martes, 25 de maio de 2010

O rei sen coroa


Os 75 anos transcorridos desde a morte nun accidente de Lawrence de Arabia non fan máis que aumentar o misterio da súa vida

MATEO SANCHO CARDIEL/EFE . MADRID

Hai 75 anos falecía, despois de seis días en coma, Thomas Edward Lawrence, Lawrence de Arabia, un home que removeu a Historia coa súa propia historia, reflectida nas súas memorias Os sete alicerces da sabedoría. Pasados tres cuartos de século dese accidente nunha motocicleta que agora se exhibe no Imperial War Museum de Londres, o chamado "rei sen coroa de Arabia" é unha figura enigmática que contextualiza un conflito aínda incandescente: o de Oriente Medio.

Na súa misión a favor da independencia árabe co rei Feisal en plena Primeira Guerra Mundial, era T.E. Lawrence un manipulador ao servizo dos intereses do seu país, un cristalino exemplo da distorsión entre a realidade dunha batalla e o taboleiro de xogo dun goberno ou un idealista enlouquecido pola cadencia monótona das dunas dun deserto. As fazañas do mito -nacido en Gales no 1888- seguen a moverse entre a realidade ou o espellismo. Os sete alicerces da sabedoría é tan apaixonante que os historiadores seguen dubidando e o cine colaborou a difuminar os auténticos límites da súa xesta. Esta non era outra que a súa teimosía pola que consideraba unha causa xusta: "Unha cabalgata da liberdade árabe da Meca a Damasco" que, ao tempo, lles servía aos británicos para frear o imperio Otomán, inimigo seu e aliado de Alemaña.

O seu libro partía cunha advertencia: "Non pretendo ser imparcial. Eu loitaba pola miña causa no meu propio estercoleiro". Un estercoleiro que o fixo pasar de militar de baixa gradación a man dereita do rei árabe. O xornal The National ofrecía recentemente desde Abu Dhabi a visión que Oriente Medio ten do mito e recollía o testemuño de Michael Asher, autor do documental En busca de Lawrence: "Cando lles falabas de Lawrence, eles pensaban que te referías a Peter O"Toole, quen o encarnou no cine".

T.E. Lawrence, en realidade, sempre fuxiu da gloria. "A miña exacta participación nela (a liberación árabe) foi secundaria, pero por mor dunha pluma fácil, unha fala despexada e certa habilidade mental, asumín, como digo, unha falsa primacía", explicaba. Porén, Lowell Thomas explicaba: "Parecía estraño que este home tímido, case feble, puidese ser o misterioso xefe dos guerrilleiros. Só despois, cando o vin galopando audazmente sobre o camelo, rodeado da súa fera e impetuosa escolta, puiden crer ao fin".

O seu carisma tivo un punto de inflexión: "Unha vez, andando só por Deraa, unha praza otomá, foi detido. Os turcos nin sospeitaban que aquel home pequeno era o líder da revolución. E foi salvaxemente torturado", relataba Thomas nun artigo publicado en 1964. Desde entón, precisaba, "exhausto polas feridas e o cansazo, Lawrence parecía o xenio da vinganza, case non durmiu ata que desfixo as columnas turcas que fuxían".

Ao final da vida, Lawrence estaba lonxe de sentirse satisfeito dos resultados da súa xesta. O tratado Sykes-Picot de 1916 entre Gran Bretaña e Francia acabou coas esperanzas de autodeterminación árabe e coas súas propias. "Cando terminamos e amenceu o mundo novo, os homes vellos volveron xurdir e arrebatáronnos a nosa vitoria para refacer o mundo segundo o modelo que xa coñecían. A mocidade puido gañar, pero non aprendera a conservar", resumiría Lawrence.

E é que nunha época de reminiscencias aínda coloniais, se algo fixo Lawrence foi entender con humildade que tiña que adaptarse a un pobo distinto ao seu. El lamentábase: "Durante os dous anos que estivemos xuntos baixo o lume afixéronse a crerme e a pensar que o meu goberno, do mesmo xeito ca eu, era sincero. Con tal esperanza levaron a cabo fermosas fazañas, pero no canto de sentirme orgulloso, sentíame continua e acremente avergoñado", escribiu.

O seu queixume histórico ía acompañado do desencanto e do flaxelo persoal. "Un sentimento de intensa soidade na vida e un desprezo, non polos homes, pero si polo que fan".

Ningún comentario:

Publicar un comentario