xoves, 23 de decembro de 2010

"Asahra Hurratun!"


Alberte Pagán construíu desde a "militancia política" un filme sobre a situación dos saharauís cimentado na voz do poeta Alí Salem Iselmu e nas imaxes do deserto
MONTSE DOPICO . SANTIAGO
Un filme xurdido da "militancia política, pero sen caer no panfleto, nin facer un documental narrativo". Así define Alberte Pagán Asahra Hurratun!, unha das súas últimas creacións, -do 2009-, que hai uns días proxectou o festival Cineuropa xunto con Puílha 17 Janeiro 2010 15.33 h (2010). O conflito do Sahara, tan de actualidade nos medios de comunicación, amósase na primeira destas dúas cintas dun xeito "oblicuo", a través da imaxe e dunha voz en off -a de Ali Salem Iselmu- que recita poemas. "No medio da nada, dun lugar tan inhóspito, hai vida, creatividade, poesía, xente que fai cousas...", salienta Pagán.
O deserto, as casas de adobe, focalizan a atención en Asahra Hurratun! se cadra tanto como as persoas. Non hai, como Tanyaradzwa, a anterior película de Pagán, unha narración ante a cámara. Pero os poemas serven, dalgún xeito, de fío condutor. "Non quería mostrar os lugares típicos do Sahara, o campamento de refuxiados con jaimas... Como os campamentos están ó lado de Tinduf, que é unha cidade, quixen amosar o lado máis urbano, e por iso no último plano hai un edificio en construción, cun guindastre", subliñou.
Ali Salem Iselmu le os seus propios poemas nesta cinta. E foi o guía e tradutor de Alberte Pagán na súa viaxe aos campamentos, que realizou no ano 1999. "O material estaba nun caixón: as imaxes, os sons, os poemas... Teño moito material gardado, ó que pouco a pouco lle vou dando forma. E o Sahara está sempre de actualidade: levan 35 anos agardando unha solución", salienta. Pagán visitou o Sahara con Cosal, un colectivo creado a finais dos 70 por militantes de diversos grupos, ao abeiro da Revolución Sandinista, que realiza labores de solidariedade en América, Palestina, o Kurdistán ou o propio Sahara.
"Aparece Cosal nos títulos de crédito deste proxecto, se te fixas. Como aparecía nos filmes que fixen sobre Nicaragua" -Os Waslala, (2005), Conversas em Zapatera-, ou noutros que van saír: como un que gravamos en Colombia, coas FARC, ou outro con xente de distintos países do mundo ligada á Universidade. Son películas xurdidas da militancia política. Pero non documentais típicos de persoas denunciando ante a cámara o que lles pasa. Diso xa hai moito, e ademais a min non me atrae facer algo así", asegurou.
DATOS
A distancia física da cámara
A cámara mantén certa distancia física respecto daquilo que olla. Non se achega moito ós obxectos, non se centra en persoas concretas. "Un dos planos que máis me gusta é un do deserto cun home minúsculo camiñando. Amósase a pequenez dos humanos no medio do deserto. O contorno que empequenece a xente", sinalou. A cámara detense nas cousas, e permanece un tempo sen moverse, como nas outras películas do autor inscritas, coma esta, no cine experimental. "A maior parte dos planos duran un minuto. Por iso, se a toma duraba máis dun minuto, acurtábaa dándolle velocidade, e se faltaba alongábaa facéndoa máis lenta. É unha película pobre, no sentido da arte povera. A calidade da imaxe e o son non é moi boa... É un xeito de reflectir a precariedade na que viven os saharauis, a situación política. Porque o obxectivo deste proxecto era máis político que artístico. O son está composto por fragmentos de ruídos recollidos alí...", comentou.
DATOS
A precariedade das casas
Puílha 17 Janeiro 2010 15.33 h é o título da curta que Cineuropa proxectou coa película sobre o Sáhara. Un filme que amosa unha "casa encantada", en ruínas, cunha cheminea da que sae fume. "É unha casa que hai na aldea na que vivo. Un día vin tanto fume saír da cheminea, e fun buscar a cámara", indicou Pagán. A curta incide no que é un dos temas habituais no cine deste autor: o tempo, o pasado. A inversión do movemento -nunha parte da curta o fume entra na cheminea no canto de saír-, e do son ambiente forman parte da cerna da curta. O estado da casa choca co feito de que alguén viva nela. Como sorprende que os saharauis leven tanto tempo vivindo nunha situación tan precaria.
O etiqueta do novo cinema
O nome de Pagán sae sempre cando se fala de "novo cinema galego". El, escéptico coas etiquetas, amósase, porén, máis optimista que hai uns anos. "Eu xa non me sinto tan só como me sentía...", asegura. Pagán sempre refugou das subvencións para non perder independencia. Aínda que o filme que está rematando, A pedra do lobo, si tivo unha axuda "a proxecto entregado, polo que non supón imposicións. O das subvencións é complicado. Se hai creatividade vai haber cine igual, e non sei se é moi democrático que unhas persoas decidan que se apoia e que non. Asinei un manifesto en favor da Axencia Audiovisual Galega porque creo que fixo cousas: non só axudas, senón distribuír as películas, Flocos.TV...", engadiu.

Ningún comentario:

Publicar un comentario