A condena á ditadura de Franco é clara nas aulas, pero falta reflexión. O
seu estudo inclúese dentro dun programa moi amplo e os alumnos quédanse
co que ven en na serie Cuéntame
06/12/2010
O “glorioso alzamiento nacional” do que presumía Franco non aparece nos libros de texto desde finais 70, década na que se deron os primeiros pasos para acabar cunha forma de instrución escolar político-patriótica e de marcado carácter relixioso. Os galegos que chegaron á escola a partir de 1990, coa Lei Orgánica do Sistema Educativo (Logse) xa en vigor, saben hoxe que en 1936 se produciu un golpe militar en España que derivou nunha guerra civil e rematou cunha ditadura de corte personalista e sustentada nunha represión sistemática. Un 20 de novembro, hai xa 35 anos, a televisión e a radio deron a noticia que moitos cidadáns levaban outras tantas décadas agardando e que fixo posible o cambio. “Españoles, Franco ha muerto”, dicía Carlos Arias Navarro. O pasamento do ditador abriu a porta á democracia e hoxe calquera alumno español coñece o horror que supuxo o seu réxime. Con todo, lagoas hainas. Teñen que ver cun programa educativo amplo que obriga a sintetizar estes temas e coa falta dunha condena explícita a un réxime, cuxos dirixentes dan aínda nome a unha vintena de centros educativos de Ourense, A Coruña e Pontevedra, como o CEIP Francisco Franco, de Beariz.
Entre os docentes galegos hai un consenso claro sobre o currículo académico a respecto do franquismo. Os cativos estúdano, coa Lei Orgánica de Educación (LOE, 2006), en 4º da ESO na materia de Historia Contemporánea e, en 2º de Bacharelato, na de Historia de España. É un dos contidos dos que se examinan en selectividade e, segundo explican os seus mestres, Galicia ten unha situación privilexiada a respecto do resto do Estado, onde moitas veces os mestres se quedan no século XVIII. Con todo, aseguran que o programa é moi amplo e que depende dos mestres a profundidade coa que se imparten os temas relacionados coa II República, a Guerra Civil ou o franquismo, e iso reflíctese nos controis. Segundo Ramón Facal, profesor de Ciencias Sociais na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e, durante máis de 30 anos, corrector dos exames que dan acceso a unha carreira, “non hai ningún alumno que xustifique o franquismo e iso xa é un avance, pero o descoñecemento sobre o tema é importante”. “O problema é que canto máis se abarca menos se afonda e, ao final, os contidos que se imparten convértense nun relatorio que vale máis para gañar un concurso de televisión que para entender a nosa historia”, explica o membro da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), que engade: “Moitos teñen un discurso sobre este período que ten máis que ver con Cuéntame” cando “o franquismo foi un réxime que represivo ata o final e iso é o que non se transmite nin no ensino, nin en ningún ámbito”, sinala o catedrático.
As ditaduras europeas
Coincide con el Eladio Anxo Fernández, profesor de Historia no CEIP Don Aurelio de Cuntis–como a el lle gusta chamar ao centro–, que apunta que as aulas son un reflexo da sociedade. “Este é un tema que non está de todo superado nin a nivel social, nin na escola”, di. “O franquismo non ten a mesma carga de condena que, por exemplo, o nazismo, a pesar de que é algo que aparece cada vez máis na prensa a respecto da apertura de foxas”, indica o mestre, que subliña: “A visión que se ten dun e outro réxime non é comparable porque uns foron os perdedores nunha guerra e os outros vencedores; ninguén con dous dedos de fronte cuestiona o Holocausto, pero nos centros non se fala das foxas e o nivel de condena da ditadura española é menor”.
“Un dos problemas é que na Educación, como noutros ambientes, non houbo unha transición democrática e solucionouse a cuestión do discurso histórico cunha mensaxe equidistante: condénase a ditadura, pero non hai unha crítica radical, que debería comezar por xulgar o golpe de estado; iso non queda meridianamente claro”, resume Facal. O docente argumenta que a República sempre tivo mala prensa e que iso fai que se equiparen cousas que non son comparables. “O franquismo exterminou a máis de 150.000 persoas, de xeito sistemático e desde o poder, e iso non se pode relacionar co asasinato de 6.000 cregos na zona republicana”, di o catedrático da USC, que apunta tamén ao papel dos manuais de texto. “En Galicia hai catro ou cinco editoriais que fan negocio con isto e venden o que consideran que os profesores queren oír e, por iso, non hai libros moi radicais”, sinala para engadir: “O franquismo foi insólito no século XX e iso non se contempla”.
Para Xavier Rodríguez Madriñán, profesor de Historia no IES Rosalía de Castro de Santiago, un gran avance foi a introdución destes contidos na selectividade. Asegura que a II República ou o franquismo son dos temas que máis interesan aos alumnos e que, aínda que poida parecer que saben pouco de asuntos como estes, teñen moitas habilidades. “Agora xa non é tan importante que recorden o nome dunha batalla, por exemplo, senón que sexan capaces de relacionar conceptos e emitir un xuízo crítico”, afirma o mestre, que coincide con Eladio en que a profundidade coa que se aborda este período depende de cada docente. “A perspectiva do profesor nótase ata nos exames de selectividade”, matiza tamén Facal para quen é inconcibible que, sendo España o único país europeo no que se remata o Bacharelato cunha Historia de España, en troques dunha materia de Mundo Contemporáneo teña ademais “unha materia cun contido que vai de Atapuerca ao euro, nun intento de facer unha historia nacional que non analiza os problemas actuais da sociedade”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario