida a outras clases sociais, máis conservadoras.
ARMH
O papel das institucións
Emilio Silva sinalou que as vítimas da represión e os seus descendentes "tratamos de autorrepararnos, porque non hai institucións que nos reparen". Lembrou que o debate, a presenza social do tema agromou na transición, pero foi cortado co golpe do 23-F. A Lei da Memoria Histórica e o traballo de Garzón marcaron repuntas na visibilidade social da memoria histórica que se deben aproveitar, apuntou.
O actual Goberno incumpre -dixo- a lexislación internacional ao non apoiar o labor de busca e exhumación dos corpos dos represaliados, que están a asumir asociacións da sociedade civil. A propia Lei de Memoria Histórica, -indicou-, restrinxiu no seu preámbulo a cuestión ao ámbito "persoal e familiar". E aínda máis, a Garzón tentaron aplicarlle "a lei de responsabilidades políticas" do franquismo "en pleno século XXI" cando abriu a causa sobre as fosas.
O relator do auto é, ademais, -subliñou-, o xuíz Adolfo Prego, membro do padroado de honor "da Fundación para la Defensa da Nación española".
Salientou a raíz que o problema ten na Lei de Amnistía do 77, e o obstáculo que hoxe supón a xeración que fixo a transición e que cre que "non lle quedou nada por facer" -puxo como exemplos a Fernando Savater ou Javier Pradera-. Mesmo afirmou que os historiadores teñen pouco interese nas fosas, aseveración que lle foi rebatida desde o público e a propia mesa.
INTERVENCIÓNS
O pulo da sociedade
Queralt Solé sinalou a importancia do pulo que a sociedade -as asociacións de recuperación da memoria- imprimiu a institucións e investigadores para implicarse máis no estudo da represión. Recordou que as autoridades republicanas, na retagarda, xa abriron fosas, como o fixo o réxime franquista, que exhumou corpos para levalos ao Valle de los Caídos. "O último traslado é do 83", salientou. "A partir do 75-76, e ata o golpe de Estado, tamén se abriron fosas: a xente levaba os restos aos cemiterios...", engadiu.
As categorías analíticas
Javier Rodrigo reivindicou un maior rigor, por parte dos investigadores, das categorías analíticas. Criticou as "imprecisións conceptuais" na literatira científica, como o abuso do termo "xenocidio" para referirse ao que foron asasinatos selectivos, de certos membros da sociedade, polo que representaban, co obxectivo de causar terror. E avogou por non deixar que os revisionistas sexan os únicos en xerar discurso sobre a violencia que xerou a República. Así como por evitar a "santificación laica das vítimas" e por mirar tamén a perspectiva dos verdugos, o cal non significa empatizar con eles.
Ningún comentario:
Publicar un comentario