Enterran no cemiterio da Fonsagrada os restos dos trece anarquistas do Batallón Galicia asasinados polos falanxistas en 1937
EFE . Galicia-Hoxe. 1/11/09
Un emotivo enterro dos restos dos trece membros do Batallón Galicia fusilados polos falanxistas no Alto do Acebo (A Fonsagrada) no ano 1937, xunto co comandante José Moreno, celebrouse onte nesta localidade da montaña lucense. Os actos de homenaxe ós fusilados desenvolvéronse no concello da Fonsagrada, onde foi recoñecida a honorabilidade e dignidade destes integrantes do Batallón Galicia, 72 anos logo do seu asasinato, indicaron fontes da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica.
Santiago Macías, voceiro desta asociación, cualificou este acto de "emotivo, para os familiares e amigos dos fusilados", que se deron cita na Fonsagrada, onde expresaron a súa satisfacción, porque finalmente os restos dos seus seres queridos repousen no cemiterio.
Tras o acto de homenaxe na Casa Consistorial, os restos dos trece integrantes do Batallón Galicia foron trasladados ata o cemiterio municipal onde quedaron depositados nunha tumba, baixo unha lápida na que figuran os seus nomes e os doutros dous fusilados nesta zona.
No acto participaron representantes de varios concellos e da Deputación de Lugo, ademais de poetas que deron lectura a diferentes versos en homenaxe ós integrantes do Batallón Galicia, que mandaba o comandante Moreno.
AS IDENTIFICACIÓNS
Exhumáronse dúas fosas en 2008
Os restos óseos dos trece fusilados foron exhumados de dúas fosas comúns situadas na marxe da estrada no Alto do Acebo, no mes de agosto do 2008. Posteriormente no mes de decembro identificáronse os restos do "comandante Moreno", asasinado por falanxistas. As pezas dentais de ouro, a estatura, a idade e algúns trazos físicos foron determinantes para a súa identificación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario