CiU propón hoxe no Congreso a compensación a empresas e traballadores por estas incautacións
MóNICA SEQUEIRO Xornal 25/11/2009
A historia de El Pueblo Gallego podería ser a doutros moitos xornais que se viron totalmente transformados coa Guerra Civil e a ditadura. O diario naceu no 1924 cunha ideoloxía republicana pero, tras o alzamento do 36, foi requisado e converteuse nun produto distinto que acabou indo contra un dos seus creadores e director, Manuel Portela Valladares, xefe de Goberno durante a II República.
O 19 de xullo do 1936 saíu a rúa por última vez antes de ser incautado, a súa portada reflexa a nova do golpe de Estado intentando tranquilizar á poboación. Pouco máis dun ano despois, a primeira plana é ben distinta, xa reflexa o xugo e as frechas da Falanxe, que se fixera coa dirección, e aparece unha carta da dona de Portela Valladares, condesa de Brías renegando publicamente do seu home. Deste e outros xeitos, o xornal “posicionouse claramente” en contra do seu creador, segundo explica Pilar Mera, quen prepara unha tese sobre Portela Valladares.
El Pueblo Gallego foi “o último xornal galego”, aclara Mera, en volver a saír despois da incautación, xa que non apareceu ata o 31 de xullo do 1936, tras once días de silencio, cando o resto dos diarios xa estaban de novo na rúa.
Agora, publicacións como esta e outras poderían conseguir unha restitución polas incautacións sufridas se prospera unha iniciativa presentada por CiU no Congreso. Hoxe debaterase na Comisión Constitucional da Cámara Baixa unha proposición non de lei deste grupo catalán na que insta o Goberno estatal a elaborar, no prazo de seis meses, un informe que conteña o censo dos medios periodísticos cuxos bens foron incautados.
Aínda que a iniciativa contempla só aqueles requisados en base a unha lei aprobada o 13 de xullo de 1940, os nacionalistas cataláns lembran que tanto na Guerra Civil como ao seu término producíronse incautacións que afectaron a publicacións de todos os partidos políticos, asociacións sindicais e empresas periodísticas. Moitas delas nin sequera volveron saír, mentres outras, como El Pueblo Gallego, foron transformadas no contrario do que eran inicialmente.
Por iso, agora CiU reclama a restitución ou compensación aos xornalistas e as empresas editoras prexudicadas pola incautación de bens e dereitos dos medios de comunicación durante o franquismo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario