luns, 30 de novembro de 2009

Vinte anos da revolta popular en Allariz


A loita “contra o caciquismo” que comezou en agosto tras a aparición de peixes mortos no río Arnoia rematou co BNG accedendo á alcaldía conforme á legalidade un 27 de novembro de 1989 e a vila convertida nun referente europeo

Cristina Díaz Pardo- O Xornal 29/11/2009

Anxo Quintana: “Ao chegar ao poder non miramos cara atrás, como FAN OUTROS”

Hai veces na vida nas que un pobo dá a volta, se para o mundo durante un minuto decisivo e logo segue a xirar. Cada lugar ten o seu momento da vida. Hai vinte anos que Allariz deu un brinco, hai exactamente vinte anos o BNG entrou no Goberno de Allariz substituíndo un Executivo que, para a maioría do pobo, encarnaba o espíritu do caciquismo. Non obstante, o xiro arrincou tres meses antes. Todo comezou unha tarde de agosto cuns peixes mortos que flotaban no río Arnoia a consecuencia dos continuos vertidos. Foi a gota que rebordou o vaso. Unha semana despois un grupo de mozos que non pasaban dos trinta anos decidiron pecharse na casa consistorial da que saíron tras lograr a demandada e legal renuncia por parte do nese momento alcalde, Leopoldo Pérez Camba, da coalición Centristas de Galicia-PP. Foron meses duros, meses que uns recordan con agarimo e uns poucos con tristura, foron os meses que precederon á entrada do nacionalismo na casa consistorial de Allariz. “Antes da chegada do Bloque ao Concello estaba nunha situación de encefalograma plano”, di o actual rexedor, Francisco García.

García ten unha voz sonora, determinada. E precisamente a voz dunha persoa que decide pasar a acción e pecharse na casa do concello para pedir un cambio. Comezou sendo o número dous de Anxo Quintana, o nacionalista que substituíu a Camba no poder, para pasar a ser alcalde no ano 2000 cando o ex vicepresidente galego marchou ao Senado. Non obstante, este home non queda cos logros pasados: “Non hai que mirar os vinte anos pasados, o que hai que mirar son os vinte que temos por diante e o que ten que facer Allariz para continuar co seu cambio”. “O que ocorreu o 11 de agosto de 1989 foi que un pobo comezou a loitar, houbo unha reacción dunha política con maiúsculas e que marcou un antes e un despois. Vinte anos parecen moitos, pero a verdade é que non o son. O concello medrou, cambiou moito, pero debe seguir a facelo”, asegura. “A data coa que me quedo é esa, o 11 de agosto, que foi na que comezou todo e na que entramos no concello. Non obstante, foi o 27 de novembro cando se celebrou o pleno no que Quintana saíu alcalde e eu tenente de alcalde”, conta mentres se asegura de que as datas son as boas. “A verdade é que son máis de feitos, os días non os recordo polo seu número”, engade.

Foi o 1 de agosto cando o Arnoia amenceu cun manto de troitas mortas. A situación alertou de tal maneira o pobo que unha semana máis tarde o grupo municipal do BNG e o único concelleiro que nese momento tiña do PSOE rexistraron un escrito no concello no que demandaban a celebración dun pleno extraordinario para tratar o asunto. Á vez os veciños comenzaron a mobilizarse e empezouse a barallar a posibilidade dun peche. Determinaron que se o alcalde non se aviña a celebrar o pleno, o 11 de agosto comezaría un encerro no concello. Así foi. Ese día Pérez Camba asinou un decreto denegando a petición do pleno extraordinario.

Allariz é o que é grazas a moita xente, pero tamén grazas ao Arnoia. Un río modesto na súa lonxitude, uns 100 metros, pero que serviu para resumir o sentir de todo un pobo. “Todo o que ocorreu pagou a pena, xa sei que podía ter sido doutra maneira, pero pasou como pasou”, di Luís Cachón, un pintor e escultor local que participou na revolta daquel verán. “Para explicar todos os acontecementos posteriores, teño que dicir que eu nacín hai 72 anos en Allariz e aprendín a nadar case antes que a andar. Todos lle temos un gran amor ao río Arnoia e nese tempo era unha vergoña velo, era un desastre, todo cheo de peixes mortos. Quixemos solucionar o que estaba a pasar e fóisenos un pouco da man porque o pobo estivo un mes en vilo, pero foi para algo bo”, explica este home que participou nas manifestacións e ata nos encerros no consistorio. “Estiven no concello pero non o día no que non entrou o alcalde, que foi polo que detiveron algúns oito días. A min puxéronme unha denuncia por participar nunha manifestación e ir na cabeceira pero logo quedou en nada e a retiraron porque non te poden facer nada por manifestarte”, rememora este home que conta que a presenza policial foi habitual na vila ese verán do 89. “Pois si, pero todo hai que dicilo, o destacamento que nos mandaron da Garda Civil portouse moi ben, eran bastante dialogantes. Tamén nós o fixemos”, aclara. E é que moitos veciños recordan os actos de protesta como momentos tensos pero en ocasións tamén divertidos.

O alcalde Camba, quen non contaba con moi boa prensa dentro do municipio, foi o protagonista dun incidente que animou a sociedade a continuar coa súa determinación de cambiar a cor do consistorio. En plena crise, o 7 de outubro unha avaría na subministración de augas a Allariz e Taboadela descobre que o alcalde pirateara a rede xeral para abastecer a súa granxa de porcos. Como resposta, o mandatario afirmou que el mesmo se “autoconcedera permiso verbal, de alcalde a cidadán”.

Un dos días cruciais no encerro tivo lugar o 8 de novembro. Camba chegou ao concello acompañado pola Policía Local para firmar uns documentos no seu despacho. Varios veciños entraron na habitación e esixíronlle ao rexedor que marchara. Os intentos de Camba por permanecer no edificio e o balbordo dos manifestantes fixo que se vivisen momentos de tensión. O conto acabou cunha denuncia que ía dirixida contra sete persoas, entre elas Anxo Quintana. Ao final, el e outros tres veciños foron enviados durante uns días á cadea. A situación volveuse en contra do PP porque a tensión se agravou moitísimo no pobo. Os veciños demandaban a dimisión da corporación municipal que chegou o día 14. Unha semana despois Pérez Camba asinaba o decreto da súa renuncia e da de todos os seus concelleiros e Anxo Quintana era nomeado alcalde en funcións. O 27 de novembro celebrouse o pleno no que foi elixido alcalde, con todas as garantías legais e avalado polo pobo, malia as acusacións en contra .

Pero como cando o sol brilla tamén provoca sombras, o veciño Cachón lamenta que esta revolución “tamén trouxo enfrontamentos e tensión, aínda que iso xa pasou”. “O certo era que había familias enteiras enfrontadas polo que estaba a pasar pero era porque neses anos en Allariz coñeciámonos todos e cada un era da súa idea. Agora hai moita xente de fóra e xa non é o mesmo pero si, naquel tempo viviuse tensión”, conta cun aquel de tristura. Non obstante alégrase pronto ao indicar que “o concello mellorou moito nestes vinte anos. Ás veces falta auga pero nunca como aquel ano que baixaba seco o río, de feito a auga que temos da traída é a do Arnoia”.

Pero, mentres os veciños e os futuros dirixentes do concello estaban pechados na casa consistorial, pensaban que a súa protesta chegaría a unha boa fin? “Home, claro que o pensabamos, todo empezou polo río Arnoia, pero o proxecto do cambio en Allariz xa comezara moito tempo antes. Iso si, o apoio popular foi moi determinante”, aclara o actual rexedor, Francisco García.

O escritor alaricano Marcial Suárez conta nun dos relatos da obra O Acomodador que durante unha grande sequía, os feligreses pedíronlle ao vicario do pobo que fixese unha rogativa para que chovese. Estes respondeulles: “Se vos deixasedes de rogativas e cavasedes pozos”. Pode que en Allariz tardasen en pórse mans á obra, pero é certo que dende hai vinte anos o concello cambiou moito, ata recibir un premio de urbanismo da Unión Europea. Con máis de 5.300 persoas censadas, nos ultimos cinco anos téñense empadroado máis de 1.200. “Dende a dirección do concello estivemos sempre moi preocupados polo desenvolvemento das nosas 14 parroquias. Dedicamos moitos recursos á dinamización económica e a promoción de solo empresarial que tamén trae consigo un aumento da poboación. Sempre estivemos moi preocupados pola calidade do ensino público xunto ao sector da construción e o desenvolvemento rural”, conta o dirixente nacionalista, quen ten claro que ademais da mellora económica e da dinamización do municipio un dos máis importantes logros nestes vinte anos é un patrimonio inmaterial. “É certo que Allariz cambiou moito nas súas condicións sociais e económicas, é certo que agora temos unha boa perspectiva de futuro, pero o máis importante é que cambiou a autoestima do pobo e dos seus veciños. En Allariz agora somos conscientes do que somos e do que temos”, resolve.

A teima desta dirección municipal polo avance do municipio levounos a poñer en marcha o plan Allariz 2020 que conleva unha partida de máis de un millón de euros para contribuír ao desenvolvemento da zona de cara aos próximos dez anos. Durante varios meses leváronse a cabo mesas redondas con veciños e coas forzas vivas do concello para determinar cales eran os puntos nos que o municipio debía mellorar e cara a onde dirixir os investimentos. O plan 2020 recolle a creación dun novo colexio e unha escola infantil debido ao crecemento demográfico así como a construción dun edificio multiusos e proxectos para a revitalización do rural.

A revolta de Allariz cobrou tanta fama que o director catalán Ferrán Llagostera decidiu facer un documental sobre o acaecido na vila: Aquel agosto de 1989. Unha produción entre a Televisión de Galicia e a catalana fixo posible a realización dun documental no que se explica todo o ocorrido. O achegamento de Llagostera ao caso de Allariz foi case por casualidade. “A miña muller é vasca pero os seus antepasados son galegos. Hai uns anos decidimos ir a Allariz, de onde eran os seus avós, tivemos que ir aló a buscar unha herdanza porque o seu antepasado era un indiano que fixera fortuna fóra. Cando morreu ninguén reclamou os cartos, polo que se perderon”, conta o director.

“Levamos unha sorpresa moi grande cando chegamos porque o pobo é marabilloso. Foi entón cando coñecemos a historia dese lugar do que tamén me tiñan falado xa por ser a bandeira do Bloque”, manifesta o artista. “A historia da revolta despertou en min un grande interese porque me parecía un pouco como a historia de Fuenteovejuna, con xente que estaba a loitar contra o caciquismo. Tamén me pareceu curioso que toda a historia comezase porque o alcalde non quería celebrar un pleno ao que estaba obrigado para falar do tema dos peixes mortos e da contaminación do Arnoia”, conta Llagostera. “A miña primeira idea foi a de facer unha película pero como non puido ser e eu quería levar adiante o proxecto decidín facer un documental”, explica. Cando Llagostera comezou a facer o documental tivo que entrevistarse con todos os protagonistas daquela época. “A verdade é que ves que todos eles teñen unha sensación de orgullo. Cando falas cos veciños sobre o tema es consciente de que o que ocorreu, eses días do verán do 89, convertéronse nos máis importantes da súa vida”.

Se ben moitos veciños opinan que a revolta daquel verán foi necesaria para acabar cunha situación de desgoberno e parálise, o PP non opina o mesmo. A espiña de Allariz segue cravada na dereita ourensá porque, precisamente desde ese ano 89, o Bloque non volveu a saír da alcaldía, gañando comicio tras comicios por maioría absoluta. En Allariz, o nacionalismo tróuxoo o río.

Ningún comentario:

Publicar un comentario