sábado, 11 de decembro de 2010

Colmenero actualiza nun libro a arqueoloxía de Lugo


Onte presentouse o volume, que trata de difundir entre un amplo abano de lectores a riqueza dos xacementos
MARÉ
O Concello de Lugo presentou onte un libro trilingüe, escritor por Antonio Rodríguez Colmenero, que trata de difundir entre un amplo abano de lectores, a riqueza arqueolóxica de Lugo. O libro recolle o espírito de A Muralla Romana de Lugo, Patrimonio da Humanidade, un volume publicado no 2004 que recollía traballos históricos e arqueolóxicos sobre os diversos aspectos do monumento e da cidade. A obra, segundo o concello, tivo unha grande importancia no mundo científico, pero o seu propio carácter limita a súa utilidade a un público composto fundamentalmente de especialistas.
Para difundir mellor eses contidos, "mantendo o rigor científico imprescindible", publícase o novo volume que recolle, ademais, os últimos avances dos estudos sobre a cidade e a súa muralla, por consecuencia das recentes escavacións e achados, así como da teorización histórica.
Durante a presentación onte do libro, nun acto ao que tamén asistiu o alcalde da cidade, Xosé Clemente Orozco, o profesor Rodríguez Colmenero -considerado un dos maiores especialistas galegos no mundo romano- destacou "a necesidade de que o público entenda o que foi o Lugo romano dun xeito sinxelo, popular ao mesmo tempo que científico, pedagóxico e se é posible, ameno".

AS CARACTERÍSTICAS
Amplo fondo fotográfico
O libro trilingüe -escrito en galego- ten unha tirada prevista de mil exemplares en cada lingua. Aínda que a maqueta final non está determinada, tratarase dunha edición de nobres características materiais, con non menos de catrocentas páxinas en cuarto ou equivalente e con encadernación en pasta dura. Será, por outra parte, unha obra con ampla ilustración, consistente en fotografías artísticas e arqueolóxicas, debuxos, infografías e planos, na súa maioría procedentes do Servizo Municipal de Arqueoloxía, que conta cun importante fondo, e outros de nova elaboración.

Ningún comentario:

Publicar un comentario