Domingo Rodríguez
Teijeiro: "Os cárceres franquistas de Galicia buscaban readoutrinar os
presos para adaptalos á vida no novo réxime"
VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO
"Os cárceres
franquistas de Galicia, ademais de lugares de castigo, tamén buscaban
readoutrinar os presos, para readaptalos á vida no novo réxime". Así o
asegura o historiador da Universidade de Vigo, Domingo Rodríguez Teijeiro (O
Barco de Valdeorras, 1966) que leva anos pescudando nos escasos arquivos que se
conservan sobre o sistema penitenciario en Galicia. Froito das súas investigacións,
ademais dunha tese de doutoramento, acaba de publicar en Galaxia o seu estudo Presos
e prisións na Galicia de guerra e posguerra (1936-1945).
O libro aclara os
verdadeiros obxectivos do sistema penitenciario franquista, que se dirixían non
só ao castigo dos reclusos senón "ao adoutrinamento ideolóxico" para
"romper a resistencia política e moral dos presos". Era o paso previo
necesario para tratar que aqueles presos "redimibles" axudasen a erguer
un país en ruínas. "Até principios dos anos corenta, pasaron polos cárceres
máis de 270.000 presos, un volume moi importante de poboación que abranguía
todo rango de profesións, dende mineiros a médicos, persoas que facían falta
como man de obra para reconstruír o país destruído tras a guerra", apunta
o historiador.
O réxime buscaba crear así,
en palabras de Rodríguez Teijeiro, "un certo tipo de consenso social
baseado na coerción" que ían máis alá da vinganza ou do castigo. Como
indica no limiar da obra o catedrático da Facultade de Historia de Ourense Jesús
de Juana -que considera o traballo "unha das máis sólidas achegas á
historiografía española actual"-, as prisións convertéronse en "tubo
de ensaio" dos mecanismo de control que os franquistas comezaban a aplicar
sobre a sociedade española, para elimininar calquera adhesión ás ideoloxías
republicanas ou vencelladas ao movemento obreiro.
O sistema penitenciario
evolucionou dende o 36 até o 45 cara á súa centralización, coa creación do
Servizo Nacional de Prisións e do Rexistro Central de Penados e Rebeldes, entre
outros organismos represores. Con todo, un problema endémico das prisións que
tamén afectou a Galicia foi que o elevado número de detencións "poñía ao
bordo do colapso o sistema penitenciario", obrigando a crear novos
espazos. "De aí que os mosteiros galegos sexan lugares nos que se creen cárceres
xa que neles cabía moita xente, moitos xa tiñan reixas e non necesitaban de
obras", apunta o investigador. Ademais, moitos dos presos considerados
"menos perigosos" eran trasladados para traballar nas obras de
reconstrución do mosteiro de Oseira ou nas minas de wolframio de Casaio
(Ourense). "Moitas explotacións deste tipo non serían rendibles sen esta
man de obra", indica o historiador.
"Co traballo querían
redimir os presos cara ó catolicismo"
A función do traballo,
segundo as autoridades franquistas, era a de "redimir os presos cara ao
catolicismo", e, de paso, axudar a sufragar os gastos dos propios presos.
"O traballo forma parte do adoutrinamento -apunta Rodríguez Teijeiro-.
Unha das obrigas para poder traballar era que o preso tivera aprobados os
cursos de relixión. Ademais, como non era posible manter as prisións, eran os
propios presos os que tiñan que traballar nas cociñas, nas oficinas ou na
administración". A propia idea de "redención" como "expiación
de culpas colectivas" está inspirada "na importante participacion da
Igrexa nacional" no réxime franquista.
Tras a caída da Fronte
Norte, a partir de 1937, as autoridades franquistas deciden abrir campos de
concentración para albergar unha masa case "inasumible" de detidos.
Para Rodríguez Teijeiro, non é correcto consideralos "o núcleo esencial da
acción represiva" dos franquistas. Ao seu ver, son "lugares de
reclusión e de violencia xa que grupos de falanxistas acudían alí a buscar os
presos que logo paseaban, e sufrían as mesmas malas condicións de vida, a
sobreocupación e a fame das prisións" pero non teñen nada que ver cos
campos de exterminio nazi. A maioría dos campos de concentración galegos acollían
os presos asturianos que foron enviados ós cárceres ou á fronte nacional. En
Galicia, non quedou ningún aberto máis alá de 1939.
O 96 % dos reclusos eran
presos políticos
"Todo o sistema
penitenciario se crea pensando nos presos políticos", asegura o
historiador. De feito, o 96 por cento dos reclusos están entre reixas por
motivos políticos. De feito, até 1945 non existe a figura do preso común
encarcerado por outro tipo de delitos. "Todo o que tivese que ver co réxime
republicano era considerado culpable", indica Rodríguez Teijeiro que en
1998 publicou o traballo Longa Noite de pedra no Mosteiro de San Salvador.
Represión e reclusión en Celanova. 1936-1943.
ESTRATEXIAS DE RESISTENCIA
"En lugar de Franco,
berraban rancho"
Malia a
degradación á que estaban sometidos os presos do franquismo, convivindo
amoreados, sen apenas alimentos e minguados por doenzas tan graves como o tifo
ou a tuberculose, moitos conseguían organizar estratexias de resistencia.
Formas de oposición política como berrar "rancho" en lugar de
"Franco" ou negarse a saudar co brazo en alto ou a participar en
actos relixiosos. "Hai que poñerse nas circunstancias dos presos. Eu chámolles
formas de resistencia de baixa intensidade xa que a pesar de todo o adoutrinamento
ideolóxico, os presos non son suxeitos pasivos senón que se rebelan como contan
as memorias do Libro de actas da prisión de Celanova, onde os presos se negaban
a asistir ás sesións de adoutrinamento católico", explica o historiador.
Protestas que en moitos casos acababan con castigos que endurecían se cabe aínda
máis as súas deficientes condicións de vida ou que mesmo lles valían unha
condena a morte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario