mércores, 7 de abril de 2010

A memoria borrada da republicana viaxeira


Luisa Viqueira, exiliada en México, será homenaxeada o mes que vén pola Asociaciónda Memoria Histórica da Coruña polo seu activismo a prol da lingua e da cultura galega

DANIEL PRIETO28/03/2010

Luisa Viqueira xa non se lembra de que en 1936 fuxiu dos franquistas desde o peirao da Coruña nun destrutor inglés; nin de que o seu pai, o filósofo galeguista Xoán Vicente Viqueira, lle ensinou galego nun caderno ilustrado por el mesmo; nin de que lle corrixía os textos a Lois Soto e xunto a el participou na creación da UPG; nin de que se presentou voluntaria para ir de profesora cun grupo de nenos á URSS; nin de que se exiliou en México. Quen si se lembran son os membros da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), entidade que nomeará a Luisa Republicana de Honra deste ano. O premio recollerao o seu fillo Manuel Viqueira na cidade herculina o próximo 17 de abril, xa que a súa nai “non se atopa moi ben de saúde”, explica este catedrático de Teoría e Procesos de Deseño da Universidade Autónoma Metropolitana de México. Luisa ten alzheimer.

A historia de Luisa Viqueira, aínda que difundida en certos sectores, é descoñecida para o gran público. A súa vida foi “un exemplo de defensa da liberdade e dos dereitos humanos” e “contribuíu á difusión da cultura galega”, segundo a CRMH. A súa familia vivía dacabalo entre A Coruña e a fermosa Quinta de San Vitorio de Vixoi, no municipio coruñés de Bergondo. É a maior de tres irmáns e a única filla do matrionio que naceu en Galicia. En 1924, tras a morte do seu pai, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 1974, Luisa trasladouse a vivir a Madrid cos seus parentes. Como fixeran antes os seus proxenitores, asiste xunto aos seus irmáns Jacinto e Carmen á Institución Libre de Ensino. En 1935 iniciou os seus estudos de Bioloxía na Universidade. “Pasaba os veráns coa familia en Vixoi ou nas praias próximas á parroquia de Ouces, á beira de Sada”, explica Manuel Miragaia, profesor de filosofía membro da CRMH.

No verán de 1936 a guerra sorprendeu a familia de vacacións en Bergondo. Refuxiáronse nas casas dos veciños durante nove meses ata que, despois de contactar cun grupo de cuáqueros ingleses, conseguiron burlar a vixilancia franquista e embarcar nun destrutor con bandeira de Gran Bretaña cara a Francia. Desde alí volveron a España, á franxa aínda non ocupada polos nacionais. O seu irmán Jacinto decidiu alistarse no exército republicano e combater. Luisa presentouse voluntaria para exercer como profesora levando un grupo de nenos á URSS e traballou nun internado escolar na localidade de Kaluga entre 1938 e 1939.

A Guerra Civil rematou e Luisa recibiu a noticia de que os republicanos perderan a guerra e de que a súa familia se trasladaba a vivir a México. “O país azteca, a diferenza doutros, baixo a presidencia de Lázaro Cárdenas, acollía todas as persoas que solicitaban exilio e destacados intelectuais galegos e españois acabaron alí”, di Miragaia. Luisa quixo viaxar a México a toda custa cos seus, e tras sufrir moitas dificultades debido ás trabas burocráticas conseguiu abandonar o país soviético e chegou a México. “Toda a familia estaba moi comprometida coa República e colaboraron coa causa”, sinala Miragaia.

Matilde Landa, a tía de Luisa, suicidouse no cárcere de Palma de Mallorca en 1942. Pasou á historia como un símbolo da resistencia antifranquista. Jacinta Landa fíxose cargo entón da súa filla, Carmen, que foi acollida por Luisa e polos seus parentes como un membro máis da familia e tamén foi levada a México. “A muller de Xoán Vicente Viqueira fíxose cargo, con moitas dificultades, da nena da irmá, que estaba no cárcere e despois quitouse a vida”, indica Manuel Miragaia.

En México, Luisa vivirá un extraordinario período creativo. Alí estoura a súa vea máis reivindicativa e afíliase ao Partido Comunista. Participa en moitos mitins e edita boletíns nos que “denuncia o réxime de terror imperante en Galicia e no resto do estado”, precisa Manuel Miragaia. En 1949 producirase un feito que tinxirá a súa vida de negro. O seu marido, militante comunista, aparece morto ás aforas de México cun tiro na cabeza. Luisa queda soa e debe sacar adiante os seus tres fillos: Manuel, Rafael e Luis.

A súa actividade a prol da cultura e do idioma galego é unha constante ao longo da súa existencia. Luisa colabora nos anos 50 cos intelectuais Luis Soto, Carlos Velo e Francisco Comesaña na creación do Patronato da Cultura Galega de México. Nesa época é locutora do programa de radio Hora de Galicia, de temática antifascista e de divulgación sobre Galicia. Luisa fala en galego emitindo para todo o distrito federal de México.

En 1964 aínda continúa traballando no grupo galego do Partido Comunista Español e participa na creación da UPG xunto a Luis Soto. “Corrixíalle os textos a Soto, que pasou do Partido Comunista a fundar a UPG, xa que Luisa era a que mellor coñecía o galego. Eran grandes colaboradores. Tratou tamén con Bautista Álvarez e Celso Emilio Ferreiro”, indica o profesor Miragaia.

Posteriormente representa a Galicia no congreso Nais pola Paz celebrado en Viena. Nos anos sesenta abandona a militancia comunista e implícase na edición da revista Vieiros, unha das voces máis destacadas do exilio que facía chegar as súas proclamas ata territorio galego.

REGRESO A GALICIA

Luisa regresou a Galicia por primeira e única vez en 1979. Esta activista nada no número 27 da praza de Pontevedra da Coruña permaneceu seis meses na terra que a viu nacer e decidiu volver ao exilio mexicano. “Non podo volver onde a miña vida foi truncada”, asegurou daquela. Durante a súa estadía, a bióloga mantivo longas conversas con Isaac Díaz Pardo e cos veciños de Vixoi, que nun inicio se dirixiron a ela en castelán pensando que esquecera a súa lingua despois de tantos anos fóra de Galicia. “Eu quíxenlle falar en castelán pero ela viña falando galego fondamente. Levei unha sorpresa”, lembra Rosario Gómez, compañeira de xogos de infancia de Luisa. “É unha persoa excelente, a cousa máis humilde que vin na miña vida, tanto que aínda non sei como puido facer a carreira”, engade Rosario, de 87 anos, que continúa vivindo fronte á Quinta de Vixoi, o lugar desde onde de nena vía abraiada “como tiñan cociñeira, doncela e mesmo un carro de cabalos”.

O pai de Rosario, Manuel Gómez Gándara, que foi alcalde de Bergondo durante a ditadura de Primo de Rivera, mantiña “unha relación moi boa cos pais de Luisa”, recorda esta amable veciña de Vixoi, de mirada luminosa. “Ás veces víñanos buscar e ían cear á quinta, porque meu pai, sendo labrego, era moi político; levaba sempre o seu chapeu e lía todos os días o periódico, cando nesa época moita xente nin ler sabía”, di Rosario.

“Cando vin de novo a Luisa, que sempre foi unha muller alta, estaba un pouco curvada. Ela dícía que de tanto ler quedáralle esa postura. Tiña un carácter moi agradable, era moi simpática”, recorda Rosario, que tamén mantiña unha gran amizade con Carmen, a irmá de Luisa, afamada antropóloga. “Carmen, porén, sempre falaba castelán e ata o ano pasado sempre veu aquí de visita. O que pasa é que agora quedou cega. Temos ido xuntas á feira medieval de Betanzos e ao baile da terceira idade. Moitas veces ela comía aquí na miña casa, como cando eramos pequenos. Porque a nós nunca nos faltou de comer grazas a Deus”, relata Rosario,

Segundo esta veciña, a nai de Luisa, Jacinta Landa, casou por segunda vez cun amigo do seu marido. “Un día que veu aquí Jacinta díxome: ‘Ya ves, Rosario, he vuelto a casarme’. A min pareceume normal, porque ela quedara viúva e tivo que sacar adiante os fillos e fíxoo cun señor que era amigo do seu marido. A guerra partiu aquela familia”, conta.

“TIÑA CLARO QUE NON ÍA VOLVER”

Ao parecer, cando o marido de Luisa foi asasinado, a activista vendeulle a súa parte da herencia aos seus irmáns. “Penso que ela tiña claro que non ía volver, aínda que Carmen e Jacinto sempre lle dixeron que aquí tería a súa casa cando quixera”, matiza Rosario. Aínda así, cando Luisa Viqueira volveu a Galicia, hai máis de 30 anos, encargouse de “revivir cada lugar da súa infancia, foi á Coruña e díxome que pisara cada pedra na que xogara cando era pequena, e aquí en Vixoi tamén botou moito tempo”, engade Rosario, que asegura que un dos moitos rapaces que a nai de Luisa traía de Madrid a pasar o verán a Bergondo “era un dos médicos que atendeu a Franco cando estaba morrendo. Non lembro o nome, pero era un rapaz moi espelido que tomaba moito leite, porque nós antes tiñamos moitas vacas”, engade.

Un recordo similar de Luisa e da familia Viqueira-Landa garda o irmá de Rosario, Antonio Gómez, que reside na parroquia veciña de Miodelo. “Aínda que nós eramos labradores e sempre se gardaron as distancias, foron unhas persoas simpáticas e atentas”, lembra este ex agricultor afeccionado á lectura de 91 anos. “Cando Luisa volveu a Galicia, en 1979, chamoume moito a tención que viña falando galego. Contoume que en México facía un programa de radio e foi moi amable comigo.Regaloume tres libros do seu pai que aínda conservo”, sinala. A Antonio, home modesto e cultivado, cústalle moito confesar o que naquela ocasión lle dixo Luisa: “Deixoume os libros porque falabamos moito e nos entendiamos á perfección. Non quero presumir, pero contoume que eu era a persoa máis indicada para deixarmos porque sabía que os ía ler e lles ía dar valor”. E así foi, porque Antonio conserva os libros en perfecto estado tres décadas despois, e leunos en varias ocasións.

As xoias que atesoura son edicións moi difíciles de atopar: Xoán Vicente Viqueira.Vida, personalidade e pensamento, de Luis Veiga do Campo; Xoán Vicente Viqueira. Ensaios e poesías, editado por Galaxia; e Escolma de traballos de Xoán Vicente Viqueira, editado pola Real Academia Galega. Antonio prestoulle en varias ocasións estas publicacións a varios investigadores do filósofo bergondés. Ademais, este ávido lector, que conta cunha considerable biblioteca no seu domicilio, continúa mergullándose no universo das letras valéndose dunha lente que lle facilita a lectura, xa que os seus ollos están cansos. “O tempo non perdoa”, advirte.

Outra das persoas da familia Viqueira que causou unha fonda impresión en Antonio foi unha irmá do escritor, María Luisa. “Gardo un gran recordo dela, era unha señora moi atenta. Era como a practicanta da aldea. Levaba os utensilios para facer as curas e atendía os veciños nas casas”, asegura. Rosario Gómez tamén se lembra dela: “Era a persoa máis boa que había no mundo. Púñalle as inxeccións á xente e sabíalle atopar a doenza a cada persoa. Ao final tamén marchou para México”.

En canto ao polémico episodio do enterro de Xoán Vicente Viqueira, Rosario achega un dato moi interesante. Os restos do insigne escritor xacen no cemiterio municipal de Ouces na única tumba sen cruz de todo o camposanto. E é que o intelectual era panenteísa, cría nun Deus inmanente e rexeitaba calquera tipo de iconografía relixiosa. Debido a isto, a Igrexa tentou trasladar os seus restos en varias ocasións. Ao parecer, o pai desta veciña, que mantiña unha gran amizade do cura daquel entón, exhortou o párroco para que lle dese sepultura ao corpo do galeguista. “Ao principio o cura non o quería enterrar no cemiterio porque dicía que era ateo, pero meu pai convenceuno dicíndolle que a súa muller fixera moitas cousas boas pola xente da parroquia”, explica a veciña.

“FAMILIA ILUSTRADA”

Segundo o profesor Manuel Miragaia, da CRMH, a familia de Luisa “é unha familia ilustrada”. O seu fillo Manuel, que acudirá en nome da súa nai a recibir o premio á republicana do ano, “é un defensor da recuperación da memoria histórica, que se formou na Polonia comunista e exerce como profesor de arquitectura”. Carmen, a irmá de Luisa, por exemplo, é unha destacada antropóloga mexicana e os seus fillos tamén exercen esa disciplina. E Jacinto, o seu outro irmán, “é catedrático emérito de enxeñería eléctrica e ten un fillo antropólogo, Juan Pablo Viqueira, que realizou numerosos traballos sobre Chiapas”, expón Miragaia.

Din os seus achegados que Luisa Viqueira “espera morrer pensando na súa Galicia”. Oxalá a súa dedicación e o seu empeño a prol da cultura galega fagan que obteña o recoñecemento que merece. Polo momento, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña xa conseguiu o máis difícil: facer que a súa extraordinaria vida se dese a coñecer entre a opinión pública e, sobre todo, que hoxe a lembremos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario