luns, 5 de marzo de 2012

“A unha muller matárona a paus e a outra cortáronlle os peitos”


Son os mortos da guerra e do franquismo na comarca de Ordes. 76 republicanos e sete franquistas en oito concellos da contorna de Ordes desde 1936 ata 1952. A maioría eran mestres, médicos, labradores ou obreiros de filiación esquerdista. Entre os mortos, mulleres acusadas de colaboracionistas, ademais do mítico ‘Foucellas’.
Por Xurxo Salgado | Ordes | 02/03/2012
Do album Atila en Galicia de Castelao
En total, 83 mortos. Todos eles falecidos como consecuencia dos “paseos” ou “fusilamentos” durante a Guerra Civil ou a represión posterior e as actuacións da guerrilla durante o franquismo.  Así o acredita o libro ‘Censo das mortes violentas na comarca de Ordes 1936-1952’, publicado por Manuel Pazos.
Este exhaustivo traballo de recuperación da memoria histórica recolle todos os casos que o autor puido constatar nos concellos de Ordes, Oroso, Frades, Mesia, Cerceda, Tordoia, Carballo e Val do Dubra.  Dos 83 mortos;  35 foron durante o franquismo, dos cales 25, eran guerrilleiros ou colaboradores. Só se contabilizan sete mortos do do bando nacional; cinco son falanxistas ou considerados represores, un brigada de artillería e un garda civil.
Por concellos
Polo que respecta aos mortos, a maior parte deles producironse en Ordes, con 30 asasinados desde 1936 a 1949, deles, dous pola guerrilla e o resto polos franquistas. Tamén se incluén os 11 fusilados en Boisaca aos que o alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, homenaxeou hai uns días
En Oroso, foron sete os mortos. Todos durante o franquismo e ligados á guerrilla, entre elas unha muller.  En Frades, sete, do 36 ao 47. Tres deles, guerrilleiros, caíron nunha emboscada en Fontao (Abellá) no 47.
En Mesia foron 19  os asasinados do 36 ao 52, entre eles Agustín Sánchez,  morto por dar vivas á “República”. Pola súa banda, Hortensia Mosquera, morreu logo dunha malleira no cuartel da garda civil de Xanceda. Nesta  localidade foi onde máis activo estivo a guerrilla con asasinato dun garda civil, un falanxista e dous represores xa que era a zona onde actuaba Benigno Andrade,’Foucellas’, capturado na comarca e executado no cárcere da Coruña.
En Cerceda,  foron cinco os mortos , desde o 36 ao 38, dos cales tres descoñecidos.En Tordoia, tres, do 36 a 37. En Val do Dubra (antigo Buxán), 5, do 47 ao 49, dos cales catro eran guerrilleiros que cairon nunha batida en Paramos no 49.
En Carballo, foron sete os asasinados, todos no 36. O autor non atopou vítimas mortais no concello de Trazo.
Catalogación
Precisamente, o autor cataloga as vítimas entre os paseados despois do 36, os fusilados como consecuencia de procesos xudiciais, os guerrilleiros mortos como consecuencia da loita contra a Garda Civil, os mortos como consecuencia das accións da guerrilla e as persoas que aparecen mortas e nunca son identificadas que son catalogados como “descoñecidos" da ditadura militar.
As listaxes preséntanse por concellos  de forma cronolóxica ou agrupadas arredor dun suceso común que as relaciona,  comezando en 1936 e rematando en 1952. Estas datas coinciden coa sublevación militar contra o goberno da Segunda República e o fin da loita da guerrilla antifranquista na bisbarra de Ordes. 
Recóllense as vítimas  mortais  orixinarias dos concellos da comarca de Ordes  e Val do Dubra que faleceron nesta comarca ou fóra dela. Tamén figuran as vítimas doutras localidades do país que morreron nesta bisbarra, por exemplo, persoas veciñas de Betanzos que aparecen paseadas en Ordes. Debaixo do nome dos guerrilleiros mortos pode lerse o/s seu/s alcume/s ou “descoñecido”, cando non identifican os cadáveres na acta de defunción. 
Para facer este censo o autor valeuse de documentación oficial e de fontes orais e mesmo certas testemuñas lle sinalaron que no cemiterio do Piñeiro de Ordes hai unha fosa común.  En todo caso, e segundo apunta o autor, este censo é unha fonte documental aberta, polo que agradece a achega de datos para completalo e revisalo de forma periódica. 
"Matárona a paus"
GC púxose en contacto co autor, Manuel Pazos, para coñecer un pouco máis acerca do seu traballo e estas son algunhas das cuestións que nos respondeu:
Cales foron as dificultades que tiveches á hora de facer este traballo?
As dificultades foron cruzar todos os datos, pois esta investigación é bidireccional, é dicir vai das fontes escritas (causas de consellos de guerra, actas de defuncións...) ás fontes orais que están vivas, polo que houbo que cruzar os datos para que fosen fiables... Outras dificultades foron encontrar fotos das vítimas e procesar toda a información que se leva recollendo na bisbarra de Ordes desde o ano 1997.
Cal foi o caso que máis te impactou?
Hai varios... a morte como consecuencia dunha malleira dunha moza no cuartel da Garda Civil de Xanceda (Mesía)...matárona a paos, coma quen dí... a outra muller cortáronlle os peitos... todas as mortes dan medo... os 11 fusilados de Ordes en Boisaca... mais hai casos dos que non sabemos nada, só que foronpaseados e soterrados... non sabemos os seus nomes...
Como recibiron os familiares o teu traballo?
Ben, con respeto polos dous lados (o republicano e o franquista). Uns aledáronse de que ao final se fixese xustiza recuperando a historia das vítimas do 36 en Ordes, outros, uns poucos (os de sempre) dicían que hai que deixar todo como está, que hai que esquecer...
De onde sae a idea desta investigación?
O Censo está sacado dun libro recén publicado da miña autoría, tal e como figura na introdución aclaratoria do censo... son máis de 80 persoas mortas, desde 1936 ao 1952, data do fin da loita da guerrilla en Ordes.
Podedes atopar o censo completo na web de Manuel Pazos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario