venres, 30 de abril de 2010

Continúa o labor de recuperación da figura de José Almoina, vítima esquecida da ditadura trujillista


O historiador cubano-mexicano Salvador Pérez presenta este martes en Lugo o libro Almoina, un exiliado gallego contra la dictadura trujillista.

Redacción - 11:15 26/04/2010

Unha mala xogada da historia condenou o lucense José Almoina -exiliado e asasinado- a ser non só vítima do ditador dominicano Leónidas Trujillo, senón tamén vítima esquecida colateralmente pola desaparición de Jesús de Galíndez a mans do réxime.

O libro Almoina, un exiliado gallego contra la dictadura trujillista do historiador cubano-mexicano Salvador Pérez reivindica a figura de Almoina a través de probas documentais e testemuños historiográficos nunca antes estudados, en detrimento da "excesivamente valorada" de Galíndez, sobreexplotada polo PNV no exilio.

Editado en 2009 polo Archivo General de la Nación Dominicana, a obra é froito dun proxecto de investigación patrocinado pola Universidad Michoacana de San Nicolás de Hidalgo (Michoacán, México). Xunto co traballo de Xurxo Martínez Crespo José Almoina, Pilar Fidalgo. Exilio. Dominicana, México (A Nosa Terra, 2009), son os dous únicos libros editados sobre a vida do lucense.

Actos de Salvador Pérez en Lugo e Compostela
Precisamente, Martínez Crespo acompañará a Salvador Pérez na presentación do libro, este martes ás 20.00 horas na Galería Sargadelos, nun acto organizado pola Federación Galega de Asociacións de Emigrantes Retornados e que contará tamén coa presenza do director xeral do Grupo El Progreso, José de Cora, e do poeta e profesor universitario Claudio Rodríguez Fer.

Ademais, o vindeiro xoves, a Federación Galega de Asociacións de Emigrantes Retornados tamén organiza unha aula maxistral de Salvador Pérez na Faculdade de Historia da USC, na aula 9 ás 13.00 horas, sobre a figura do cubano José Martí.

Ningún comentario:

Publicar un comentario