O 47% dos homosexuais oculta a súa orientación ó buscar emprego e un 63% faino no seu traballo ·· A taxa de inclusión en Galicia retrocedeu 10 puntos porcentuais
LAURA CAMINO . SANTIAGO
Contextualizar, eliminar a transexualidade do catálogo de enfermidades mentais da Organización Mundial da Saúde, salvar a fenda rural e a discriminación laboral e acabar coa estereotipación. O colectivo de gays, lesbianas, bisexuais e transexuais (GLBT) de Galicia, Colega, celebrou onte o Día Mundial contra a Homofobia lembrando estas catro reivindicacións básicas e poñendo o acento sobre o crecente problema sociolaboral e o "bullying homofóbico" que sofren moreas de persoas pola súa condición sexual.
Así o remarcou onte o presidente de Colega en Galicia, Rafael Moral, quen incidiu nos problemas que hai que atender na nosa comunidade nos ámbitos laborais e xeográficos, e tildou de insuficiente, aínda que valorable, a declaracións institucional emitida polo Parlamento galego cuxa realización, ademais, foi allea ao colectivo que representa.
Neste contexto, Moral apuntou que se produciu "un retroceso de preto de dez puntos porcentuais" en igualdade e visibilidade de LGBT na nosa comunidade. Unha situación á que se lle suma "unha fenda entre o rural e os maiores núcleos de densidade poboacional, que vai desde os 7 aos 13 puntos de diferencia en taxa de inclusión". É dicir, segundo puxo como exemplo, que "non pode ser que en Ribeira haxa unha morea de xente nova que só pode vivir en igualdade en Santiago. Nin que unha persoa dea a batalla no familiar, no educativo, no social... e saia do armario entre comas para volver meterse no traballo", engadiu.
É é que o laboral é un dos sectores nos que Colega pon o acento ao constatar que "cando se busca o primeiro emprego, máis do 47% oculta a súa orientación", e xa dentro do mercado laboral "a procentaxe chega a preto do 63%, tanto por ocultalo como ata por mentir". E fano porque "pensan que o van despedir, como nolo din a nós nas consultas, sobre todo coa crise".
Respecto da contextualización, o presidente de Colega Galicia lamenta que "por desgraza moita xente cando fala dos nosos dereitos esquece que hai cinco países e dúas rexións do mundo onde nos condenan a pena de morte", así como outros "75 onde establecen penas de cárcere que van dun mes, ata 20 anos ou a perpetua", advirte Moral que destaca que son "zonas moi cercanas e con estreitos vínculos como Marrocos".
Moral valorou, no entanto, que "todas as institucións galegas manifestasen publicamente o seu apoio na loita contra a discriminación", unha reivindicación xa cumprida. Por iso aplaudiu que saíse "unha declaración por primeira vez da Xunta de Galicia dun compromiso real no contexto do Plan de accion social". Criticou, con todo, e malia recoñecer a intención, que a declaración emitida polo Parlamento quedase lonxe do agardado.
"Queriamos que se fixesen mandatos concretos, non brindes ao sol. Limítanse a dicir que hai que sensibilizar os adolescentes. O texto non recolle as pretensións de Colega como algúns membros dalgúns partidos políticos quixeron facer ver", quéixase o presidente do colectivo, que engade que "falan moito de fóra e pouco da casa" e matiza, malia "aplaudir" o resultado: "non fomos pais da criatura".
Noutro dos puntos reivindicativos, "en parte cumprido", Moral denuncia o feito de que "os catálogos da OMS aínda consideran a transexualidade como enfermidade mental". Precisamente, onte celebrábanse os 20 anos da eliminación da consideración da homosexualidade como doenza mental, pero queda un camiño por percorrer no caso dos transexuais.
Nesta liña, Rafa Moral aproveitou para lembrar outra das demandas básicas feitas desde Galicia pero que require dunha resposta estatal: contemplar a reasignación de xénero como servizo dentro do sistema público español para contar con centros de referencia nos que as intervencións se realicen de xeito satisfactorio e con garantías, posto que vai "máis aló da estética".
CONTROVERTIDA ORDENACIÓN
Primeira bispa lesbiana da Igrexa episcopal en EEUU
A Igrexa episcopal estadounidense levou a cabo a fin de semana pasada unha das súas accións máis controvertidas: a ordenación como bispa da primeira muller declarada abertamente lesbiana, unha decisión que non gustou a todos no colectivo anglicano. Mary Glasspool converteuse en bispa este sábado malia a manifesta oposición do arcebispo de Canterbury, Rowan Williams, e as súas advertencias respecto do perigo de profundar no debate da orientación sexual de los prelados. A cerimonia, na que tamén se ordenou Diane Jardine Bruce, celebrouse ante 3.000 persoas en Long Beach (California). Ambas as dúas preladas foron o ano pasado escollidas para ser bispas, un feito sen precedentes nos 114 anos de historia da diocese dos Ánxeles. Xa no 2003, abríase o camiño á non discriminación por xénero no seo da Igrexa anglicana estadounidense, co nomeamento de Gene Robinson como primeiro bispo declarado abertamente gay. No entanto, a ordenación de Mary Glasspool é interpretada como "un desaire da liberal Iglesia Episcopal de EEUU" a outras do mundo, segundo recolle BBCMundo.
A CERNA
"Non necesito un tanga e unha carroza para acadar igualdade"
A da non estereotipación é unha das reivindicacións ás que Rafa Moral lle dá máis importancia e critica, nesta liña, a continua intención de copiar a Madrid. "Por desgraza -di- moita xente considera que normalizar a súa situación de homosexual" pasa pola "vía madrileñocentralista de Chueca", na que "a homosexualidade é unha de relixión que ten a Madrid como a Meca, Chueca como a Kaaba, Zerolo como o seu profeta... e todos a copiar de Madrid, que é o máis triste", explica o responsable de Colega en Galicia. De feito, manifesta que o colectivo está "moi apenado porque a algunhas institucións autonómicas non lles baste con Galicia e queiran emular a Madrid, traer unha emulsión do Día do Orgullo madrileño á Coruña e a outros sitios da comunidade para dicir que defenden o colectivo", denuncia. Fronte a isto, defende a loita pola non estereotipación. "Eu son mileurista, traballador por conta allea como xurista, son pisces, rosmón pola mañás... son todas esas cousas e ademais homosexual", di, para lamentar que "unha soa das miñas condicións me condicione".
"A estereotipación -conclúe- representa a verdadeira batalla. Eu non necesito un tanga, unha carroza e a unha persoa ao meu carón aplaudindo para acadar a igualdade social. O que necesito, pola contra, son proxectos, compromisos serios por parte das institucións, menos tangas e máis proxectos. Máis accións de goberno, menos brindes ao sol e fotos baleiras e máis contido e programas".
Queixa contra Javier Clemente
Colega interpuxo unha queixa contra o adestrador de fútbol Javier Clemente por dicir que "nos touros, igual ca cos futbolistas, cando un sae gay e non bravío, pegáselle un tiro e mátase", lembrou Moral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario