xoves, 23 de decembro de 2010

Suspenso en dereitos humanos


O escritor Fran Alonso denuncia un absoluto "cate" 62 anos despois de que a Convención vise a luz e alerta de que cada 5 minutos hai unha morte violenta no mundo ·· Compostela converteuse onte en emisor dunha declaración a prol do desarmamento que pasará a análise da ONU
LAURA CAMINO E AXENCIAS . SANTIAGO
Efeméride tras efeméride, imos facendo colección de ‘déjà vu(s)’ de promesas rotas. Desta vez, unha das máis graves: o incumprimento dun documento tan básico como a Convención de Dereitos Humanos, de cuxa aprobación se cumpriron onte 62 anos, e que coincidiu coa inauguración, dentro do Foro 2010 que se celebra en Compostela, do Foro Mundial da Educación.
Unha xornada na que houbo tempo para a música, a denuncia, a crítica e a esperanza. Esta última, a través dunha declaración que onte viu a luz en Santiago avalada por xuristas, académicos e expertos en organizacións internacionais e non gobernamentais, e que será sometida ao ditame da Organización de Nacións Unidas (ONU). 
A denuncia chegou da man do escritor Fran Alonso, como convidado do Fondo Galego de Cooperación, e que criticou un rotundo suspenso en dereitos humanos que argumentou cunha realidade exposta en cifras: unha morte violenta no mundo cada cinco minutos, máis de mil millóns de famentos e 1.300 millóns de persoas que viven –que sobreviven– con menos dun dólar ao día.

Así as cousas, o documento con destino a ONU e posto sobre a mesa no Congreso Internacional sobre o Dereito á Paz –outra das parcelas do Foro–, defende o desarmamentoe a eliminación das armas de destrución masiva, e establece, así mesmo, que “as persoas e os pobos teñen dereito a esixirlles a todos os estados que procedan, conxunta e coordinadamente e dentro dun prazo razoable, un desarmamento xeral e completo, baixo estrito e eficaz control internacional”, reza o 
documento.
A declaración, que conta entre os seus impulsores co xurista Carlos Villán Durán, foi adoptada nunha reunión que contou con antigos expertos da ONU como o profesor holandés Theo Van Boven e o arxentino Mario Yutzis, así como dos relatores do comité asesor do Consello de Dereitos Humanos de Nacións Unidas, a coreana Chinsung Chung e o alemán Wolfang Heinz.O texto, en palabras de Villán Durán á axencia Efe, aspira a que as relacións internacionais “non estean dominadas polo principio de que ‘o que máis forza ten, gana”.
“Hai que desaprender a guerra e a violencia e aprender a paz”, dixo.

Observatorio de control dos orzamentos militares
Como parte da estratexia, adoptouse tamén en Santiago o establecemento dun Observatorio para controlar que os países rebaixen os seus orzamentos militares, que ascenden a 1,5 billóns de dólares anuais en todo o mundo.
Pola súa banda, Van Boven sinalou que a declaración de Santiago de Compostela será probablemente sometida inicialmente ó Consello de dereitos humanos da ONU, integrado por 47 estados representativos das diferentes rexións, e considerou que podería ser operativa nun prazo de cinco a dez anos.
Nesta liña, Van Boven considerou que os orzamentos militares globais son “extremadamente elevados” e opinou que “o clima é mellor agora que tras a Segunda Guerra Mundial” para poder expor efectivamente unha declaración do dereito humano á paz.
E da esperanza á denuncia que onte, no mesmo marco do Foro en Compostela, e como invitado do Fondo Galego de Cooperación, expuxo Fran Alonso, asinante, pola súa parte, do manifesto ‘Cromosoma dos Dereitos Humanos’, que leu na súa intervención en Santiago.
“Por veces, as cifras, coma un disparo, ábrennos un orificio na conciencia”, asevera no texto como introdución a unha longa lista de cifras que constatan o suspenso en dereitos humanos.
Así, e segundo datos da ONU, a metade da poboación mundial dispón, para sobrevivir, de menos de dous euros diarios, e 1.300 millóns contan con menos dun euro diario. Cinco millóns de nenos e nenas morren anualmente debido á fame e á desnutrición, e 20 millóns de lactantes atópanse en risco de morte ou de padecer minusvalías. Hai, ademais, 2.000 millóns de persoas que carecen de saneamento e de auga potable e 1.000 millóns que non teñen acceso a ela. “E por se as cifras non abondasen, cada cinco minutos prodúcese no mundo unha morte violenta”, alerta o escritor, que pon sobre a mesa unha realidade capaz de facer enmudecer: 350 persoas ingresan anualmente nas súas arcas particulares a mesma cantidade de diñeiro coa que viven 2.700 millóns de seres humanos.
Alonso denuncia no manifesto que “as cifras nin sequera teñen nome nun mundo que, en 2010, volve fracasar nesa materia troncal chamada Dereitos Humanos”.
Recordou historias concretas para ilustrar que estas cifras, por si soas, “non teñen ollos, nin sentimentos, nin mans que transparenten unha vea, nin suspiran ao levantarse, nin sofren nin abrazan”. “Só informan da magnitude do escándalo, escándalo que adquire tales dimensións que sobre el pende unha lapidaria lei do silencio, non explícita, nunca escrita”.
Previamente, o presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Alfredo Novoa Gil, destacou que esta organización, na que están os municipios, deputacións, e 95 socios, pretende ser un “gran de area” nun “deserto inmenso” para garantir os dereitos humanos. 
A Asemblea Xeral das Nacións Unidades aprobou en 1948 a declaración dos Dereitos Humanos. “62 anos despois da súa aprobación e proclamación, a noticia sería un acusado fracaso escolar en pedagoxía aplicada”, concluíu a este respecto Fran Alonso.

As claves do articulado do documento aprobado onte
Titulares e debedores. O primeiro artigo establece o dereito ina­lienable das persoas e os pobos a “unha paz xusta, sostible e duradeira” e sinala os estados como “principais debedores” e garantes deste dereito.
O artigo 2 identifica a educación como “condición para desaprender a guerra”.
Liberdade fronte ó medo e a necesidade.
O artigo 3 recolle o dereito a vivir seguros e recibir protección. Para asegurar a liberdade das persoas e dos pobos fronte á “necesidade”, a declaración detense especificamente no dereito a alimentación, auga potable e saneamento, saúde, abrigo, vivenda, educación, traballo e condicións laborais dignas e de igualdade.
Medio.
O artigo 4 recoñécelle ao ambiente un papel clave, como base para a paz e a supervivencia da humanidade. Úrxese a prohibición de armas radioactivas e de destrución masiva e establece a obrigación de recuperar o 
ambiente danado.
Obxección e desobediencia. (Artigo 5) Recoñece o dereito dos militares a desobedecer ordes contrarias aos dereitos humanos e a obriga de negarse a participar en xenocidios e crimes de guerra, así como dereito a non participar en investigación armamentística e a negativa a que os impostos individuais financien gasto militar.
Migrantes.
O artigo 10 proclama o dereito a circular libremente e emigrar se o dereito a vivir nunha contorna segura se ve ameazado.

O MANIFESTO
“62 anos despois da súa aprobación e proclamación, nunha histórica Asemblea Xeral de Nacións Unidas no ano 1948, o mundo suspende en Dereitos Humanos. 
Hoxe a noticia sería que un acusado fracaso escolar en Pedagoxía Aplicada para os Dereitos Humanos delata o pulso vital dese vello e violento planeta Terra.
A fame, a precariedade laboral, o acoso, o maltrato, a violencia, a discriminación, a censura, a inxustiza, a escravitude, a tortura, a detención arbitraria, a persecución ideolóxica, o sexismo, a falta de liberdade, a pobreza, a negación da educación, do acceso á cultura... son escuros vermes identificados como especies que se reproducen e medran con abafante facilidade e se resisten a engrosar a categoría de “en perigo de extinción” (...)
(...)
Ás vítimas, aos desherdados da terra, asísteos todo o dereito do mundo, cando menos, a acomodarse na nosa conciencia e, desde ese acubillo, coas súas voces desesperadas e agudas, removela, axitala e espabilala. Pero non buscan compaixón. Buscan xustiza. A compaixón, como advirte o xornalista Alfonso Armada, non avanza nas raíces da inxustiza e consagra o desastre como estado natural dalgúns territorios. E é que, como tamén dixo Eduardo Galeano, a pobreza non está escrita nos astros nin a miseria é o froito dun escuro designio de deus. Xa que logo, as cifras poden cambiarse. É o get up, stand up , que cantaba Bob Marley contra o apartheid en Sudáfrica.
(...) O secuestro dos dereitos humanos vive día a día canda nós (...) Non hai máis que lembrar a Montse Labrada, asasinada hai uns meses en Lugo polo seu home, profesor de instituto. Ou ás persoas sen teito que carecen de albergue en Vigo.
(...)
É a confusión que nos provocan as novas sociedades globalizadas, multirraciais, multiétnicas, multiculturais, plurilingües. Pero a igualdade e a xustiza non existen se non se recoñece a diferenza.
(...) Se somos quen de crer nos Dereitos Humanos, seremos quen de respectalos. Non pode haber credo máis verdadeiro nin relixión máis universal.
E tamén hai que crer na utopía. Porque só se conseguen as cousas nas que se cre. E porque o respecto aos Dereitos Humanos, construídos a partir da palabra, asentan no individuo o cromosoma máis característico que identifica a nosa especie: a racionalidade.

(Extracto de ‘O cromosoma dos Dereitos Humanos’ de Fran Alonso)
Desmentida a liberación en Irán de Sakineh Ashtiani
Shakineh Mohamadi Ashtiani, a iraniana acusada de adulterio e complicidade no asasinato do seu marido, non foi liberada, como se anunciou este xoves á noites, senón que unicamente foi sacada da prisión e levada á súa casa unhas horas para filmar a reconstrución do crime para un programa especial da cadea estatal Presstv.
“A muller acusada de asasinato e de adulterio acompañou un equipo da televisión á súa casa para relatar os detalles do asasinato do seu marido no escenario do crime”, conta o encabezamento da noticia “Ó contrario do publicado amplamente polos medios de prensa internacionais sobre a liberación de Shakineh, (o certo) é que un equipo de produción en colaboración con Presstv chegou a un acordo coa Xustiza para ir con ela e recrear a escena do crime”, engade no segundo parágrafo.
As esperanzas sobre a liberación de Ashtianí, de 43 anos, disparáronse o xoves despois de que o Comité Internacional contra da Lapidación anunciase que tiña informacións procedentes de Irán a este respecto. A pesar do inopinado e estraño da noticia, as esperanzas creceron despois que Presstv difundise unha serie de fotografías nas que se podía ver a muller na casa o luns 6 de decembro.
Un avance do documental na propia cadea xa deu pistas de que o Comité se podía equivocar e que a muller non fora liberada xa que nunha das imaxes se podía ver de novo a Ahstiani afirmando “planeamos a morte do meu marido”. O Comité denunciou ademais a gravación ao alegar que tanto Ashtiani omo o seu fillo foron obrigados a confesar baixo torturas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario