Luis Miguel Carmona recupera nun libro os anos nos que o cinema erótico se converteu nun fenómeno social en Europa
JULIO SORIA/EFE . MADRID
Houbo unha época, desde
finais dos sesenta e ata principios dos oitenta, en que o cine erótico se
erixiu en fenómeno social dunha Europa ávida de sexo máis ou menos explícito.
Un tempo de corpos peludos, peitos sen silicona e escenas que ían máis aló
dunha mera sesión de ximnasia xenital. As mulleres eran naturais, non estaban
depiladas nin operadas, al- gunhas estaban gordiñas... Un dos logros é que as
actrices parecían mozas que podía atopar pola rúa ou no autobús, e aí residía o
morbo, explica o experto en cine erótico Luis Miguel Carmona. Emmanuell,
Sylvia Kristel, o destape, Nadiuska, Susana Estrada, Ese escuro objeto del
deseo, Laura Gemser... Referencias duns anos que Carmona documentou en Cine
erótico a la europea (TB Editores), onde propón un repaso ao fenómeno.
Os primeiros pasos do
erotismo caracterizáronse pola súa precaución, case sempre en formatos que
mesturaban o sexo con outros argumentos secundarios: comedias subidas de ton,
documentais presuntamente educativos, filmes sisudos con corpos ó aire...
"Mentres en Francia se facían películas como O último tango en París
ou A gran comilona, en España tiñamos o landismo. O cine erótico
inaugurouse con Emmanuelle (1974), unha das películas máis comerciais de
todos os tempos", relata Carmona. Protagonizada por Sylvia Kristel, a
cinta francesa rompeu o tabú sexual e instaurou o erotismo como base central
dunha trama. "Empezaron a rodarse moitas películas e creáronse sucedáneos
como Emanuelle negra, feita en Italia. Para evitar problemas de
propiedade intelectual quitaron unha "m" e engadiron o de negra",
recorda o historiador sobre a picaresca transalpina.
O cine erótico non emerxeu
en España ata a fin da ditadura franquista, pero os cineastas, actores e
actrices abrazaron o xénero con entusiasmo. Corría o 11 de novembro de 1977
cando Pío Cabanillas, naquel momento ministro de Cultura con UCD, terminaba
oficialmente coa censura do antigo réxime. Nacera o destape, con Nadiuska, Bárbara
Rey e Susana Estrada entre as súas grandes iconas.
Estas actrices fixéronse ó
carón da chegada do cine clasificado "S", que viviu o seu lustro
dourado entre 1978 e 1983. "Fíxose un cine erótico moi libre, de películas
sen ningún tipo de subvención, para un público moi determinado. Algunhas
recadaron cen millóns de pesetas, unha cifra que non alcanzan moitas películas
españolas na actualidade", resalta Carmona.
El fontanero, su mujer y
otras cosas de meter, La caliente niña Julieta, El diputado, Con las bragas en
la mano ou La orgía foron os títulos que máis recadación obtiveron baixo
a clasificación "S", no que desfilaron actrices como Andrea Albani,
Azucena Hernández, Lina Romay ou Carla Valero.
A CERNA
"Agora vemos estas
películas e parécennos moi inocentes, case de Walt Disney. Non se entende que
fosen tan polémicas, que a xente fixese cola por velas. Pero é que nunca antes
se vira nada semellante. Algunhas eran moi interesantes. Un escoita Mi
conejo es el mejor e soa a broma, pero era unha película que reflexionaba
sobre o masoquismo e a humillación, moito máis profundamente que o indicado
polo seu título", defende Carmona.
Con menos
pretensións intelectuais, o cine de Pajares, Esteso e Ozores cumpriu un labor
de documentación histórica. "Foi un cine social moi interesante,
posiblemente o único que se fixo en España durante a Transición, o que mellor
reflectiu o que estaba pasando no país", explica o experto sobre filmes
tan hilarantes como "Os bingueros", "Os enerxéticos",
"Os liantes" ou "Todos ó solo!".
Ningún comentario:
Publicar un comentario