venres, 13 de novembro de 2009

"A auténtica filmoteca de Galicia"


Os fondos do NO-DO vinculados ao país poderán consultarse no CGAI

Galicia-Hoxe, 12-11-09

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) inaugurará a finais deste ano ou principios do próximo unha mediateca con máis de 5.000 títulos en DVD e que incluirá tamén unha colección de imaxes do NO-DO relacionadas con Galicia, segundo informou onte o secretario xeral de Comunicación da Xunta, Alfonso Cabaleiro, na presentación da programación desta institución para o próximo ano.

Cabaleiro asegurou que a mediateca levará o nome de José Luis Cabo, ex director deste centro recentemente falecido, e co que o CGAI pretende renderlle unha homenaxe "por ser unha peza clave na restauración do patrimonio audiovisual galego", apuntou.

O secretario xeral de Comunicación trasladoulle tamén o seu agradecemento ó ex ministro de Cultura, César Antonio Molina, pola cesión das máis de 30 obras do NO-DO relacionadas con Galicia das que dispón xa o CGAI, e que xa é posible consultar, e avanzou que a inauguración da mediateca está prevista a súa asistencia.

Sobre as imaxes do NO-DO, explicou que existe xa un "principio de acordo coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) para realizar unha "investigación" sobre estas. En canto a outros proxectos previstos polo CGAI, apuntou que entre eles figura unha homenaxe a Chano Piñeiro e ó cine galego, tema que centrará unhas xornadas, así como a elaboración dun documental sobre a súa figura, en colaboración co Concello de Forcarei (Pontevedra) de onde era natural. Tamén se homenaxeará a Torrente Ballester polo centenario do seu nacemento.

En canto á programación para 2010, asegurou que o CGAI programará un ciclo dedicado ó Xacobeo, que se presentará en distintas localidades da comunidade. Respecto disto, Cabaleiro definiu este centro como "a auténtica filmoteca de Galicia" e asegurou que un dos obxectivos será "divulgar e promocionar as súas actividades en todas as cidades galegas".

Pola súa banda, o director do CGAI, Guillermo Escrigas, destacou a restauración por parte desta institución de dúas películas. Dun lado, Tranvías de la Coruña (1926), bobinas localizadas en Uruguai. Doutro, Actos do centenario do nacemento de Rosalía de Castro en Buenos Aires (1937), documento histórico relevante que inclúe aparicións de Eduardo Blanco Amor, Tacholas, e políticos como Rodolfo Prada e Núñez Búa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario