Restos
mortais de represaliados na Rúa foron entregados onte aos seus familiares
MARCOS
SUEIRO 27/02/2011 - 12:20 h.
Os restos
mortais de Germán Fernández Prada, Jóse Díaz González, Manuel Feas Álvarez,
Manuel Fernández Delgado e Ovidio Rodríguez López xa descansan nun dos
camposantos do concello ourensá da Rúa de Valdeorras. Sobre a mesa dos debates
municipais estaban onte colocadas as furnas coas cinzas dos represaliados e
unha copia do asento practicado no rexistro civil tras o seu pasamento, onde se
podía ler: “Batida acordada por la autoridad competente con motivo de la lucha
nacional contra el marxismo”.
Foi un día
emotivo e especial, tal e como explicou unha das fillas dos fusilados o 9 de
setembro de 1936, Hermitas Díaz Sánchez, quen aos 76 anos puido despedir ao seu
pai, José Díaz González, e “colocalo nun sitio para poder tan sequera levarlle
unhas flores”. A mesma emoción confesaron as familiares de Ovidio Rodríguez e
Avelino Rodríguez.
Unha sobriña
neta de Ovidio, mestra en Cambre,
manifestou a Xornal: “Levo moitos anos explicando Ciencias Sociais e non
entendo por que nos libros de texto non aparecen datos sobre a represión e,
pola contra, os do bando nacional cando sufrían algún dano eran nomeados
cabaleiros mutilados, paréceme profundamente inxusto”. “Dá a sensación de que
porque non se conta, non existen”, conclúe a mestra. A súa curmá, xa maior,
tampouco entende “porque tivo que pasar tanto tempo ata lle poder dar
sepultura”. As reflexións e os saúdos dos familiares das vítimas da violencia
fascista anticiparon o que foi unha sentida homenaxe na sala máis nobre do
concello.
Alí
recibiron un recoñecemento cívico e institucional no salón de plenos do
Concello, onde estaban esperando o alcalde da Rúa, Luís Fernández Gudiña, o
segundo tenente alcalde, Xaquín Pérez, familiares, veciños e veciñas e algúns
membros da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, encabezados
polo seu presidente, Santiago Macías.
Tras ver un
vídeo resumo do traballo da Asociación, falou o alcalde, Luís Fernández Gudiña,
que reúne a condición de ser o primeiro socialista que chega a Alcaldía da vila
valdeorresa, e que aproveitou a súa intervención para cualificar o acto de
“xusto e necesario ao servir de homenaxe aos que traballaron pola democracia e
pola xustiza social de todos e de todas”. Logo Santiago Macías deu as grazas
aos presentes, as autoridades e as familias dos asasinados pola súa colaboración.
ESCONDIDOS
NUN PALLEIRO
Mentres
falaban os saloucos non deixaban de escoitarse e ao remate do acto, Hermitas Díaz,
tirou da memoria e contou a Xornal quen era seu pai: “Era socialista coma min,
que o serei toda a vida, e traballaba como alguacil no concello, tivo que
escapar cando foi da Guerra e foi dar a Cerexido en Quiroga (Lugo), xunto ao
resto de compañeiros. Estaban escondidos nun palleiro, alí deu con eles a garda
civil, falanxistas e veciños, pegáronlle un tiro, botáronlle gasolina e prendéronlle
lume”. No grupo había un home e o seu sobriño adolescente. Segundo os datos da
Asociación da Memoria Histórica, unha cuadrilla de falaxistas os atopou
agochados no palleiro e lle prenderon lume. Uns morreron queimados e outros
tiroteados cando trataban de escapar. Ademais, todos os cranios levaban sinais
de ter recibido un tiro de graza.
Hermitas,
mentres agarda a dos restos mortais do seu pai ao cemiterio da Rúa Vella, aínda
engadiu: “Despois aínda viñan facer cantar a miña nai para dicirlle que berrara
Arriba España, miña nai dicía Viva España, pero de arriba nada, o ca tirou ca
levante”.
O momento máis
emotivo da cerimonia chegou cando se depositaron as cinzas na terra e se
cubriron coa mesma mentres soaba o himno galego, interpretado polo grupo de
gaitas Abertal. Logo unha das familiares pediu permiso para acabar de estender
unha capa de grava na sepultura coa axuda dun rodo mentres a emoción embargaba
ao resto dos presentes. Para sempre quedan os seus nomes inscritos nunha lápida
de granito na que tamén se recorda o seu combate a prol da xustiza, da
democracia e da liberdade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario