venres, 16 de marzo de 2012

Cabanillas e as roladas


En 1922, o poeta cambadés Ramón Cabanillas impulsou desde Madrid a creación dunha entidade escolar infantil galega denominada "As Roladas" e puxo asemade en marcha un humilde boletín co mesmo nome. Tentaba, na época, renovar o panorama pedagóxico do país poñendo o aceno na cultura e na lingua galegas.
Por Emilio Xosé Ínsua | Ourense | 08/03/2012
Ambas iniciativas, aínda que frustradas moi axiña, exemplifican perfectamente, xunto coas "Escolas do Insiño Galego" promovidas na Coruña por Ánxel Casal,  os esforzos do galeguismo nesa altura histórica por atraer ás súas fileiras aos integrantes do Maxisterio e por elaborar un modelo pedagóxico alternativo ao oficial, onde todo o relativo ao país, á súa lingua e á súa cultura resultaba marxinado ou ignorado.
Nas páxinas do xornal Galicia Nueva de Vilagarcía de Arousa, un anónimo redactor oculto baixo a asinatura Z. daba conta no exemplar correspondente ao 7 de maio de 1922 da posta en marcha dese proxecto de "As Roladas". Tratábase dunha entidade de xorne galeguista, con certa semellanza aos 'boys scouts', que estaría formada a base de pequenos fatos de cinco nenos como mínimo, que "en cada vila, en cada escola, en cada sociedá de labregos, ó agarimo de cada campana parroquial" se dedicarían a recoller "notiñas e apuntes sóbor da toponimia e o folk-lore de Galicia e, en xeral, no que teña intrés e relación c-oa cultura galega".
O neno "enrolado" faría este labor, segundo se explica, "levando sempre por diante que é fillo de Dios e ciudadán da Galicia, os dous títulos de mais outo valor no mundo". Ademais, estaría obrigado a cumprir toda unha serie de premisas de conduta ética, inspiradas igualmente no cristianismo e no galeguismo: “Endexamais, nin para ben nin para mal, faltará á verdade; será sempre sinxelo, garimoso, limpo de corazón, leial e nobre; non fará nunca traición nin ô amigo nin ô enemigo; axudará a erguerse ô que caia e porá en camiño ô que non seipa onde se alcontra, e terá, en todo istante, a palabra disposta a defender a nosa Terra, con amor fillo do convencimento da alma e sin aldraxe para ningunha outra”.
A nova entidade, presentada polo xornal agrario estradense El Emigrado como "pequenos xuntoiros de amantes da Pátrea galega" e aplaudida tamén polo diario católico rexionalista El Ideal Gallego, sostería unha publicación ou "xornaliño" destinado ao propio público infantil e alimentado tanto polos traballos que realizase cada unha das agrupacións que fosen formándose pola Galiza adiante como polas colaboracións achegadas por artistas e escritores de certo renome. A finalidade última do novidoso proxecto estribaría en contribuír ao espertar da Galiza, formando unha mocidade enraizada na Terra ("O voso primeiro deber é o amor a Galicia", indícalles Blanco Torres), de conviccións e crenzas relixiosas firmes ("tes de ser relixioso, rexa e fondamente relixioso; non somentes de verbas sinón de pensamento e de vontade", escríbelles Cabanillas), culta, honrada e traballadora ("ser home é ser honrado nos tratos, sereamente traballador, valente na disgracia e san de concencia", sinala o poeta de Fefiñáns), orgullosa da lingua ("Cando che digan que tés de deprender o castelán, di que si, que queres coñocer o castelán fonda e cumpridamente, mais que denantes de todo queres deprender ben, como Dios manda, a túa língoa galega"), amante da natureza e respectuosa cos seus maiores, en xeral, e cos labregos, en particular ("ten presente que na vida terreal poderiamos vivir sen merceiros, sin homes de curia, sin menciñeiros, sin soldados; sin labregos, non").
O boletín As Roladas, saído do prelo da madrileña "Editorial Ibérica" ao prezo de 10 céntimos de peseta o exemplar e co subtítulo de "folla dos rapaciños galegos", contou co patrocinio financeiro de persoeiros como Leonardo Rodríguez (antigo ministro e deputado besadista por Chantada), o potentado liberal Portela Valladares, o Marqués de Figueroa (persoeiro con vínculos familiares en Fefiñáns), Wenceslao Fernández Flórez, Prudencio Rovira Pita, o arquitecto Antonio Palacios e os militantes da ING Vicente Risco e Castelao. O director da publicación e redactor da maioría dos traballos foi o propio Cabanillas e, de feito, o seu enderezo particular en Madrid (Rúa Aduana, nº 35-2º) fixo as veces de sede desta publicación, que, non obstante, tivo vida moi efémera: dela só saíron dous números, correspondentes aos meses de maio e xullo de 1922, que poden consultarse no facsímil que o profesor Alonso Montero inseriu en 1981 no terceiro tomo da súa edición das Obras Completas do poeta cambadés ou, vía internet, na páxina www.filix.org/revistas/roladas.html.
Artistas
O lapis de artistas como Castelao, Antonio Palacios, Prieto, Álvaro Cebreiro ou Francisco Lloréns compartillou as páxinas deses dous únicos números de As Roladas coa pluma de escritores e xornalistas como o propio Cabanillas (autor do poema "Rosa mística" e do soneto "A Meliña", dedicado á filla de Antón Villar Ponte), o ferrolán Máximo Ramos (1880-1949), o verinés Manuel Fuentes Canal (colaborador do boletín Nós e do "Seminario de Estudos Galegos”, asasinado no 36), o cuntiense Roberto Blanco Torres (nado en 1891 e tamén inmolado no fatídico ano), o santiagués Vitoriano Taibo (1885-1966), o valdeorrés Roxelio Rodríguez Díaz (1888-1948), que publica o poema-nana "A ron...ron...", e, por último, o viveirés Antón Villar Ponte (1881-1936), quen defendería no seu artigo no segundo número da revista o valor do clima galego en relación á paisaxe, pois “si a nosa terra é das máis fermosas do mundo é porque n-ela chove moito. Non arreneguedes, pois, meus nenos, da choiva, como fan os señoritos das vilas. A choiva é criadora das árbores, que nos dan froitos e sombra, e da meiga beleza da nosa campía".
En realidade, aconteceu que "As Roladas" nin sequera chegaron a constituírse como tales. Agás a autodenominada "Luar", formada na escola de San Cibrán de Mouriscados (Mondariz) polo mestre Couñago co patrocinio de Enrique Peinador (coa participación dos nenos Clemencia Rodríguez Val, Benito Francisco Outerelo, Xoán Rodríguez Figueiredo, Xosé Domínguez Sandá e Xosé Francisco Vázquez) e outra "rolada" que se configurou, se non mente o correspondente "Umia" do xornal vigués Galicia (nº 9, agosto de 1922) na escola de Vilariño (Cambados), rexentada polo activista católico J. Monge, nunca chegaron a establecerse, implantarse e funcionar eses agrupamentos infantís escolares que, en teoría, darían sentido e sustento ao proxecto. A súa semente, con todo, estaba botada, e poucos anos despois o catedrático do instituto noiés e, daquela, afervoado galeguista Álvaro de las Casas, botaría a andar un novo agrupamento xuvenil, os "ultreias", con ideario e fins ben semellantes aos desas efémeras "roladas" que, vistas desde a distancia e tendo en consideración o seu carácter pioneiro e a súa esperanzada proposta, que certo xornal coruñés definiu como "limpia de toda sombra de odio y de ahondamiento de rencores, sólo inspirada y nacida del amor a la tierra gallega", ben puideron ser merecedoras de mellor sorte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario