A editorial Trifolium rescata uns escritos persoais que axudan a comprender mellor o pensamento e compromiso vital do crego nacionalista.
Redacción - 19:05 13/04/2010
Canda o líder agrarista Basilio Álvarez, Moncho Valcarce foi sen dúbida o crego máis coñecido pola súa implicación política e social do pasado século XX en Galiza. O tamén coñecido como 'crego das Encrobas' foi tamén un dos máis importantes símbolos do nacionalismo galego durante as décadas dos 70 e dos 80. Dezasete anos despois da súa morte, a editorial Trifolium publica o libro 'Moncho Valcarce. Un símbolo para Galiza. Diarios inéditos e outros textos'.
A obra recupera textos escritos por Valcarce entre 1961 e 1968, ano no que foi expulsado do Seminario por ser “demasiado idealista”. Tamén se recupera un Diario de Exercicios Espirituais que corresponde cunha estancia en Pontedeume que data de 1983. No mesmo explica as razóns que o levaron ao sacerdocio e ao seu compromiso coa esquerda nacionalista.
A idea de publicar este volume foi da Irmandade Moncho Valcarce. O libro está coordinado polo teólogo e escritor Victorino Pérez Prieto. Canda os escritos do propio Valcarce a publicación ofrece numerosas imaxes (algunhas tamén inéditas) e unha ampla biografía.
A partir do venres a obra vai estar á venda nas principais librarías do país. Ese mesmo día, ás 19 horas, haberá unha presentación na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña (rúa Durán Loriga, 10). No acto intervirán a concelleira de Cultura María Xosé Bravo, Victorino Pérez Prieto, Ramón Muñiz, Xácome Santos, Gumersindo Campaña e o editor do libro, Xan Arias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario