xoves, 30 de decembro de 2010

"Conservar a Memoria"

O Museo do Mar abre hoxe a mostra de Xosé Anxo Fontenla sobre as fábricas de conserva e salgadura, construídas na costa, hoxe case todas en ruínas

REDACCIÓN . SANTIAGO

Conservas Escurís, está situada na parroquia de Escarabote (Boiro), na provincia da Coruña FOTO: xosé anxo fontenla

O Museo do Mar de Galicia inaugura hoxe ás 20:00 horas, na sala da exposición permanente, a mostra Conservar a Memoria, que xurdiu do traballo que o gañador da II Bolsa de Creación Fotográfica: O Mar, Xosé Anxo Fontenla Chas, ten desenvolvido nos últimos meses tras obter o premio que organiza o Museo o Centro de Estudos Fotográficos (CEF) de Vigo.
Este mozo fotógrafo pontevedrés, nas corenta fotos que compoñen a mostra, fai un percorrido polas fábricas de conserva e salgadura, a maioría agora en ruínas, construídas a beira do mar galego entre os séculos XIX e XX. Este achegamento ó mundo da conserva serve como reflexión sobre a importancia de coñecer a historia galega e poder valorar así o patrimonio industrial da costa. Na elaboración das imaxes, Chas utiliza un método baseado na escola alemá de Düsseldorf, onde fotografan as paisaxes urbanas e as industrias cunha técnica moi coidada na que ten especial relevancia a profundidade da escena.
Conservar a Memoria, que permanecerá no Museo do Mar ata o 3 de abril do vindeiro ano, é ademais un reflexo fiel da evolución na construción industrial ao longo dos últimos anos. Nas instantáneas, pódese comprobar como as primeiras fábricas presentábanse moito máis integradas no medio e posuían unha estética moi coidada, a diferenza das construídas máis recentemente, onde prima a funcionalidade fronte ó deseño.
Xosé Anxo Fontenla Chas, nado en Pontevedra en 1976, licenciouse en Belas Artes na facultade da mesma cidade no ano 2003 e especializouse en Fotografía de Arquitectura no Institut d"Estudis Fotografics de Catalunya -IEFC-, no 2005. Participou en diversas exposicións colectivas como o VI Premio Auditorio de Galicia para novos artistas (Santiago de Compostela, 2009), o Arquitectures i espais, alumnes IEFC ( Barcelona, 2007), o In Situ-Site Based Project (Illa da Xunqueira, Pontevedra e Central Space Gallery; Londres, 2004) ou o Malas Artes Arquitrabes (Vigo, 2003). Tamén ten exposto mostras individuais como Preventorio, na sala Alterarte (Ourense, 2009), ou Vanitas, no Collegi d"Arquitectes de Catalunya (Barcelona, 2007).
Por outra banda, ábrese a convocatoria da III Bolsa de Creación Fotográfica: O Mar, que lles ofrece aos novos autores a posibilidade de elaborar un proxecto propio relacionado co mar galego. O gañador, que deberá ser menor de 35 anos, recibirá como premio unha bolsa de 3.000 euros para a realización do seu traballo fotográfico. Os interesados en participar poden consultar as bases na web www.museodomar.com.

Ningún comentario:

Publicar un comentario