martes, 3 de novembro de 2009

O rancor, aínda presente no recordo de Indira Gandhi


A India conmemora os 25 anos da súa morte entre as críticas da minoría sikh, que lle recrimina o ataque ó seu templo sacro

DIEGO A. AGÚNDEZ/EFE . Galicia-Hoxe. 1/11/09

A devoción e o rancor mestúranse no recordo de Indira Gandhi ós 25 anos do seu asasinato, conmemorado onte con respecto por centos de millóns de indios pero non pola minoría sikh, que lle recrimina aínda o ataque ó seu templo sacro.

Nos últimos días multiplicáronse as referencias, os especiais de televisión e as mostras de agarimo que lle dedican os seus herdeiros -a súa nora Sonia Gandhi e os seus netos, Rahul e Priyanka-, quen manteñen o control do gobernamental Partido do Congreso. "Nesta ocasión sombría, debemos recordar e reflectirnos na súa simple e austera forma de vivir e de conducirse. Sigamos guiados por ela", pediu a italiana Sonia, hoxe líder do partido, no último número da revista interna da formación.

O 31 de outubro de 1984, Indira Gandhi, daquela primeira ministra, foi tiroteada por dous dos seus escoltas sikhs cando saía de casa camiño dunha entrevista co actor británico Peter Ustinov. Indira pagou así ordenar o asalto a sangue e lume en xuño anterior do Templo Dourado de Amritsar, onde se atrincheiraron radicais armados, nunha operación que causou centos de mortos.

O magnicidio desencadeou gravísimos disturbios e unha matanza rueira de sikhs en Deli que acabou oa vida de 3.000 persoas, uns feitos que as organizacións sikhs máis radicais recordarán o 3 de novembro cunha folga. "Ó atacar o Templo Dourado, Indira escribiu a historia negra dos sikhs. O seu asasinato non foi senón unha reacción emocional, pero agora os sikhs pasamos páxina", asegurou a Efe Darmegh Singh, secretario da organización que controla os templos desta fe, o SGPC.A diferenza dos sikhs, millóns de indios valoran aínda o legado político de Indira Gandhi e citan como o seu maior logro o partir Paquistán en dous coa creación de Bangladesh en 1971 -o Exército indio axudou ós bangladeshís nesa guerra- e as primeiras probas atómicas indias, desenvolvidas tres anos despois.

Pero os seus detractores critican o seu autoritarismo e, sobre todo, o estar detrás do episodio máis negro desde a independencia india: a declaración dun estado de excepción, en 1975, que levou a miles de opositores ó cárcere e impuxo a censura.

O DATO

Iniciou a era do populismo político

Indira mergullou nas políticas do seu pai, Jawaharlal Nehru: aliñouse coa Unión Soviética -o presidente de EEUU Richard Nixon referiuse a ela como unha "bruxa"- e tratou de desenvolver a industria e acabar coa pobreza endémica da India. Pero lonxe do estilo do seu pai, Indira inaugurou a era do populismo político: nacionalizou a banca, rodeouse de fieis -non necesariamente capaces- e gobernou a golpe de eslogans como Acabemos coa pobreza ou o famoso India é Indira que coreaban os seus partidarios.

Aínda hoxe dá os seus froitos aquel xeito de entender a política, se se toma como referente de popularidade o memorial da capital establecido na súa casa, onde os visitantes poden ver fotografías familiares ou o sari marrón que levaba cando morreu. Cada mañá, énchese de miles de modestos guxaratís, bengalís e indios sureños que veñen a Deli tras días de autobús.

Ningún comentario:

Publicar un comentario