venres, 31 de decembro de 2010

Franco contra o rock


O crítico Xavier Valiño publica unha tese sobre a censura da ditadura


Escrito por Alfonso Pato para "El País" 
En 1971 Andy Warhol deseñou para os Rolling Stones a portada do mítico disco Sticky fingers. Warhol ideou un disco-obxecto cun dispositivo que permitía subir e baixar a cremallera auténtica da portada ao gusto do usuario. Debaixo aparecían os calzóns do modelo que pousou para a historia. Unha obra de coleccionista que nunca chegou a España, porque o réxime de Franco considerouno "sexualmente explícito". A edición española do disco saíu cunha lata de conserva da que emerxían tres dedos mutilados bañados en sangue, un cartafol que hoxe é unha cobizada peza de coleccionistas. Este é un dos moitos casos de censura de discos que se produciron durante o franquismo e que o crítico musical Xavier Valiño investigou para elaborar a tese coa que este xoves se doctoró en Santiago. O traballo, que tivo como titor ao profesor de Políticas Xosé Luís Barreiro Rivas, dá a coñecer numerosas curiosidades inéditas até o momento.

Eliminación de textos, discos que saían con cancións de menos, frases amputadas sen sentido e sobre todo cheas de fotografías, pósteres e cartafol de discos non viron a luz porque non casaban coa moral imperante na época. Colaborador habitual en varios medios musicais e xestor da web Ultrasónica, Valiño leva unha década indagando sobre a censura do rock durante o franquismo, escudriñando sen descanso en arquivos e bibliotecas. "Estaba todo en caixas e había quilómetros de andeis sen catalogar. Dediquei horas e horas a revisar o material no arquivo da Administración Xeral do Estado, e así fun atopando cousas", lembra o novo doutor sobre o seu proceso de traballo.

En paralelo á súa tese, este apaixonado da música que no seu día se licenciou en dereito, foi recompilando todas estas pezas descatalogadas, e facendo a súa propia colección con estes discos que o franquismo censurou ou tratou de "maquillar", ás veces de forma basta. Entre estes discos están Quadrophenia (1973) de The Who "cun libreto interior memorable no que alguén tivo que investir moitas horas pintando con paciencia bragas e bikinis para tapar un grupo de mozas espidas", lembra Valiño. Outro dos discos soados "retocados" polo réxime foi Country life (1974), de Roxy Music, no que dous modelos dunha sensualidade e unha beleza descomunais pousaron semidesnudas para Bryan Ferry. En España a foto apareceu ampliada de tal forma que só saía na portada un primeiro plano da cara dunha das mozas. "Unha das portadas máis delirantes que atopei é a dun recompilatorio de bandas alemás do setenta titulado Mama Rock and the songs of Rock?n roll, onde un traseiro feminino que aparecía na portada foi convertido por encantamento na parte traseira dun elefante", comenta o crítico e investigador lugués.

Dentro do seu traballo de investigación, preocupouse en indagar como se articulaba o aparello administrativo da censura, que resultou ter algúns trazos dignos do humor ao gusto de Berlanga: "Eran catro señores que traballaban como censores de libros pola mañá, e ofrecéronlles facer horas extra pola tarde como censores de discos". Ao longo dos seus anos de traballo coa tese, Valiño localizou ao único destes censores que queda vivo e até logrou entrevistarse con el. "O mellor é que nin sequera era afecto ao réxime e até lle censuraron un libro seu. O único criterio que tiñan era contentar aos superiores e que non houbese ningún problema", comenta o autor da tese.

O auxe do rock e a implantación masiva dos sistemas de reprodución, como o tocadiscos na década do sesenta, provocou un maior control por parte das autoridades. Até tal punto que a censura musical controlábase a partir de dous organismos: por unha banda a Dirección Xeral de Cultura Popular, e por outro a Dirección Xeral de Radio e Televisión. Estes órganos de control funcionaron entre 1960 e 1977 e baixo a denominación de Textos gramofónicos cualificados como non radiables Valiño precisa que "constan na listaxe máis de 4.000 cancións".

"Moita da tradición da música española actual procede do franquismo, que impulsou xéneros como a copla, o cuplé ou a zarzuela, en detrimento do rock, que era máis provocador", teoriza o doutor, que conta ducias de anécdotas extraídas das súas horas de dedicación ao tema. Unha das súas favoritas é unha portada de Lucio Battisti, cantante italiano de certo éxito na España do setenta, que publicou un disco cunha portada anodina duns hippies tombados na herba. "Por algún motivo o censor de quenda mandou cambiala e fixeron unha portada dun neno meando encima dunha bacinilla. Era tan absurda como desternillante pero a censura tiña estas cousas e ás veces a súa opinión até lograba mellorar as portadas", ironiza Valiño, que xa ultima os retoques do seu libro, que verá a luz en 2011 co Editorial Milenio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario