Foi internado nun centro para inmigrantes durante seis horas e expulsado despois por "razóns de seguridade"
XORNAL.COM Actualizado 27/04/2010
As autoridades israelís deportaron a primeira hora deste martes ao clow galego Iván Prado, director do Festiclown en Galicia durante os últimos dez anos e do colectivo Pallasos en Rebeldía. O vigués viaxaba acompañado por unha compañeira para organizar o Festiclown 2010 que se vai desenvolver en outubro deste ano nos Territorios Ocupados de Palestina.
A seguridade do aeroporto de Ben Gurión interrogounos durante seis horas ao atopar "sospeitoso" que a súa compañeira de viaxe tivese un apelido palestino. Durante este tempo, a policía retiroulles os seus pasaportes e cacheounos até en tres ocasións. Ao fío da medianoite do luns, foron trasladados a un centro de internamento para inmigrantes fóra do recinto aeroportuario preto de Tel Aviv, onde foron retidos en celas invididuais durante seis horas. Logo, foron devoltos ao aeroporto para embarcar de volta a España. As autoridades israelís aduciron que a súa deportación débese a "razóns de seguridade".
Á súa chegada ao aeroporto de Barajas, Iván Prado tentou interpor unha denuncia pola súa deportación, que non foi admitida polos axentes da comisaria do aeródromo. A deportación en Israel impide a entrada durante cinco anos. O país hebreo é a única porta de entrada tanto a Cisxordania coma a Gaza.
A expulsión do clown galego prodúcese días despois de que o ministro de Exteriores español, Miguel Ángel Moratinos, pedise explicacións ao seu homólogo, o ultradereitista Avigdor Lieberman, pola aprobación da lei do 13 de abril que permite a deportación en masa de palestinos e estranxeiros dos Territorios Ocupados por ordes militares. Moratinos tamén instou a Lieberman a que permita traballar aos cooperantes estranxeiros, aos que non se lles só se lles concede visado de turista, polo que se ven obrigados cada tres meses a deixar o país e volver entrar para renovar as súas visas. A súa admisión é discrecional e depende habitualmente do criterio da policía de fronteiras ou da seguridade do aeroporto de Tel Aviv. A nova lei militar dá carta branca ao Exército israelí para deportar aos traballadores humanitarios en Cisxordania.
Ningún comentario:
Publicar un comentario