martes, 14 de decembro de 2010

A Galicia heterodoxa


Carlos Pereira recupera nun libro a historia da masonería, o rotarismo, o libre pensamento ou o rosacrucismo no país até 1936
VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO
Masonería, teosofía, rosacrucismo, rotarismo, libre pensamento, dereitos de homes e mulleres... O mundo da heterodoxia tan pouco explorado pola historiografía, sempre ás marxes do pensamento dominante e da relixión, tamén deixou a súa pegada na Galicia previa ao 1936. Así o recolle o historiador do concello de Culleredo, Carlos Pereira no volume A Galicia heterodoxa, co que Espiral Maior inaugura a súa colección O país das luces.
O autor reúne nove traballos que publicou en revistas ou levou a congresos, os cales completou con novas achegas. Un exemplo son as dúas cartas inéditas de Vicente Risco nas que o ourensán lle explica a Javier Pintos -cofundador do Grupo Marco Aurelio de Estudos Teosóficos creado en Pontevedra en 1910- que non pode formar parte do movemento teosófico porque, segundo di, é "un perigo" para a súa "carreira" e o seu "porvir". Segundo conta Risco nesta misiva escrita en 1913 cando estuda Maxisterio en Madrid, estar vinculado con este movemento cuxa figura máis senlleira foi a rusa Madame Blavatsky, podería suporlle a "excomuñón laica, que habilita para conseguir cátedras por oposición, bombos na prensa e verbais dos primates do mundo intelectual".
Unhas cartas ás que Carlos Pereira tivo acceso logo de contactar coa neta dun dos fundadores do movemento en Galicia. "Nesas cartas vese que Risco visitaba as reunións do grupo pero non se quixo implicar facéndose membro porque tiña medo, igual quizais que no 36 cando apoiou o bando franquista", explica.
De feito, o autor afonda nas biografías das persoas que formaron parte destas institucións e entidades, un feito que lles supuxo en moitos casos, tras o levantamento militar de 1936, ser encarcerados ou, no peor dos casos, fusilados. "Os masóns sufriron dúas depuracións implacables: a primeira, contra todos os que eran republicanos e, uns anos despois, coa Lei para a Represión da Masonería e o Comunismo, volveron ser represaliados", lembra Pereira.
De aí historias como a do masón e farmacéutico pontevedrés Joaquín Maquieira -presidente da Deputación Provincial de Pontevedra en 1933- que tras o alzamento fascista estivo preso en San Simón e acabou os seus días exiliado en Montevideo.
Non en van, entre os anos 1873 e 1936, a masonería galega defendía o republicanismo, o laicismo e o librepensamento, así como as ideas galeguistas e nacionalistas. "Non atopamos personalidades vinculadas ó mundo reaccionario ou conservador. En Ourense e en Ferrol, persoas vinculadas ao socialismo impulsan o nacemento de órganos de prensa do movemento obreiro ou no caso de mulleres como Concepción Arenal ou Pardo Bazán, sempre defenderon posicións emancipadoras da muller", explica o autor.
Relacionados co masonería atópanse intelectuais como Curros Enríquez ou Fontenla Leal, que impulsaron o nacemento da Real Academia Galega. Pero tamén políticos como o compostelán Antonio Romero, máis coñecido como o "Lutero Ortiz", que, "pola súa proxección española, é o masón máis importante que viu Galicia", salienta Pereira. "Participou no Levantamento de 1846, polo que sufriu o exilio. Implicado nos movementos revolucionarios, formou o primeiro goberno do Sexenio Democrático, foi ministro de Xustiza e promulgou leis destinadas a separar a Igrexa do Estado", engade. Grazas ao seu labor como coleccionista naceu un Museo que Galicia perdeu "por desidia".
A Galicia heterodoxa tamén bota luz sobre a Antorcha Galaica de Librepensamento creada na Coruña en 1897, que impulsou a creación da Escola Laica, ou a figura de Rafael Freire, membro da Fraternidade Rosacruz -que relacionaba a relixión católica coa mística masónica- na Galicia republicana.
IDEAS
As librepensadoras e o Rotary Club
Dentro do movemento feminista no século XIX, María Barbeito, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán ou Hildegart Rodríguez xa reclaman os dereitos da muller "á educación e ó voto". Moitas delas vinculáronse a finais do século XIX á masonería e aos movementos laicistas, librepensadores e anticlericais. Carlos Pereira conclúe o libro cun estudo sobre a primeira época (1926-1936) do Rotary Club -creado en Chicago en 1905 para facer reinar a "orde moral" no comercio, a industria e as profesións liberais- en Vigo e na Coruña. Formaban parte dos clubs galegos industriais, conserveiros ou cirurxiáns, pero tamén arquitectos como Manuel Gómez Román e pintores como Luis Huici. Segundo Carlos Pereira, sufriron o acoso da Igrexa porque "os consideraban os novos masóns" debido a ideas como a redución do diñeiro destinado a exércitos ou á paz mundial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario