sábado, 15 de maio de 2010

Un documental lembra os 20 represaliados do Portiño


A Comisión da Memoria prevé erixir “este ano” un monolito dedicado ás vítimas do franquismo da comarca coruñesa


DANIEL PRIETO Actualizado 11/05/2010 - 01:19 h.

O litoral coruñés foi escenario durante os primeiros tempos da Guerra Civil dunha evasión frustrada por mar que rematou en traxedia. O 3 de marzo de 1937, uns 50 homes tentaron escapar desde O Portiño das gadoupas do franquismo en dous barcos, o Generoso e o José Linares, que nunca chegaron a saír do peirao da Coruña. Aqueles homes pretendían alcanzar a fronte republicana e Francia. Algúns morreron esa mesma noite asasinados ou afogados, e outros foron fusilados sete meses despois no Campo da Rata. En total, faleceron 20. Onte, 73 anos despois, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) presentou un documental sobre eses feitos para honrar a memoria dos represaliados.

“Debemos saldar a a débeda cos mortos do Portiño, vítimas da represión franquista na ditadura e durante a democracia, porque tamén foron vítimas do silencio”, sinalou Manuel Monge, presidente da CRMH. Despois de inaugurar o ano pasado un monumento en memoria desas vítimas, e de impulsar a publicación de diversas publicacións sobre o acontecido aquela noite, a entidade presentará hoxe oficialmente o documental sobre eses feitos, que se exhibirá de balde ás 20.00 horas no centro cívico de San Pedro de Visma. Ademais, poderase ver na páxina web do organismo, en www.memoriadacoruna.com.

A fuxida do Portiño, dirixido por Jorge Gil, “é unha homenaxe a todos aqueles que loitaron pola liberdade”, sinalou a concelleira de Cultura do Concello da Coruña, María Xosé Bravo, que participou na presentación do documental xunto ao seu produtor, Domingo Díaz e ao secretario da CRMH, Fernando Souto. “Debemos lembrar aqueles anos terribles da longa noite de pedra para non cometer os mesmos erros”, engadiu Bravo, que aludiu ás “dificultades” que xorden á hora de “dar luz” ás vítimas da represión franquista . Ademais, a edil enxalzou o traballo realizado pola CRMH e polo director do documental, a quen definiu como “unha persoa moi comprometida coa recuperación da memoria histórica”.

Nesa mesma liña, Domingo Díaz gabou o labor “de difusión” realizado pola entidade coruñesa. “No meu sector sempre defendo as obras audiovisuais como un método de chegar a máis xente”, sinalou.

DIFUSIÓN EN CENTROS EDUCATIVOS

Por outra banda, Manuel Monge anunciou que a entidade que preside porá a disposición de todos os centros educativos da cidade os traballos de investigación efectuados para elaborar o documental. Na súa opinión, trátase dun material “moi útil” para coñecer a historia de España. “Cremos que pode axudar a entender o que pasou”, sinalou Monge, que salientou o “gran interese” que suscitou a proxección do documental entre os alumnos de varios centros de Secundaria.

Ademais, o presidente da CRMH pediu colaboración cidadá para ampliar a lista definitiva das vítimas do franquismo na comarca coruñesa, que na actualidade recolle uns 600 nomes e que se ampliará coas 20 vítimas do Portiño. A entidade construirá un monolito na cidade que lucirá ese listado. Monge sinalou que a súa inauguración “prevese para este ano”, malia que a comisión aínda non conta cun emprazamento definitivo onde colocalo.

O documental A fuxida do Portiño únese así ao libro do mesmo título elaborado polos historiadores Dionisio Pereira, Eliseo Fernández, Emilio Grandío e Carlos Velasco, da Editorial A Nosa Terra; e ao cómic Compañeiros, de Xosé Tomás, que recrean o mesmo episodio.

Aqueles partidarios da legalidade republicana, que tentaron fuxir do cárcere ou dunha morte segura vía marítima, eran na súa maioría traballadores, algúns vinculados ao socialismo e ao anarquismo, que non superaban os 25 anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario