xoves, 22 de marzo de 2012

Nacións Unidas da Homofobia


Publicado o Mércores, 14 Marzo 2012 14:45 Escrito por Fran P. Lorenzo (Dioivo)
Non hai fronteiras para as Nacións  Unidas da Homofobia. Pero si hai puntos máis negros nese mapa fóbico. Irán e Iraq, por exemplo, enfrontados historicamente por guerras e conflitos, danse a man nunha persecución dos homosexuais que recrúa cada día que pasa. Alomenos catorce persoas morreron nas últimas tres semanas en Bagdad no marco dunha suposta vaga de ataques contra homosexuais e emos, unha tribo urbana de adolescentes tristes, lánguidos e vestidos de negro que prende con forza nos colexios da capital. A asimilación desas roupaxes modernas coa homosexualidade colocou ambos colectivos no foco da violencia. Activistas de dereitos humanos elevan a ducias e mesmo máis dun centenar o número de vítimas desde febreiro.
A maioría das mortes producíronse en bairros chiís de Bagdad, como Cidade Sadr, Shulaa, Ameen e Tariq, segundo fontes consultadas pola CNN. Unha carta que circula por Cidade Sadr ameaza a "cada home ou muller libertino" que non poña fin aos seus "sucios actos" no prazo de catro días co "castigo de Deus" a "mans dos muxaidíns". A misiva sinala 33 persoas ás que identifica como homosexuais ou emos, pola súa maneira de comportarse ou polo seu aspecto e chega depois de que o goberno de Iraq fixera público un comunicado sobre o fenómeno emo, comprometéndose a erradicar esta moda e instando a poboación como á "policía moral" a entrar nos colexios de Bagdad.
Execucións, terapias e medidas punitivas
Á beira de Iraq, Irán deu tamén este día máis motivos para a alarma. Fíxoo o pasado luns a través do secretario do Alto Comisionado de Dereitos Humanos iraniano, Mohamed Lariyani, que defendeu o seu país ante o Consello de Dereitos Humanos, en Xenebra, rebatendo as conclusións dun informe da ONU sobre a situación das liberdades fundamentais en Irán.
O informe denuncia o "acoso, persecución e castigo cruel" da comunidade LGTB, a cuxos membros "se lles nega mesmo o dereito á vida". O código penal iraniano considera un delito as relacións consentidas entre persoas do mesmo sexo e no artigo 109 do seu Código Penal Islámico recolle que "as dúas partes dunha relación sexual gay son igualmente responsábeis criminalmente e poderían afrontar un castigo severo, incluída a pena de morte". Tres homes, en setembro de 2011, foron executados baixo a acusación de sodomía en Irán.
Na resposta oficial presentada en Xenebra esta semana, Lariyani insistíu en que a  homosexualidade é "unha enfermidade mental, un estado espiritual pecaminoso e/ou unha adicción", alén dunha expresión dos vicios de Occidente. E propón todo tipo de "medidas punitivas" e "terapias reparadoras" para frear "a propagación desta lepra".
O fenómeno It Gets Better
Mentres tanto, nese Occidente invasor que exporta modas e comportamentos, a homofobia tamén acada níveis preocupantes, mesmo de emerxencia nacional, sobre todo entre a poboación adolescente de contornas non urbanas. O crecente acoso aos rapaces e rapazas gays e lésbicas nos liceos e centros escolares de Estados Unidos está a derivar, desde hai anos, nunha dramática vaga de suicidios que, nos últimos dous anos, deixaron xa de ser expresións illadas dun problema individual. Proba desa preocupación é o nacemento do proxecto It Gets Better, unha iniciativa civil na que persoeiros anónimos e populares nortemericanos (desde Hillary Clinton ou Obama até deportistas, actores de Hollywood, cantantes ou rostros da televisión) gravan en vídeo mensaxes de apoio para os adolescentes gays coa frase It Gets Better ("a cousa vai mellorar, todo vai ir a mellor") asegurándolles que, malia o sufrimento e o acoso que sofren, o suicidio non é unha opción e que chegará o día no que poidan deixar iso atrás e vivir unha vida normalizada e feliz, orgullosos da condición sexual. Abonda con procurar 'It Gets Better' en Youtube para se decatar das dimensións e da gravidade deste fenómeno.
Dinamarca aproba o casorio gay nas igrexas
Mentres Oriente e Occidente se unen nese cruzada fóbica contra gays, lésbicas e transexuais, hai lugares nos que mesmo a vivencia relixiosa da homosexualidade está a lograr unha normalización inédita. Dinamarca, por exemplo, debate hoxe, 14 de marzo, no seu parlamento unha lei que será previsibelmente aprobada en xuño, e que permitirá os matrimonios homosexuais nas igrexas dinamarquesas. O texto, froito dunha promesa eleitoral de 2010, apóiano os tres partidos da coalición gobernamental de centro-esquerda e a alianza roxi-verde Lista Única.
Desde hai unha década Dinamarca, onde non existe separación entre Estado e Igrexa, xa permitía unha sorte de benzón nos templos do país para as parellas de gays e lésbicas, casadas civilmente. Agora con esta medida, que conta coa oposición dos sectores máis conservadores de Igrexa Nacional Luterana malia respeitar a vontade dos pastores de exercer ou non o casorio, dáse un paso máis na normalización plena dos dereitos homosexuais, nun terreo tan espiñento e fértil para a homofobia como é o da relixión. Dinamarca ponse así á cabeza, canda España, Islandia, Portugal, Suecia, Noruega, Sudáfrica, Canadá ou Bélxica, desoutra liga internacional de Nacións Unidas contra a Homofobia, nas que, malia os progresos evidentes, aínda queda moito por facer e por batallar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario