venres, 30 de abril de 2010

Onde os mortos se enterraban en caixas de cinc


En Navia de Suarna, na montaña luguesa, os cadaleitos eran metálicos por se un encoro fatal obrigaba os veciños a marchar coa súa casa e os finados a outro lado


MARCOS SUEIRO 25/04/2010


Navia de Suarna está agochada entre cordais e serpeada por ríos fecundos que emiten o único ruído que se escoita cando un dá a volta. A vista recréase nas montañas que rodean a terra fértil e os sentidos recupéranse cando cheiran os olores deste concello desexado por persoas físicas e xurídicas con diferentes intencións. Dende hai cincuenta anos a auga parece un dos reclamos que esperta o interese de empresas que subministran luz despois de intervir os espazos. Os vellos do lugar xa entoan a modo de benvida: “Volvemos co tema da presa e non paran”.

Efectivamente volve estar sobre a mesa a ambición de Hidroeléctrica do Cantábrico e Electro Viesgo de construír un ou dous encoros nesta zona da montaña luguesa. Unha vella aspiración que se renova cada certo tempo e que promete dar que falar durante moitos anos. Así o entenden tres mestras do colexio que no café da praza pasan a hora da sesta. Unha delas introduce a conversa: “Toda a vida se falou disto pero, claro, ninguén na vila quere a obra”. A súa argumentación continúa: “Esa ladaíña constante foi a desgraza do concello, por iso se construíu como se construíu, incluso os mortos se soterraban en caixas de cinc para que a madeira non se podrecese por se tiñamos que sacalos correndo”. As demais compañeiras observan a estampa e comentan: “Tal cal o conta, porque o noso futuro non está nas nosas mans e se pensas moito niso non vives”.

Os dereitos de explotación do río remóntanse a hai cincuenta anos cando o réxime franquista outorgou a concesión a (daquela) Hidroeléctrica do Cantábrico e Electro Viesgo. Nunca fixeron unha obra concreta pero si elaboraron distintos proxectos e con distintos nomes: o gran Suarna, encoro no lugar de Penamil e na actual área recreativa de Suarna e, finalmente, o proxecto actual cuxa cola alcanzaría o lugar de lecer situado a carón da ponte romana.

O actual alcalde, José Fernández, sitúase á fronte da corporación en contra de calquera operación para construír un encoro. Lembra que en 2004 o proxecto de embalsar auga quedou denegado polo Tribunal Supremo ao saltarse a declaración de impacto ambiental. Na actualidade é distinto. “Volvemos á fase de proxecto e veremos a ver que pasa, nós faremos as nosas alegacións”, comenta. Recoñece que ata o de agora ningunha persoa da Confederación Hidrográfica do Cantábrico se puxo en contacto co concello, pero anticípase para dicir: “As nosas razóns son claras, o noso pobo ten un valor paisaxístico e etnográfico incalculable e non podemos pór en risco a nosa riqueza”. O rexedor pregúntase: “Para que nos servirá o encoro?”. E el mesmo responde: “Para ter muros de formigón, o pobo malferido, pouco emprego e a cola no medio das casas”. A súa locuacidade lévao a exclamar: “Estamos fartos de tanta ameaza, fixéronnos tanto dano como se o construísen daquela!”.

O primeiro edil confesa que ten 52 anos. “Dende que nacín estamos así”. Os datos tamén o confirman, xa que a primeira resolución relativa á explotación hidroeléctrica de Navia data do 22 de xullo de 1939, cando se concede a primeira licenza de outorgamento de concesión parar o aproveitamento de 40.000 litros do río Navia. No ano 1942 ábrese o proceso de información pública para o proxecto de construción e así sucesivamente ata que o 23 de decembro de 2009 a empresa Saltos de Navia ( Electra del Viesgo e Hidroeléctrica del Cantábrico) solicita autorización, de novo, para a explotación da súa concesión.

O proceso de Navia é observado por diferentes colectivos que ven situacións estrañas. Mark Adkinson, representante da Asociación Ríos con Vida, cre que o que de-sexan en realidade os titulares dos dereitos é cobrar por non facelo. Segundo explica: “Ao parecer cando che cancelan unha concesión a empresa pode pedir unha indemnización e isto é o que buscan”.

Os que veñen de fóra tamén opinan e teñen claro a súa postura. Marina e Sergio son unha parella de profesores universitarios que decidiron recorrer a zona. Veñen dende o sur do estado e, fuxindo dos abriles en feiras, atopáronse cunha “paisaxe marabillosa”. Marina explica: “Paréceme unha brutalidade cos tesouros que hai aquí agochados que se poida pór sobre a mesa facer un encoro”. Sergio completa a observación dicindo: “Este é un lugar dun grande valor paisaxístico e etnográfico e non cabe ningunha actuación que non sexa a súa conservación”. Os argumentos en forma de cascada natural seguen xurdindo: “Pero que riqueza pode traer colocar un muro para conter a auga que vai arrasar con todo?”. O home, na súa condición de cidadán militante, reclama: “Cómpre conservar este agasallo, sinalizar ben as estradas e os lugares, favorecer o seu coñecemento para xente estudosa do verde e o non adulterado”.

Os rapaces de Navia tamén parecen convencidos. Marcos e Silvia teñen 13 anos e estudan 2º curso da ESO. A primeira en fixar a súa posición é Silvia: “As empresas de fóra non van ter beneficio ningún e van acabar con todo”. E Marcos remata: “O que van facer é acabar con moitas aldeas e quitarlle á xente o que a xente ten”.

“QUE A FAGAN DUNHA VEZ”

Pero a opinión que parece unánime é contradita pola moza que atende un antigo almacén. O local onde traballa é amplo e espazoso. Os mobles, antigos. E aínda está a vella correspondencia de banca. Montserrat emerxe tras o mostrador para espetar: “Non vai gustar o que vou dicir pero a min paréceme ben que fagan o encoro. Primeiro, pagaríanme as fincas que teño por aí adiante e que ninguén dá un peso por elas. Segundo, moito ecoloxismo pero eu das ras non vivo e aquí morre a xente e a vivir non vén ninguén”. As súas conclusións malhumoradas rematan cunha advertencia: “Hai que pór o que eu dixen no xornal e aínda podo dicir algo máis. Navia está morta dende os anos 50, porque cando parece que quería medrar outra vez coa leria da presa... É mellor que a fagan dunha vez.”

Máis alá das diferentes opinións, a única presenza en forma de empresa hidroeléctrica é a minicentral concedida no lugar de Maseiriños a un particular “que non vive no pobo”, din as mestras, e que economicamente “se arranxa ben”. Un empregado municipal, Antonio Pérez, condutor dun dos tractores do concello, pensa en clave de futuro e acode a iso de que a unión fai a forza para explicar: “Eles están pendentes sempre da renovación da súa concesión, é lóxico, e nós temos que estar xuntos para dicirlles que non queremos o encoro porque non nos vai traer ben ningún”.

Mentres nos despachos se xestionan as estratexias para decidir que pasará finalmente, en Navia os veciños e as veciñas continúan coas súas vidas. A dona do bar da praza resume: “Canda certo tempo vén xente preguntando, antes facíanos novidade pero agora xa é vello, despois marchan e ata outra e nós seguimos ao noso”. O alcalde parece confirmar estas afirmacións ao sentenciar: “Mira agora nós queremos mellorar os accesos á vila, estamos pendentes de conservar ben o noso patrimonio histórico e queremos construír unha residencia pública para a ancianidade do noso concello, e tamén recibir ben os que veñan vernos porque aínda non nos tragou a auga”. Finalmente José Fernández, cando se lle pregunta se é un alcalde de progreso, el responde: “De retroceso xa tivemos bastante”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario