O Goberno está a dixitalizar todos os rexistros da cripta, que serán postos a disposición da cidadanía
DANIEL PRIETO Actualizado 13/04/2010 - 01:01 h.
“Penso ir ata o final para recuperar os restos do meu avó Domingo”
O Goberno fixo público recentemente o censo coas persoas que están soterradas no Val dos Caídos, cifra que ascende ás 33.832 incluído Franco. Destas, foron identificadas unhas 21.400 e o Ministerio de Xustiza continúa cos traballos para pescudar a identidade do resto. A elaboración desta lista abre a porta para que os familiares dos represaliados que foron trasladados ao xigantesco mausoleo poidan obter os seus restos. O Congreso aprobou a realización deste rexistro o ano pasado, a instancias dunha iniciativa de IU, ERC, ICV e doutra de Na Bai, que establecía a cuantificación desas persoas e o seu posterior traslado.
Segundo a historiadora catalá Queralt Solé, a maior especialista en fosas da Guerra Civil, a cripta podería albergar a uns cen republicanos procedentes de Galicia, aínda que se trata dunha aproximación. Os galegos con parentes represaliados ven así un asomo de luz para localizar os seus seres queridos.
Este é o caso de Eva Páramos, a neta de Domingo Páramos Núñez, que foi asasinado en 1936, que baralla acudir a algunha asociación dedicada á recuperación da memoria histórica para recuperar os restos do seu avó. Pero tamén outros familiares de represaliados galegos pensan facer esta reclamación, aínda que haxa unha longa espera.
Eva conta cunha misiva remitida en 1960 polas autoridades franquistas na que se especifica o lugar exacto no que se encontran os restos do seu parente e se lle comunica o seu traslado á tumba. Este non é o caso do resto de familiares que, na maioría dos casos, non saben onde están localizados os seus parentes dentro da cripta.
Así, semella que as exhumacións en Cuelgamuros non se realizarán a curto prazo, xa que, segundo fontes do Ministerio de Presidencia, encargado da identificación no Val dos Caídos, “aínda se están efectuando os traballos de verificación dos restos nos diferentes columbarios”. A tarefa é titánica, xa que esixe unha minuciosidade total á hora de comprobar os diferentes rexistros efectuados polos gobernos civís da época, que deben ter correlación co reconto efectuado no famoso Libro dos mortos, onde se plasmaba a identidade dos cadáveres cos que o ditador foi enchendo ao chou o monumento.
Segundo as mesmas fontes, todo este material “está a ser dixitalizado” e será posto a disposición da cidadanía, en cumprimento coa Lei de Memoria Histórica. Deste xeito, os historiadores poderán acceder a unha valiosa información que durante moito tempo lles foi vedada. Ademais, hai que ter en conta que no proceso de encher o xigantesco cemiterio o ditador atopou moitas dificultades que repercuten na complexidade de indagar nos nomes dos que alí foron levados.
TRASLADO FORZOSO DOS CORPOS
Cando se iniciou a súa construción, en 1939, estaba previsto que só os mortos do bando nacional descansasen no recinto, pero as obras prolongáronse vinte anos máis do previsto e finalmente decidiuse que ao lugar fosen parar tamén os falecidos republicanos. Incluso moitos familiares dos defuntos nacionais non autorizaron o traslado dos corpos, e o Xeneralísimo optou por ordenar o traslado forzoso das foxas. As franquistas están mellor documentadas; no caso das dos republicanos coñécese o número aproximado de foxas, pero non a identidade deses restos, segundo os expertos.
Investigadores como Ángel Rodríguez, da Asociación Memoria Histórica do 36 de Ponteareas, definiron o mausoleo como “un misterio, un xardín prohibido no que ninguén xamais puido entrar”, e a propia Queralt Solé –que argumenta que o monumento foi concibido para glorificar ao bando nacional e apostou por convertelo nun museo, como se fixo cos campos de concentración alemáns– atopou numerosas trabas á hora de investigar este tipo de arquivos pola súa dispersión.
Ademais das dificultades deste proceso, que podería demorar máis do desexado as exhumacións en Cuelgamuros, as entidades dedicadas á memoria histórica e os galegos que acrediten ter un parente represaliado poderán beneficiarse das axudas que, desde hai catro anos, concede o Goberno para a dignificación e localización das vítimas do franquismo.
O BOE do 29 de marzo publicou a convocatoria das axudas, cun orzamento de máis de cinco millóns. Entidades como a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) poderían beneficiarse destas subvencións. “Estamos elaborando o calendario e estaremos en Galicia en verán”, sinalou Ángel Macías, presidente da ARMH.
Ningún comentario:
Publicar un comentario