mércores, 7 de abril de 2010

A Galicia que inventaron as cámaras do NO-DO


O CGAI e a Universidade de Santiago catalogan máis de 30 horas de noticieiros rodados na comunidade. Os veraneos de Franco, o Camiño de Santiago e o folclore teñen un papel destacado nun informativo que buscaba a 'non noticia'

NATALIA ARIAS04/04/2010 - 17:00 h.

Da Galicia do franquismo quedan na memoria colectiva moitas imaxes e algunha que outra sintonía. Probablemente, unha das máis recordadas sexa a do NO-DO, que sobreviviu a varios cambios de cabeceira durante os máis de 32 anos que o noticieiro do réxime estivo en emisión. Nesas tres décadas, as présas dos cinéfilos de última hora non tiñan que ver con chegar a tempo aos trailers, senón a aquel compendio de pezas informativas e documentais nos que se narraba a vida cotiá da España da paz, ao ritmo que marcaba a batuta da ditadura. Afeccionados e investigadores interesados en traballar sobre ese periodo histórico poderán acceder agora, sen saír da comunidade, a un relato da época de máis de 30 horas de duración, estruturado en 520 noticias e algúns documentais, e que ten como localización fundamental a provincia da Coruña, parada final do Camiño de Santiago e destino de veraneo da familia de Franco. O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) traballa na dixitalización e catalogación do material, un labor ao que se lle botan dous anos, e que servirá tamén para que a industria audiovisual o teña á súa disposición, tras negociar o pago dos dereitos.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) conta cun grupo de traballo que estuda os fondos cedidos pola Filmoteca Española. Miran cara aos segundos planos, cara ás imaxes do real, do día a día dos galegos, das súas vivendas e do seu modo de traballo, máis aló do discurso grandilocuente dun informativo especializado en buscar a non noticia. “Transmitía a imaxe de España que lle interesaba a un réxime, que quería amosar que non pasaba nada, a vida pacífica”, explica o profesor José Luis Castro de Paz, coordinador do proxecto Galicia e NO-DO.

O arquivo galego de Noticiarios e Documentais (NO-DO) comeza no ano 1943 falando sobre o VII Consello Nacional da Sección Femenina da Falanxe, celebrado en Santiago. Esa rodaxe, que se documentou co número cinco, tivo lugar tan só un ano despois de que a Vicesecretaría de Educación Popular crease o servizo propagandístico co fin de “manter, con impulso propio e directriz axeitada, a información cinematográfica nacional”. Aproveitando a experiencia de técnicos dos noticieiros homólogos de Alemaña e Italia, a UFA e aLUCE, o NO-DO tiña a exclusiva na produción destes contidos e a proxección dos seus traballos era obrigatoria en todos os cines “do territorio nacional, posesións e colonias”. Comezou a emitirse o 4 de xaneiro do 43 e precedeu cada filme que se proxectou no Estado ata 1975, cando a súa difusión pasou a ser voluntaria. Con todo, sobreviviría ata o 81.

Do traballo realizado polo principal órgano propagandístico do réxime de Franco quedan centos de horas de metraxe repartidas en 1.966 números e máis de 4.000 materiais, dos que case 3.000 foron rodados en branco e negro, 908 teñen tamén fragmentos en cor e un total de 199 foron emitidos exclusivamente neste formato. A CGAI chegaron tamén pezas deste último grupo, como a que arranca cunha voz en off que se refire a Galicia como “terra de cruceiros” e que amosa o labor artesanal dos canteiros tallando a pedra.

Como neste caso, o narrador que recalca a maxestosidade de cada frame, é unha constante. Relatou como a filla de Franco amosaba o “candor propio a da súa idade” en Bastiagueiros ou como o Xeneralísimo daba audiencia aos seus ministros en Meirás ou presidía o Teresa Herrera en Riazor. A voz do NO-DO enmudeceu en Galicia no 79. Os seus operarios pisaron entón o Arquivo do Reino de Galicia para elaborar unha peza enmarcada nun documento máis amplo sobre os fondos nacionais.

UNHA EVOLUCIÓN LIGADA AO RÉXIME

O CGAI traballa sobre todo ese material, que foi mudando ao mesmo tempo que o réxime. Trátase dun compendio entre o que se inclúen copias que perderon a voz e outras que son o primeiro testemuño da incorporación do son directo á produción cinematográfica e que aumentan a sensación de realismo. As dos primeiros anos, que deixan entrever a forte influencia do fascismo da autarquía e dos noticieiros alemáns e americanos anteriores á II Guerra Mundial, e outras que, a medida que se rebaixan as doses de propaganda, viran cara a temas culturais, deportivos ou cuestións máis intranscendentes, como os sorteos da lotaría e tópicos como “as familias nunha tarde de primavera”. Non faltan inauguracións de pantanos, como recolle un documento sobre a presa de Belesar do 63; nin os traballos dos labregos e mariñeiros, como relata unha peza do 51 rodada en Vigo. Festas populares, como a Rapa das Bestas ou o San Froilán (Lugo), e as tradicionais ceas de Nadal son outras das imaxes que deixou o noticieiro. E, aínda que menos habituais, tamén hai catástrofes. Do accidente aéreo de 1973 en Montrove (Oleiros) quedan tétricas escenas da recollida de cadáveres, que se acompañan de tímidas incursións da voz en off.

Castro de Paz cataloga todo ese mateiral en cinco grupos. “Por un lado temos unha porcentaxe importante de noticieiros ligados á familia de Franco; logo hai outros sobre romarías, que revisten un almidonamento de falso folclore propio das películas de Cesáreo González; tamén os hai que recollen menús de noiteboa, artes de pesca e cousas estrafalarias que non lle interesan a ninguén e que máis que coa propaganda teñen que ver con estereotipos; por último, está todo aquilo que se coaba nos planos e que hoxe é un material moi interesante porque recolle edificios que se perderon, modos de vida, de vestir...” Dende o punto de vista da investigación, ofrece dous matices: a visión distorsionada da Galicia do franquismo e a riqueza antropolóxica que se esconde tras esa propaganda.

Entre todos os brutos, que poderán verse a través de cabinas especializadas cando rematen os traballos, Castro de Paz coincide á hora de seleccionar unha peza favorita con José María Rodríguez, responsable do arquivo do CGAI. Un documental rodado en Santiago, sen narrador e ambientado cunha peza sonora, que como o Berlín de Walter Ruttmann ou o Manhattan de Paul Strand e Charles Sheeler, relata un día a través dos empedrados de Compostela.

Ningún comentario:

Publicar un comentario