mércores, 15 de decembro de 2010

O carpinteiro que morreu “do susto” cando o ían fusilar


>> Joaquín Iglesias, da parroquia de San Pedro da Ramallosa, en Nigrán, foi asasinado en 1936
>> Hoxe entréganlle o corpo a súa familia
DANIEL PRIETO 27/11/2010
Joaquín Iglesias gabábase de ser un gran carpinteiro. Nado en 1874 na parroquia de San Pedro da Ramallosa, no municipio pontevedrés de Nigrán, ensináballe a todos os seus coñecidos as portas do pazo do médico Fariña, que labrara a man. Home de espírito inquedo e “de paz, que andaba sempre en reunións de política” segundo a súa neta Carmen, emigrou a Bos Aires, como tantos outros, onde viviu durante unha década. Alí casou e tivo tres fillos. Tras a morte prematura da súa primeira muller decidiu regresar á súa terra natal, onde se namorou da súa curmá, Dolores Portela. Con ela casou en segundas nupcias e tivo sete fillos, dos que só viven dous: Ulpiano e Pepita.
De volta en Nigrán, Joaquín mergullouse activamente na vida municipal. Afiliouse á Sociedade de Obreiros de San Pedro e foi nomeado concelleiro tras as eleccións do 5 de xullo de 1931. Cinco meses despois, o goberno radical-cedista de Lerroux e Gil Robles destituíu aquela corporación constituída democraticamente que, tras os comicios de 1936, a Fronte Popular restituíu de novo. Pero a actividade como edil do fachendoso ebanista durou pouco, xa que foi paseado uns meses despois, con 64 anos. Non hai consenso sobre como faleceu nin se coñece a data exacta, pero os seus parentes foron reconstruíndo aquel fatídico episodio, tras 74 anos nos que cotexaron os testemuños dos veciños.
O seu fillo Ulpiano asegura que o mandaron presentarse no cuartel da Garda Civil de Baiona, de onde xa non regresou nunca máis. A súa neta Carmen afirma que acudiu ao cuartel ao saber que o seu fillo Eduardo fora capturado, “ante a ameaza de que o ían asasinar se non facía caso”. Ao parecer, Joaquín, que padecía do corazón, foi brutalmente torturado antes de falecer. A muller dun dos falanxistas que supostamente lle deu morte, quizais movida polos remorsos, reveloulle aos seus seres queridos o acontecido.
“Disque o levaran nunha camioneta e que morreu do susto antes de que o fusilaran, aínda que nunca cremos este conto”, asevera Carmen. E é que, malia esa versión, o seu cranio presenta varios impactos de bala. Así o indicou o traballo dos forenses, xa que os seus restos foron exhumados o ano pasado a instancias do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) de dúas fosas localizadas en San Xián, no Concello do Rosal, xunto a outros catro cadáveres.
Hoxe, a entidade do Val Miñor e o Concello de Nigrán entréganlle o corpo de Joaquín á súa familia, ás doce do mediodía no Salón de Plenos.“Ulpiano sempre buscou ao seu pai, é un bo día porque por fin recuperará os seus restos”, asegura Marina, a súa filla.

Ningún comentario:

Publicar un comentario