venres, 6 de novembro de 2009

Bechir Yazidi: “Os exiliados de Túnez crían que se castigaría a Franco”


“Non houbo un Nüremberg para o ditador”

Xornal.com 05/11/2009


O historiador Bechir Yazidi (Túnez, 1952) impartiu onte unha conferencia na Facultade de Xeografía e Historia sobre o exilio republicano en Túnez, organizada polo proxecto da USC Nomes e Voces. Este episodio era case descoñecido para os investigadores ata que o estudoso tunecino publicou o ano pasado o seu libro O exilio republicano en Túnez.

Que é o que non sabiamos en España sobre o exilio republicano en Túnez?

O que único se sabía era que a maioria da flota republicana partiu de Cartaxena en 1939, ao remate da Guerra Civil, e máis de 4.000 españois chegaron a Túnez. Pero nada máis. Porque en España non existe documentación sobre este tema. Ata que investiguei as actividades financieiras dos españois alí non se sabía nada deste episodio.

Que actividades desenvolveron os republicanos en Túnez?

Desde marzo de 1939 ata finais dos anos 50, coa independencia de Túnez, os republicanos realizaron diversas actividades exconómicas. Integráronse no tecido socioeconómico tunecino e dedicáronse á agricultura e á industria, principalmente. A súa participación foi moi positiva porque trouxeron oficios moi diversos como albaneis, labregos ou ferreiros. E a administración colonialista francesa incentivou a especialización para realizar programas de desenrolo económicos.

Onde se asentaron?

A zona máis coñecida, onde é posible rastrexar a súa pegada, é na cidade de Kasserine. Antes da chegada dos republicanos era unha aldea insignificante, e coa axuda da administración transformouse nunha cidade moderna. Todo o que existe nese lugar foi realizado polos españois. Incluso hai un barrio que se chama A Fábrica, que era o lugar onde vivían e traballaban os españois, entre os que se atopaban moitos galegos, e un cemiterio español que por desgraza está bastante deteriorado.

Pero os comezos foron difíciles, supoño.

A vida dos refuxiados nos campamentos foi moi problemática ao comezo. Os ancianos da zona aínda lembran vellas historias sobre esa época, moitos nomes e vivencias. Atopei numerosos testemuños que non querían falar deses tempos, porque tamén en Túnez continúa sendo un tema tabú.

Como viviron a guerra desde fóra?

Eles tiñan presente que a súa estadía africana non era definitiva e agardaban volver á España republicana e democrática. Crían que co remate da Segunda Guerra Mundial e o triunfo dos aliados Franco ía ser castigado, pero non contaban con que iso non ocorrería. O ditador era un aliado precioso para os americanos, que plantaron en España as súas bases militares. Non houbo un Nüremberg para Franco. Os republicanos regresaron todos á súa terra despois de 1950. Coido que sería moi boa idea unha colaboración entre os Gobernos español e tunecino para realizar unha especie de memorial en condicións e honrar a memoria destes republicanos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario