domingo, 25 de abril de 2010

Mariquiña Villaverde: “O que coñezo de meu pai é polos historiadores”


>> "Era un home marabilloso; dicía que ante todo había que axudar as persoas á marxe das ideas".

>> "Do que máis orgullosa me sinto é da miña familia, que nos fieron ser persoas felices e tolerantes"


DANIEL PRIETO Actualizado 21/04/2010


A comarca coruñesa rexistra máis de 600 asasinados durante o franquismo


Mariquiña Villaverde, a filla do famoso anarquista José Villaverde, aínda se emociona cando lle preguntan polo seu pai. Ela tiña un ano e medio cando foi asasinado en 1936. “Do que máis orgullosa me sinto é da miña familia: o meu pai, o meu avó, os meus tíos... que nos fixeron ser persoas felices e tolerantes”, conta esta muller afable e sensible. “Todo o que coñezo sobre o meu pai é grazas os historiadores, como Dionisio Pereira”, engade Mariquiña, que considera “unha gran iniciativa” o proxecto presentado onte na Coruña, que contou co asesoramento dese historiador.

Mariquiña reside na Coruña. Aínda lembra a historia que a súa nai lle contaba, de cando José, tras abandonar a CNT, rexentaba un quiosco na praza de Santa Lucía, fronte a sede de Falange, e atendía as dúbidas que os falanxistas lle presentaban. “El axudáballe cos escritos e coas consultas que lle facían, sen ter en conta a súa ideoloxía. Era un home marabilloso. Dicía que ante todo había que axudar ás persoas á marxe das ideas”, di a filla, que o recorda “como un orador nato que transmitía todo con sinxeleza”.

José Villaverde (Santiago, 1894), carpinteiro de profesión, comezou moi novo na militancia anarquista. Desenrolou unha intensa actividade sindical en Vigo, primeiro, e despois na Coruña, onde se trasladou despois de ser nomeado director do semanal Solidaridad Obrera. Dirixiu tamén o voceiro ¡Despertad!, consolidou a CNT en Vigo e participou na creación da Federación Regional Marítima. Foi detido tras o golpe militar e foi asasinado despois de rexeitar liderar os novos sindicatos falanxistas.

“Meu pai tiña unha mente moi lúcida; el non escribía os discursos, só levaba un guión nun papel”, asegura a filla. “Era tan fiel aos seus ideais que incluso coñeceu ao meu avó, Joaquín Otero, que loitou pola xornada de oito horas, nun mitin”, engade. Mariquiña amosa o seu “orgullo” por pertencer a unha familia de clara vocación sindicalista, xa que os seus tíos tamén foron destacados activistas que loitaron polos dereitos dos traballadores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario