mércores, 22 de decembro de 2010

Razas amputadas


O Museo do Pobo Galego exhibe desde o xoves unha exposición con fotografías de Gervasio Sánchez sobre a traxedia de Serra Leoa
MARÉ . SANTIAGO
Serra Leoa, guerra e paz é o título da mostra que a partir do día nove -e ata o 26 de decembro- se poderá visitar no Museo do Pobo Galego, en Compostela. A exposición, que recolle fotografías de Gervasio Sánchez,hega da man do Seminario Galego de Educación para a Paz, no marco do Foro Mundial da Educación Compostela 2010. En Serra Leoa, Guerra e Paz o misioneiro Chema Caballero e o fotoperiodista Gervasio Sánchez, un dos fotógrafos máis recoñecidos polo seu compromiso coa causa dos dereitos humanos, amósalles aos espectadores, a través de testemuños gráficos e orais, o retrato das vítimas do drama, os seus esforzos por rehabilitárense e as esperanzas suscitadas polo proceso de paz. É unha aproximación sensible e respectuosa á guerra nun dos países máis pobres do mundo e ao proxecto de rehabilitación de nenos e nenas soldados máis coherente a nivel mundial.
A República de Serra Leoa é un país de África occidental que durante o século XVIII foi un importante centro de tráfico de escravos. Igual cá veciña Liberia, Serra Leoa naceu principalmente para establecer escravos liberados, que fundaron a capital, Freetown, en 1791. O país conseguiu a independencia en 1961.
A guerra civil en Serra Leoa remóntase ao ano 1991. O 6 de xaneiro de 1999 a guerrilla iniciou o asalto a Freetown, ocupando case todo o núcleo urbano da capital e destruíndo centos de casas. Nas semanas anteriores avanzara por todo o país aterrorizando a poboación civil e provocando o seu desprazamento masivo. A batalla de Freetown durou dúas semanas. A loita asañada rúa a rúa sementou a cidade de cadáveres. Miles de civís sufriron terribles amputacións ou foron executados sumariamente. Entre os rebeldes había miles de nenos e adolescentes secuestrados das súas aldeas.
En 2000 produciuse un rebrote bélico que durou varios meses. Algúns periodistas serraleoeses e estranxeiros perderon a vida cubrindo a guerra; entre eles, o español Miguel Gil e o estadounidense Kurt Schork, mortos nunha emboscada o 24 de maio de 2000.
A amputación foi unha macabra singularidade da guerra de Serra Leoa. A guerrilla da Fronte Revolucionaria Unida (RUF) xeneralizou esta práctica como unha ferramenta de control que provocaba o terror entre a poboación. O número de vítimas superou con moito as 3.000. Os verdugos eran nenos soldados obrigados por xefes sen escrúpulos a realizaren atrocidades.
Algunhas organizacións humanitarias desenvolveron próteses decentes para suplir a falta de pernas, pero as solucións para as amputacións dos membros superiores eran máis difíciles e infinitamente máis caras.
A CLAVE
No baleiro permanente
En cinco anos de pacificación, ningunha ONG, das centos que pulularon por Serra Leoa, foi quen de deseñar un proxecto serio de axuda laboral para rescatar as persoas esquecidas da guerra do baleiro permanente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario