Redacción | @prazapublica
Mentres no Estado español a
investigación e reparación dos crimes cometidos pola ditadura fascista do
xeneral Franco sofre continuos retrocesos e a opinión pública segue sometida a
un constante exercicio de propaganda sobre a suposta exemplaridade da
transición política española, son cada vez máis numerosos os lugares do mundo
onde crimes semellantes son obxecto de investigación e xulgamento. Neste
artigo, faise un repaso dos casos máis recentes, tanto daqueles que revisan o
seu pasado (Brasil, Guatemala e República Democrática do Congo) como doutros
onde a sociedade civil loita en presente para mudar o curso dos acontecementos
(México).
Brasil
Un grupo de xovens fiscais de
varios Estados brasileiros, integrados no grupo Justiça de Transição, está a
presentar recursos para deitar abaixo a impunidade a respecto dos crimes
cometidos durante a ditadura militar que se estendeu de 1964 a 1985, período
durante o cal 475 persoas foron vítimas de asasinato ou desaparición forzada,
50.000 foron presas por motivos políticos e máis de 20.000 foron sometidas a
torturas.
No Brasil, a Lei de Anistia,
aprobada en 1979 baixo o goberno do xeneral Figueiredo, impide as
denuncias de torturas, secuestros e asasinatos cometidos por motivos políticos
desde 1964 até a altura da aprobación da lei, fora por parte de axentes do
Estado fora por membros das guerrillas de esquerdas. A tese defendida polo
grupo Justiça de Transição consiste en que os crimes contra os dereitos humanos
non son cousa do pasado, senón que continúan a ser cometidos aínda hoxe. Para
iso, recorren á figura dos crimes permanentes, como son por exemplo o secuestro
continuado ou a ocultación de cadáver: se a vítima non aparece, viva ou morta,
o crime de secuestro segue vixente; se aparece, despois de que os responsables
se negasen a informar do paradeiro dos corpos, daquela incorren no delito de
ocultación de cadáver.
No Brasil, deféndese a tese
dos crimes permanentes, que continuarían a ser cometidos aínda hoxe e
por tanto non terían prescrito
A iniciativa non pretende
derrogar a Lei de Anistia, ratificada en 2010 polo Supremo Tribunal Federal,
polo que conta con serias posibilidades de éxito: o primeiro test ocorrerá no
Estado do Pará, escenario nos anos 1970 dos máis violentos confrontos da época
entre o Exército brasileiro e a Guerrilha do Araguaia –formada por militantes
armados do PCdoB– e agora do primeiro proceso xudicial que pode levar un
oficial da ditadura ao banco dos reos, concretamente o coronel da reserva
Sebastião Curió. Esta inédita estratexia conta co apoio da Ordem dos Advogados
do Brasil e de diversas organizacións sociais implicadas na Campanha pela
Memória da Verdade.
Paralelamente, en 2011 o
Congreso brasileiro decidiu crear unha Comissão da Verdade, que iniciará os
seus traballos en 2012 e cuxo cometido será o de traer á luz pública as
violacións dos dereitos humanos cometidas no país desde 1954, mais sen
responsabilizar penalmente os seus autores, no caso de que aínda vivan.
Guatemala
A activista indíxena Rosalina
Tuyuc vén de recibir o Premio Niwano, que desde 1983 distingue anualmente unha
personalidade comprometida coa paz. Tuyuc lidera a loita do pobo maia polo
recoñecemento e a reparación do xenocidio sufrido entre 1960 e 1996, que se
saldou coa morte ou desaparición forzosa de 250.000 persoas, das cales se
calcula que polo menos unhas 200.000 eran indíxenas maias en loita pola
propiedade das súas terras.
O ex ditador Efraín Ríos Montt
sentará no banco dos reos para responder polo xenocidio do pobo maia
A finais do pasado mes de
xaneiro, foi iniciado en Guatemala o primeiro proceso xudicial contra a
ditadura militar, que sentará no banco dos reos o xeneral golpista Efraín Ríos
Montt, quen presidiu o goberno militar entre 1982 e 1983. En entrevista concedida á
axencia IPS, Tuyuc afirma que este proceso, xunto con outros xa realizados
nos últimos anos, colocan a sociedade guatemalteca “no camiño de derrotar a
impunidade”.
República Democrática
do Congo
Este mesmo mércores, día 13, a
Corte Penal Internacional emitiu un fallo condenatorio contra Thomas Lubanga,
líder dunha das faccións enfrontadas no conflito ocorrido entre 1999 (masacre
de Blukwa) e 2003 na rexión de Ituri, inicialmente enfrontando os povos Lendu e
Hema, mais que derivou na que xa é coñecida como II Guerra do Congo.
Lubanga –que en 2006 se
converteu no primeiro preso en virtude dunha orde ditada pola Corte Penal
Internacional– fundou e dirixiu a Unión de Patriotas Congoleses e as Forzas
Patrióticas para a Liberación do Congo, organizacións reiteradamente acusadas
por organismos sociais e institucionais de defensa dos dereitos humanos de
seren responsables de millares de casos de asasinatos, torturas, violacións,
escravitude sexual e mutilacións, ben como da comisión de repetidos masacres e
do recrutamento masivo de nenos soldados.
Thomas Lubanga, o primeiro
preso pola Corte Penal Internacional, pode recibir unha sentenza de entre 30
anos de prisión e cadea perpetua
Precisamente foi este último
aspecto o que xulgou e condenou a Corte Penal Internacional con sede na Haia, o
que provocou que diversos colectivos consideren insuficiente o proceso. De
feito, Lubanga foi considerado culpable unicamente de recrutar nenos soldados e
obrigalos a participar no conflito armado entre setembro de 2002 e agosto de
2003, polo que as vítimas de todos os demais delitos cometidos baixo a
responsabilidade de Lubanga se senten excluídas tanto da reparación moral como
das posibles indemnizacións a que haxa lugar.
A sentenza aínda non foi
ditada, mais espérase que Lubanga reciba unha pena que pode oscilar entre un
mínimo de 30 anos de prisión e cadea perpetua.
México
Human Rights Watch publicou
nesta semana o informe “Ni Seguridad, Ni Derechos: Ejecuciones, desapariciones
y tortura en la ‘guerra contra el narcotráfico’ de México”, no cal dá conta das
violacións dos dereitos humanos cometidas polas forzas de seguridade do Estado.
Esta ONG acusa os axentes da orde de teren perpetrado polo menos 170 casos de
tortura, 24 execucións estraxudiciais e 39 desaparicións forzosas.
A inmensa maioría deses crimes
non están a ser investigados, e cando chegan a selo, é un tribunal militar o
encargado do seu xulgamento, polo que Human Rights Watch reclama que sexa a
Xustiza ordinaria quen reciba e procese as denuncias, de acordo coa doutrina
tanto nacional como internacional sobre o asunto.
O propio presidente mexicano,
Felipe Calderón, admite que polo menos o 10% dos mortos na guerra
contra o narco son civís inocentes, cifra que HRW considera máis alta
Desde que o presidente
mexicano, Felipe Calderón, declarou a “guerra contra o narco” en 2007 e até
2011, foron abertos 1.615 procesos por violacións dos dereitos humanos, mais
até agora nin un só soldado foi condenado. Ademais, a dependencia do Ministerio
Fiscal a respecto do poder político ten paralisada a iniciativa pública de
denuncia dos abusos cometidos.
De feito, de facer caso das
declaracións do propio Calderón, un 10% dos mortos na guerra contra o narco
serían civís inocentes. O informe de HRW pon en dúbida esa cifra, indicando que
podería ser sensiblemente maior.
Información elaborada con
noticias proporcionadas por IPS e Human Rights Watch.
Ningún comentario:
Publicar un comentario