martes, 1 de marzo de 2011

A aritmética da ‘guerra sucia’ de Bush en Iraq


Un estudo atribúe á Coalición a maior porcentaxe nas mortes de mulleres e nenos
RICARDO RODRÍGUEZ 20/02/2011
A aventura militar de George W. Bush, Tony Blair e José María Aznar en Iraq –que acabou co réxime do antigo aliado estadounidense Sadam Hussein en 2003– baseouse nun “erro” e nunha “mentira”. Sóuboo medio mundo cando, logo da invasión, as armas de destrución masiva nunca se atoparon. Porén, só sete anos despois do inicio da guerra, os homes que engraxaron a maquinaria daquel conflito –cualificado polo ex secretario xeral da ONU Kofi Annan de “ilegal”– comezan a recoñecelo. Hai quince días, o ex secretario de Defensa Donald Rumsfeld, a man dereita de Bush durante aquela guerra, admitía nas súas memorias que o relatorio sobre as armas biolóxicas de Sadam foi un “erro”. O home que forneceu parte da información na que se baseaba aquel relatorio, Rafid Ahmed Alwan al-Janabi, un desertor do réxime de Sadam Hussein coñecido coma Curveball, declaraba esta semana a The Guardian que todos os datos achegados sobre as armas de destrución masiva á intelixencia alemá e á británica foron unha “mentira” fabricada á mantenta pola súa propia comenencia.
A trola da Administración Bush custoulle a vida nos últimos sete anos, a entre 122.000 e un millóns de iraquís, dependendo das estimacións de diversas fontes –Iraq Body Count (IBC) e Opinion Research Business survey, respectivamente. Os datos seguen a ser confusos porque nin o Goberno iraquí nin as forzas de EE UU publicaron cifras oficiais dos falecidos durante a invasión e a guerra de ocupación librada despois. Malia as dificultades para coñecer as cifras verdadeiras da matanza iraquí, un grupo de investigadores suízos e británicos veñen de publicar no xornal médico online Public Library of Science un traballo que por vez primeira sistematiza o número de vítimas civís do conflito entre 2003 e 2008, os causantes desas mortes, o tipo de armas que acabou coas súas vidas e mais o lugar e o mes no que se produciron.
O relatorio baséase no total de vítimas recompilado polo IBC –unha organización non gobernamental que fai os seus cálculos nas información publicadas por diversos medios de comunicación en lingua inglesa– e ofrece gravísimas conclusións sobre a guerra sucia perpetrada polas forzas da coalición liderada por EE UU e Reino Unido. Máis de 92.000 cidadáns iraquís morreron entre o 20 de marzo de 2003 –data de inicio da invasión– e o 19 de marzo de 2008. O 74% destas vítimas foron asasinadas por grupos descoñecidos –unknown perpetrators–, o 12% foron abatidas por Forzas da Coalición, e o 11% morreron por fogo dos insurxentes. Amais, case un terzo destas vítimas faleceu en execucións extraxudiciais por grupos descoñecidos. O resto, a mans de terroristas suicidas, coches bomba e fogo de morteiro.
Pero os investigadores –da Universidade de Londres e a de Yale, entre outras– foron alén e debullaron polo miúdo as cifras do IBC. Para agrupar as mulleres e os nenos asasinados durante os cinco anos de conflito, crearon un Índice de Guerra Sucia (DWI polo acrónimo en inglés). A conclusión final é que as Forzas da Coalición causaron un número proporcionalmente maior de mortes entre estes dous sectores da poboación ca os insurxentes por mor dos ataques aéreos indiscriminados. Esa porcentaxe de mortes acadou un pico entre o 20 de marzo de 2003 e o 1 de maio dese mesmo ano, cando Bush deu por rematada a guerra. Pero nos meses e anos posteriores, asegura o informe, “non hai evidencias de que se producira unha diminución significativa”. Da carnicería perpetrada polo fogo aéreo aliado en 2003 xa daba conta hai algún tempo o relatorio Iraq Living Conditions Survey, que sinalaba que a metade dos aleixados nos ataques aéreos en 2004 foron mulleres e o 15% nenos menores de dez anos.
Se se calcula o Índice de Guerra Sucia combinando o resto de todos tipos de armas empregadas –incluíndo armas curtas– o estudo conclúe que as Forzas Aliadas seguen a ser responsábeis da morte dun número de nenos e mulleres maior ca os insurxentes. Entre os factores que poden explicar estas cifras, reza o relatorio, “están as informacións de fogo de fusís e armas curtas desproporcionado e indiscriminado durante as redadas das Forzas da Coalición en casas de iraquís, en áreas residenciais ou preto de convois ou puntos de control”. Os investigadores apuntan a outras catro causas para explicar a matanza de civís en Iraq: o paso de combater un Exército –o de Sadam– a combater en medio da poboación, a falta de adestramento e de tradutores, puntos de control nas estradas que non estaban convenientemente indicados, e tamén a “falta de responsabilidade” dos soldados.
“Nunha guerra, moitas cousas custan vidas”, aseguraba Rumsfeld nunha entrevista concedida a ABC o pasado 7 de febreiro para presentar as súas memorias, Known and Unknown. O arquitecto da guerra de Iraq, que en 2006 tivo que dimitir pola súa responsabilidade nas torturas do presidio de Abu Ghraib, non aclaraba, porén, a qué perda de vidas se refería. Se a dos soldados que comandou ou as dos civís que pereceron nas operacións que el ordenou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario