mércores, 29 de decembro de 2010

Os kurdos, o maior pobo do mundo sen Estado, piden apoio en Galiza

Son 40 millóns de cidadáns distribuídos entre Turquía (o 50%), Iraq, Irán e Siria vítimas da indiferenza internacional por ser zona xeoestratéxica ·· No primeiro país, dicir kurdo até está prohibido; de feito, un proxecto de restauración do Concello de Santiago rexeitouse por incluír a palabra

MARGA TOJO . SANTIAGO




Petróleo, gas, dous ríos caudalosos, o Tigris e o Eúfrates. Habitantes circunstanciais de catro Estados diferentes, Turquía (que aglutina o 50% da poboación), Iraq, Irán e Siria, os cidadáns do Kurdistán, o país prohibido, vén incrementada a vulneración dos seus dereitos froito do quecemento da situación xeoestratéxica nos seus territorios. Coa peculiaridade de que todos os seus gobernos son antidemocráticos.
O Kurdistán, un espazo semellante á península Ibérica e habitado por máis de 40 millóns de persoas, atópase no celme da nova e futura conxuntura internacional. Esta é a razón pola que un problema historicamente esquecido, comeza a saír timidamente á opinión pública. Motivará isto un cambio? "Non, porque eses catro estados empregan os seus negocios para impedirnos a entrada na escena mundial", asegura Eyyu Doru, actualmente membro do partido Peace and Democracy e parte do Consello Internacional do Foro Social Mundial. Para este refuxiado político en Francia, a situación é bilateral, pois a comunidade internacional impide que o pobo kurdo poida exercer os seus dereitos políticos e culturais básicos debido a que a creación dun estado kurdo é incompatíbel cos intereses económicos e estratéxicos que existen en Oriente Medio.
En palabras do xornalista Manuel Martorell, especialista no conflito kurdo, este constitúe a maior hipocrisía da comunidade internacional, "de todos os organismos internacionais, comezando pola ONU e terminando pola liga Árabe e pasando pola Unión Europea e a Alianza Atlántica. Todas estas organizacións prefiren defender os intereses estratéxicos e económicos internacionais antes que os dereitos humanos. Directa ou indirectamente todos estes organismos son cómplices do xenocidio e das campañas de limpeza étnica que se lanzaron contra os kurdos".
Eyyup Doru aténdenos na terraza do Hotel Costa Vella de Santiago, despois de participar no Foro Compostela 2010 nunha mesa sobre o dereito dos pobos sen Estado -o seu é o maior do planeta- impulsada pola Fundación Galiza Sempre. Coñeceselle por Faruc e é un Kurdo de Turquía que estudou en Europa. Hoxe habita ente Francia e Bélxica e durante anos exerceu tarefas diplomáticas e de apoio ao seu pobo no Estado español. "Turquía segue unha política de acoso e derruba contra os kurdos, de torturas, de encadeamentos ilegais", relata. De feito, en marzo do ano pasado Eyyup Doru e outro político turco de orixe kurda Remzi Kartal -que tamén goza de estátus de reuxiado político belga- foron detidos por mandato da audiencia nacional seguindo unha orde de busca e captura cursada por Turquía, supostamente por vinculacións co terrorismo.
Grazas á presión da Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR), que acusaba a España de violar as políticas de asilo pactadas pola Unión Europea, despois de que os cargos foran rexeitados por varios países europeos como Alemaña, Bélxica e Franca. Lembraba daquela Cear que Turquía exercía a tortura e que a integridade física de Kartal e Doru corría serio perigo. En xullo do ano pasado, o Goberno español decidiu suspender a orde de extradición.
En Turquía as dificultades son grandes. O principal problema político interno do país é o da rexión kurda. A represión é moi dura: nun só ano foron detidas 1.850 persoas, entre cargos políticos electos, militantes, traballadores de ONG. Aconteceu despois dun triunfo electoral. Despois de dezaoito meses sen xuízos, na primeira vista celebrada os detidos pediron facer unha defensa en lingua Kurda. "O xuízo suspendeuse por querer facerse nun idioma inventado". O próximo 13 de xaneiro celebrarase unha nova vista, para a que Doru solicita desde Galiza "a presenza internacional, o apoio de observadores, etc.".
Contaba no seu día Martorell unha anécdota na web Babab dedicada a temas internacionais, que o Concello de Santiago de Compostela fixera un proxecto financiado pola Unión Europea, para rehabilitar a coñecida como Rúa das Tres Culturas, en Suleimaniya (a segunda cidade do Kurdistán). Co proxecto totalmente aprobado, ao observar en Turquía que se incluíu a palabra kurdo na documentación, anulárono. "A nosa Constitución non recoñece que existan os kurdos nin o kurdo", explica Faruc ao respecto. "O texto fixérono os militares tras o golpe hai vinte anos; a mentalidade da nosa Constitución é militar e non ten cabida para a democracia".

Tímidas melloras en Iraq, despois dun grave xenocidio
Dos catro países entre os que se reparten os territorios do Kurdistán, o que corresponde a Iraq é o que máis se está desenvolvendo. Con todo, o peso dos anos de conflitos aínda supón un lastre para unha rexión que aínda dá pasos medorentos cara a unha nova etapa. Nos anos 80 houbo un xenocidio na zona dos kurdos, destruíronse máis de 3.000 cidades e pobos, algunhas importantes, entre elas Panjwin. Nun prazo de 20 anos, a xente tivo que partir de cero. No Kurdistán de Irán, onde viven uns oito ou nove millóns de kurdos, é practicamente imposíbel traballar polo sistema político. Na Rexión Federada de Kurdistán, en Iraq, a situación é lixeiramente diferente. Cunha extensión parecida á de Cataluña e entre 5 e 6 millóns de habitantes, esta parte do Kurdistán conta con exército propio e controla varios aeroportos. Funha das zonas máis seguras de Iraq durante a recente guerra.

O pobo kurdo -40 millóns de persoas- está distribuído entre Oriente Medio e Asia Central, ao longo dunha vasta extensión montañosa cunha superficie superior ós 550.000 km2, que se expande en forma de media lúa desde Turquía até Irán, atravesando Siria e Iraq. En Turquía, de onde é Eyyup Doru, o PKK, creado en 1978 como un partido de corte marxista leninista iniciou a insurxencia militar no 1984, duramente respondida polo goberno en defensa da integridade territorial, cunha campaña de vítimas e persecucións. O conflito deu un xiro no 1999 coa detención do líder do PKK e o anuncio do abandono da loita armada. O conflito volveu escalar de maneira rotunda no 2007. Actualmente, hai unha tregua até despois das eleccións.
O problema da lingua: tres sistemas de escritura
Ademais das prohibicións de uso da lingua, "outro dos problemas para a unión lingüística dos kurdos a nivel pragmático é a existencia de tres sitemas de escritura diferentes", relata Eyyup Doru. A forma usada dentro Turquía foi derivado do Alfabeto latino por Jaladat Ali Badirkhan en 1932. Utilízase tamén en Siria. O alfabeto cirílico é empregado polos kurdos na antiga Unión Soviética. Por outra banda, o kurdo escríbese con alfabeto árabe en Irán e Irak.
Hai sentimento de comunidade?
"Creo que os kurdos temos un claro sentimento de que somos un pobo, da nosa nacionalidade, da nosa cultura e da nosa lingua -confirma Doru-. Somos un pobo enteiro e nin as forzas militares nin os fortísimos intereses económicos lograron acabar coa nosa culrua". Non obstante, as fronteiras entre países agravan as distancias e a situación antidemocrática elimina as posibilidades de interacción. "O noso obxectivo político é que os pobos de Oriente medio turcos, kurdos, persas palestinos xudeus se liguen conxuntamente en paz e en libertad a través da democracia e en harmonía cos demais pobos do mundo, esa é a nosa ambiciosa loita", conta Doru, para quen Oriente Medio, debe buscar con urxencia un outro sistema "onde a convivencia interna e co resto do mundo sexa posíbel, incluso a nivel relixioso".

O Tribunal da UE dálles a razón
O Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos decidiu onte que a decisión do Tribunal Constitucional turco de prohibir o Partido da Sociedade Democrática en 2003 viola a lei de liberdade de reunión e asociación. En marzo de 2003 o Constitucional decidiu disolver o partido prokurdo e prohibirlles durante cinco anos dedicarse á política a algúns dos seus membros por "distribuír propaganda terrorista" e axudar e apoiar o Partido dos Traballadores do Kurdistán, o PKK, que tamén está prohibido. O Tribunal europeo cre que o Constitucional viola o artigo 11 da Convención de Dereitos Humanos de Europa ó decidir disolver o partido. O Tribunal Europeo resolveu que os membros do partido "non incitaron ao odio nin á vinganza". "Falta ver se Turquía volve facer caso omiso".

1 comentario:

  1. Ola Heladio,

    Uns bos recursos para acompañar esta entrada son os vídeos que Séchu Sende gravou no Curdistán con motivo da presentación do seu 'Made in Galiza', traducido ao tirco e ao curdo, por aquelas terras. Non ten etiquetados os artigos pero son recentes: http://www.blogoteca.com/madeingaliza/

    Saúdos e feliz entrada no 2011.

    ResponderEliminar