Unha mostra recupera
imaxes de Santiago de entre 1900 e 1975, testemuñas da evolución social, urbanística,
antropolóxica e histórica da cidade
REDACCIÓN . SANTIAGO
Co tempo, as fotografías
do cotián tórnanse documentos de valor histórico e antropolóxico. Pegadas das
historias de vida dos cidadáns, protagonistas dos oficios, o lecer ou o cambio
social. A rede de Centros Socioculturais de Santiago quixo recuperar a memoria
das xentes da cidade que gardaron, precisamente, as imaxes. E fíxoo a través
dunha exposición que acaba de abrirse no Centro Sociocultural do Castiñeiriño.
A proposta pretende "continuar e potenciar as diferentes iniciativas
relacionadas coa memoria viva da cidade", como foron xa "as mostras A
historia vai por barrios, ou as publicacións promovidas polo movemento veciñal
do Castiñeiriño, Conxo, A Sabugueira ou Marrozos", explicou a concelleira
de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, durante a presentación
aos medios da exposición.
A memoria da xente pretende,
segundo explica a concellaría nunha nota de prensa, continuar a promover esta
liña de traballo mediante a organización dunha exposición, gráfica e
audiovisual, itinerante que aborda ao conxunto da cidade desde 1900 até 1975.
Os obxectivos da exposición son a posta en valor das "caras"
compostelás, incorporar á memoria colectiva todas as vidas de Santiago,
converter en protagonistas estas pequenas historias anónimas e por último
funcionar como base dun futuro traballo sociocultural que se desenvolva desde
os propios Centros para enriquecerse con máis achegas, comentarios, lembranzas,
documentos, imaxes, actividades...
O conxunto da mostra está
deseñada para que poida circular polos Centros Socioculturais de cabeceira da
rede. Ademais do Castiñeiriño tamén estará no do Ensanche, no de Vite, no de
Conxo e no das Fontiñas e mesmo algún dos seus módulos poderá itinerar polo
resto de Centros e Locais Socioculturais. Os contidos desenvólvense en soportes
gráficos e audiovisuais.
Entre os elementos da
mostra destaca un panel informativo sobre a transformación urbana con liña do
tempo e punto de escoita e visionado de audiovisual. Acompañado de oito paneis
impresos por ambas caras dedicados aos seguintes bloques temáticos: Así
mudou Compostela, Vida e morte, Alimentación, Formación
persoal, O traballo, Convivencia social, Habitar o
territorio e O lecer e as festas.
Outros elementos
destacados son as tres siluetas que baixo o epígrafe As mans do traballo
están dedicadas ás leiteiras, aos minuteiros, e aos zoqueiros. Xunto a elas
dous puntos de escoita e visionado dos audiovisuais nos que a veciñanza de
Compostela,dá a súa "fe da vida" na cidade. E máis catro cubos
representando As caras de Compostela.
Do labor asociado á
Memoria da Xente xurdiu xa ademais Compostela no NO-DO, unha recompilación
e dixitalización de imaxes.
AS CLAVES
O obxectivo é a posta en
valor das "caras" compostelás e converter en protagonistas as
pequenas historias anónimas e funcionar como base dun futuro traballo no ámbito
sociocultural
A
mostra vai acompañada de audiovisuais nos que os veciños e veciñas toman a voz,
debullando os seus recordos e a súa interpretación da transformación da cidade
na que viven
Ningún comentario:
Publicar un comentario