Brasília, creada para desenvolver o centro e o oeste do país, cumpre este 21 abril cincuenta anos convertida nun estratéxico polo de poder suramericano. A epopea desta cidade artificial, pensada polo arquitecto Óscar Niemeyer e impulsada politicamente polo presidente Juscelino Kubitschek, supuxo a edificación dunha urbe no medio da nada, nun territorio onde soamenente había un poento cruceiro de camiños.
REDACCIÓN G Hoxe
O 21 de abril do 1960, tras catro anos de traballo -pensemos que as obras da Cidade da Cultura, en Compostela, comezaron hai preto dunha década-, Brasília amosoulle ao mundo o seu esplendor futurista e ese mesmo día, substituíu oficialmente a Río de Xaneiro como capital de Brasil. A pesar da curiosidade causada neses anos, a cidade non chegou a ter unha gravitación política importante nas súas primeiras épocas, en parte porque catro anos logo da súa inauguración, un golpe militar implantou un réxime que cernou liberdades, deu as costas ó exterior e mantívose no poder ata 1985.
A recuperación da democracia levou a Brasil a abrirse máis ao mundo; en 1991 naceu o Mercosur, que asociou o país coa Arxentina, Uruguai e Paraguai, e a capital nada do taboleiro do arquitecto Óscar Niemeyer comezou a ter certo peso no ámbito rexional.
A pesar da súa crecente importancia neses anos, Brasília acolleu o seu primeiro cume presidencial corenta anos logo de fundada, no 2000, cando o entón presidente Fernando Henrique Cardoso a elixiu como sede da primeira cita de xefes de Estado e de Goberno suramericanos. A activa política exterior de Lula e a súa decisión de converter a Brasil nun "actor global" fixeron de Brasília un polo de poder estratéxico para a rexión e converteron á cidade nun vigoroso centro de decisións latinoamericano.
O plano foi obra de Lúcio Costa e a maioría de edificios destacados foron creados por Niemeyer. O paisaxismo estivo a cargo de Roberto Burle Marx . A cidade construíuse sobre unha base en forma de avión que apunta ao sueste, aínda que Lucio Costa insiste en que se buscou darlle forma de cruz.
A cidade destácase polas súas amplas avenidas, que encerran ademais de edificios públicos, dous barrios, un ó norte e un ó sur, que agrupan enormes conxuntos de edificacións. A parte central do complexo esta formada pola Praza dos Tres Poderes, que equivale á cabina dese gran avión imaxinario da cidade, onde a fuselaxe está constituído por unha ampla avenida chamada Chaira dos Ministerios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario