xoves, 27 de maio de 2010

Infancia violentada


A ONU identifica os principais recrutadores de nenos soldado incluíndo a corpos oficiais como a Policía afgá ou as FFAA do Congo e Somalia, xunto a milicias como as FARC
E. P./EFE . MADRID
Nacións Unidas identificou por primeira vez os principais violadores dos dereitos da infancia polo recrutamento e uso de nenos en conflitos armados, unha lista na que non só están incluídos algúns dos grupos guerrilleiros máis notorios do mundo, como as FARC ou o Exército de Resistencia do Señor, senón que tamén comprende corpos de seguridade tanto estatais, como a Policía Nacional Afgá, as forzas armadas do Goberno Federal de Transición somalí e de República Democrática do Congo (RDC), como paraoficiais, no caso das milicias ás ordes do Goberno sudanés en Darfur.
O Informe Anual do Secretario Xeral ante o Consello de Seguridade sobre Nenos e Conflito Armado identifica non só ós máis destacados recrutadores de nenos soldado, senón tamén ós principais responsables de asasinar, mutilar e violar menores no contexto das diferentes situacións de combate que se viven en todo o planeta, un anexo copado na súa práctica totalidade polas principais milicias armadas africanas e, novamente, polas forzas do Goberno somalí.
No entanto, o secretario xeral de Nacións Unidas, Ban Ki Moon, destaca o progreso efectuado nalgúns ámbitos da protección dos dereitos dos nenos en combate. Neste sentido, grupos como a Fronte Moura de Liberación Islámica (MILF), o Exército de Liberación do Pobo de Sudán ou o Partido Unificado Comunista de Nepal-Maoísta emprenderon medidas para desarmar e retirar das súas filas ós guerrilleiros menores de idade. No caso dos guerrilleiros nepalís, Nacións Unidas constata que nos últimos meses puxeron en liberdade 1.843 nenos soldado. De igual modo, as Forzas Nacionais de Liberación de Burundi foron eliminadas do informe polo seu compromiso na protección dos dereitos dos menores ó cesar o recrutamento de combatentes infantís. A ONU tamén foi capaz de verificar que todos os seus soldados menores de idade foron postos en liberdade e atópanse reunidos coas súas familias.
As FARC e o Exército de Liberación Nacional son os dous únicos grupos armados latinoamericanos incluídos na lista de violadores dos dereitos do menor en conflitos armados como reclutadores de nenos soldado. Xunto a eles, neste apartado, atópanse milicias categorizadas en máis dunha ocasión como habituais reclutadores de nenos, como o LRA, o grupo yihadista filipino Abú Sayaf, o Exército de Liberación Nacional da minoría Karen en Birmania ou as Forzas Democráticas de Liberación de Ruanda (FDLR).
O informe lamenta especialmente a actuación de corpos de seguridade oficiais, como a Policía afgá ou os Exércitos congolés e somalí, que inclúen de xeito habitual a menores de idade entre as súas filas. "O combate non é lugar para un neno", apunta a Secretaria Xeral Adxunta e Representante Especial para a cuestión dos nenos e os conflitos armados, Radhika Coomaraswamy. "Vivimos nun mundo onde os nenos son empregados como soldado, espías e escudos humanos", lamentou. Sudán e Somalia son os dous principais núcleos xeográficos da violencia explícita contra os nenos. O informe da ONU destaca os enfrontamentos entre as forzas do Goberno somalí coas milicias islamitas de Al Shabaab, que deixan cada ano centenares de nenos falecidos ou mutilados no país africano.
Pola súa banda, as Forzas Armadas de República Democrática de Congo e as unidades integradas procedentes das milicias do Congreso Nacional para a Defensa do Pobo, de Laurent Nkunda, atópanse incluídas no apartado dedicado á violencia sexual contra os menores, onde novamente están incluídos tanto o LRA como o FDLR.
"Os nenos terminan sendo, con demasiada frecuencia, as vítimas colaterais das operacións militares", asegura Coomarasawy. "A publicación deste informe, como cada ano, debería incitarnos a deternos un momento, e recordar que debemos protexer ós máis inocentes e ós máis vulnerables".
HRW pide protexer os nenos no conflito maoísta con India
Human Rights Watch (HRW) pediulle á India que adopte máis medidas para protexer a poboación infantil afectada o conflito coa guerrilla maoísta, despois de que a ONU criticase a situación dos menores. Entre outras cousas, HRW pídelle á India que se reformule a súa política de ocupar e usar escolas durante as operacións contra os rebeldes maoístas, que teñen o seu feudo nunha franxa de territorio no centro e o leste do país. Así mesmo, esíxelle á guerrilla que abandone o recrutamento e uso de nenos soldado. "Tanto as forzas de seguridade como os maoístas explotan e prexudican ós nenos, ó destruír a posibilidade de educarse e causarlles uns danos que os afectarán durante todas as súas vidas", di HRW.
COLOMBIA
Espías, escravos sexuais e asistentes
No caso de Colombia, o informe do secretario xeral da ONU lamenta que en 2009 "o recrutamento e uso de menores fose unha práctica habitual, sistemática e estendida dos grupos armados ilegais". Ademais, denuncia que as FARC e o ELN empregaron a estes nenos soldados "en combates, para recrutar outros menores, así como espías, escravos sexuais e asistentes loxísticos".
O Exército úsaos como "lanceritos"
O informe de Nacións Unidas faise eco tamén das denuncias de que o Exército colombiano utilizou a menores en tarefas de intelixencia, particularmente en zonas rurais do Val do Cauca, e critica programas cívico-militares destinados ós menores, como o dos "lanceritos", que poden ocasionar represalias por parte da guerrilla, chegando a ser torturados e ata asasinados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario