xoves, 30 de decembro de 2010

Infancias dinamitadas

215 millóns de rapaces son obrigados a traballar en condicións moi duras, máis da metade en actividades perigosas ·· Unha mostra en Ferrol ponlle cara á explotación

Instantánea da mostra de Intervida FOTO: INTERVIDALAURA CAMINO . SANTIAGO


Desde os cinco anos nas minas, recrutados no exército ou como servizo doméstico. Con xornadas que suman 48 horas semanais a cambio de 17 míseros euros cada mes. Convertidos moitas veces en único sustento das súas familias. E expostos ao perigo de sufriren lesións físicas ou mesmo de falecer. Douscentos quince millóns de cativos en todo o planeta son obrigados a traballar en condicións moi duras. A metade deles, en actividades perigosas. Son historias reais. De rapaces sen infancia. De infancias dinamitadas.
A ONG Intervida leva a Ferrol os rostros dos seus protagonistas nunha mostra de fotografías do artista madrileño José Alfonso, que, baixo o título O traballo infantil en Bangladesh, recolle trinta instantáneas que amosan a realidade na que viven moitos nenos de Dhaka. A delegada da organización en Galicia, Mónica Viqueira, desvela para GALICIA HOXE as claves destas violacións de dereitos da infancia.

Desde que idades se incorporan ao traballo estes nenos?
Varía enormemente en función das necesidades das familias, ou dos propios nenos e nenas. En Bangladesh, do mesmo xeito que noutros moitos países, adoitan incorporarse ao traballo á idade de cinco anos. Calcúlase que dos 7,4 millóns de nenos e nenas economicamente activos neste país, 4,5 teñen traballos considerados perigosos para a súa integridade física ou mental.
Igual en nenos que en nenas?
Non, segundo datos do Bangladesh Bureau of Statics, preto do 74% son nenos e o 26% nenas. As duras situacións de vida, especialmente nas zonas urbanas marxinais (slums), onde se concentra a poboación con menos recursos económicos, afectan especialmente ás nenas. Estas adoitan comezar a traballar a unha idade máis temperá que os nenos, traballando principalmente en actividades domésticas, segundo datos de Unicef. En moitos países, as familias consideran que este tipo de traballo é bo porque prepara ás nenas para o matrimonio; con todo, moitas destas nenas están expostas á explotación e aos malos tratos continuos. Máis do 90% dos menores que traballan no servizo doméstico en todo o mundo son nenas.
Que outros traballos desempeñan e cales son máis perigosos?
A gran maioría dos nenos e nenas traballadores, ao redor do 93%, teñen empregos no sector informal da economía. O 77% no sector informal rural, mentres que o 16% o fai no sector informal urbano. As nenas traballan principalmente en actividades domésticas como o coidado das súas irmás e irmáns menores, a limpeza, a cociña ou o aprovisionamento de auga. Os nenos empréganse en actividades eminentemente físicas. Por iso se atopan especialmente expostos a sufrir lesións derivadas do carrexo de cargas demasiado pesadas para a súa idade. Falando dos traballos máis perigosos destaca a minería, a actividade en fundicións, a mecánica ou a artesanía. Por non falar da escravitude, do recrutamento forzado de nenos soldados ou a prostitución infantil, que segundo os datos de Unicef, afecta a dous millóns.

Que soldo mínimo, supoño que ínfimo, gañan?
En xeral, os empregadores prefiren a man de obra infantil porque é máis barata e dócil que a man de obra adulta. En Bangladesh, calcúlase que os nenos e nenas traballan ao redor de 48 horas á semana e gañan unha media 17 euros por realizaren actividades non cualificadas e en moitas ocasións altamente perigosas. O 63 por cento dos nenos e nenas de barrios pobres traballan máis de oito horas ó día, e un de cada tres non son escolarizados.
Cal é a postura que adoptan as familias destes cativos?
Na maioría dos casos, a necesidade e a pobreza, xunto co descoñecemento das consecuencias negativas que pode carrexar o traballo infantil, fan que moitas familias orienten aos seus fillos e fillas ao mercado laboral no canto da a escola. Así, as familias buscan unha resposta a curto prazo ás súas necesidades económicas. Detrás do traballo infantil está a pobreza extrema como comentamos, pero tamén a morte dos membros máis economicamente activos da familia, o divorcio dos pais, o abandono ou o desemprego.
E ata que punto os propios gobernos aceptan estas prácticas?
En 1992 Bangladesh vetou o traballo infantil, o seu goberno ratificou en 2001 o convenio 182 da Organización Internacional do Traballo sobre a prohibición das peores formas de traballo infantil e a acción inmediata para a súa eliminación e aceptou guiarse polas recomendacións abolicionistas da comunidade internacional. Pero na práctica son moitos os menores que traballan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario