luns, 26 de abril de 2010

Radio Océano, a banda que non quixo triunfar


Os coruñeses negáronse a ir a Eurovisión en 1986 e acabaron disolvéndose cun só disco no mercado, ‘Nin falta que fai’

IAGO MARTÍNEZ Actualizado 23/04/2010


As imaxes do concerto de Radio Océano na sala Nasa

“Preparamos o concerto en tres horas. Ensaiar é de covardes”. Xosé Manuel Pereiro escarállase de risa. Está na Sala Nasa de Santiago probando son e faltan aínda unhas horas para o concerto. “Só a Xurxo Souto se lle podía meter na cabeza semellante idea”, advirte. O que ía para homenaxe acabou en reunión histórica. Pereiro, por unha noite, volveu ser de novo aquel Johnny Rotring que cuspía no “goberno de mouros” en solidariedade cos traballadores de Astano. Vinte e tres anos logo de deixalo, dezaoito dende a reconversión naval “do home pálido”, Radio Océano volveu subir a un escenario.

Rotring non estivo só onte á noite na Nasa. Con el, Ross Mero, como se facía chamar daquela o tamén xornalista Santiago Romero, e os outros membros de Radio Océano nas súas distintas formacións –Dani Punta, Pablo Iglesias e Sito Evangelista–. E con eles, ademais de Uxía Senlle, Miguel Costas ou Paco Lodeiro, habituais daquel tempo atlántico como Antón Losada, Julián Hernández e Antón Reixa. A canda eles, músicos que aínda vestían mandilón de nove a cinco cando Radio Océano publicou o seu primeiro e último disco, Nin falta que fai (1985): O’Leo i Arremecághona, Martin Wu (The Homens) ou Marcos Payno (Galegoz).

O GRUPO MIMADO DE RADIO 3

O concerto ía ser un tributo á banda que non quixo triunfar, pero fóiselles a man e acabaron reuníndose para interpretar quince cancións por quendas e entre amigos. Radio Océano, en realidade, foi unha banda efémera. Durou seis anos e deixou un único disco. Empezaron no 82 e abandonaron cando xa non lles quedaban salas onde tocar. “Unha vez que pasabas polo Kremlin de Vigo e Punto 3 na Coruña estabas perdido”, recorda Pereiro. “Ademais, a época empezaba a esmorecer e os grupos son como os matrimonios pero con máis xente”.

Fóra de Galicia podían tocar, pero non quixeron. Eran o grupo mimado do batallón de modernos que traballaba na radiotelevisión pública naquela altura. O primeiro grupo español en aparecer en Metrópolis. Os preferidos de Victorino del Pozo, o director de Radio 3 que os quixo levar a Eurovisión en 1986. “Cando nolo propuxo dixémoslle que non. Moitas grazas, pero non nos vemos”. Acabaron concursando Cadillac con Valentino. Quedaron décimos.

Estiveron cerca de ter un representante, pero Pereiro non se presentou á cita que tiña en Barcelona. “Encontrábame mal”, escúsase, pero o certo é que non querían máis có que tiñan. “Estiven unha vez na CBS, pero tamén para dicirlles que non, que eu non quería ser profesional da música. Xa era xornalista”.

As mellores cancións tampouco se publicaron nunca. Nin falta que fai, o debut que gravaron nos estudios de Radio Nacional de España, está inzado de hits, dende Terra Chá ou Hago cine con mi coche a Esto no es Hawai (nin falta que fai). Moita xente, porén, recorda a banda coruñesa por cancións como Narcisismo, a adaptación do poema homónimo de Lois Pereiro (1958-1996), o irmán do cantante. Ía formar parte dunha secuela que nunca viu a luz. Gravar, gravouse nos estudios Radio Triunfo en Lisboa xunto con outros tres temas, pero quedou no caixón até que en 1997 o selo Dro a recuperou para un recompilatorio.

A resurrección non acabou onte. Metrópolis celebra o seu vinte e cinco aniversario e está a tirar de arquivo na súa páxina web (www.rtve.es/television/metropolis/). Axiña recuperará aquel programa número sete no que aparecía Radio Océano. Talvez vaia sendo tempo para unha reedición daquel primeiro disco dos coruñeses. Ou non, di Pereiro, moi Rotring: “Soamos demasiado blandos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario