sábado, 8 de maio de 2010

Un lugar para "aprender"

06.05.2010 Abre en Berlín un sobrio edificio nun solar que ocuparon a Gestapo e as SS, o centro de documentación "Topografía do Terror"

GEMMA CASEDVALL/EFE . BERLÍN

Vista das ruínas dos antigos calabozos, ao lado dos cales abrirá o centro de documentación  FOTO: efe
Vista das ruínas dos antigos calabozos, ao lado dos cales abrirá o centro de documentación
FOTO: efe

Sobre o solar de 4,5 hectáreas que ocuparon as centrais da Gestapo e as SS abrirase hoxe o centro de documentación Topografía do Terror, un sobrio edificio de forma rectangular, construído sobre o que foron os calabozos do aparello nazi. "Isto non é un monumento máis nin un lugar para renderlles homenaxe ás vítimas do nazismo, é un lugar ó que vir aprender", explica Andreas Nachama, director da Fundación Topografía do Terror, nunha visita para medios estranxeiros en Berlín previa á inauguración do centro polo presidente alemán, Horst Köhler.

Para recordarlles ós seis millóns de xudeus asasinados polo nazismo está, a unhas mazás, o monumento ás vítimas do Holocausto, o xigantesco patio de bloques de formigón deseñado por Peter Eisenmann, de cuxa inauguración se cumpren agora cinco anos. E para documentar o destino dese colectivo, ó que o nazismo pretendeu exterminar, está así mesmo no corazón de Berlín o edificio en zigzag do Museo Xudeu, obra de Daniel Libeskind.

As liñas frías do centro, obra da arquitecta berlinesa Ursula Wilms, están estilisticamente moi afastadas do forte simbolismo que encerra o labirinto de Eisenmann, xunto á Porta de Brandeburgo, ou do tortuoso discorrer do museo de Libeskind."É funcional, como o é tamén o labor do centro de documentación que, ademais de exposicións, albergará unha biblioteca e arquivos abertos á investigación", explica Nachama, sobre o edificio en cuxa construción se investiron 19 millóns de euros.

Trátase dunha versión abaratada do concepto deseñado en 1993 polo suízo Peter Zumthor, consistente en dúas inmensas torres para as que se calculou un orzamento de 25 millóns de euros, que despois se amplificou a 39 millóns e que finalmente se veu abaixo -tamén no sentido literal"-: as autoridades berlinesas ordenaron en 2004 a súa demolición, por inviabilidade do proxecto. Das dúas torres xigantescas pasouse a un rectángulo gris, dunha planta sobre o solar -máis dous niveis baixo terra- acristalado, que para Nachama remite ás liñas Bauhaus. Ese é o formato elixido para evocar o aparello do terror contido entre a Gestapo, as SS, a cancillería de Hitler e o ministerio de Aviación.

A exposición interior evocará a maquinaria do poder que xestou non só o plan de exterminio dos xudeus, senón tamén ó resto de colectivos de vítimas do nazismo -xitanos, homosexuais, "inimigos" do réxime, etc-. "Os historiadores non adoitamos notar iso que outros chaman enerxía negativa dun lugar. Se non, non poderiamos facer o noso traballo", explica Nachama.

A CERNA

Unha mostra ao aire libre

A historia da Topografía do Terror empezou en 1987, coa inauguración dunha exposición ao aire libre xunto a un dos fragmentos do Muro de Berlín que queda en pé. Xunto a esa ruína organizouse máis ou menos precariamente unha mostra aproveitando algúns vestixios dos calabozos nazis, onde se torturou unhas 15.000 persoas. A exposición recibiu desde 1987 medio millón de visitantes anuais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario