sábado, 29 de maio de 2010

O prezo do noso confort


Francisco X. Fernández, Camilo Franco e Alfonso Costa debullan nun libro a realidade de Níxer, onde a dignidade e a serenidade das mulleres contrasta coa penuria cotiá

MARÉ . SANTIAGO
Un berro contra unha "pobreza que non depende de factores externos, de pragas nin de secas que agravarán a situación, pero que non a causan; unha pobreza que é algo firmemente instalado, un cancro do que se alimenta o noso benestar, o prezo a pagar pola nosa seguridade e o noso confort". Así pode entenderse o libro Níxer, unha crónica dunha viaxe a este país realizada por Francisco X. Fernández Naval, Camilo Franco e Alfonso Costa, organizada polo colectivo Cultura Solidaria Galega para dar a coñecer os proxectos de Acción Contra a Fame.
Xerais presentou onte en Ourense esta obra. Os beneficios das súas vendas destinaranse á actividade desta ONG. Fernández Naval, Camilo Franco, Alfonso Costa e Moustapha Bello Marka son os autores. Os dous primeiros escriben, o segundo achegou as ilustracións e algúns textos, e o último un relato. Naval conversou con este xornal sobre esta iniciativa.
Unha das cuestións que máis salientades é o papel das ONG: non solucionan os problemas estruturais, pero salvan vidas...
Si, na experiencia que nós tivemos, puidemos corroborar que Acción Contra a Fame ten en Níxer un plan de actuación moi importante. E desde logo os cartos chegan ao seu destino. Unha parte vai para loxística, para investigación, por exemplo, sobre como extraer auga... Teñen un hospital en Mayahi, e unha acción ambulatoria polas feiras. Atenden os nenos con problemas de malnutrición. Eu creo que as críticas que ás veces se lles fan ás ONG poden ser aplicables a outras que non son transparentes, pero non a esta, ou a Unicef, Médicos do Mundo... que ademais están moi sometidas a controis porque reciben axudas...
Subliñades tamén a dignidade e a serenidade das mulleres...
Son as que traballan no campo, atenden a casa, os fillos... Teñen uns oito fillos cada unha, que é unha estratexia para que polo menos unha parte sobreviva. Pero non son as propietarias das terras. Na etnia dos tuareg vimos máis igualdade. Na dos hausa, que é a maioritaria, as mulleres están peor nese sentido. De feito, a Acción Contra a Fame ten proxectos para ensinarlles a elas novos cultivos, xeitos de regar...
O Estado nega a pobreza...
A ONU acaba de lanzar unha alerta de pandemia de fame. O Goberno nega que exista, se cadra para non prexudicar os investimentos estranxeiros... Cando nos estabamos alí, no 2006, había unha democracia. Pero despois houbo un golpe militar, polo que supoño que a liberdade de prensa foi restrinxida...
Subliñades moito os contrastes: a cidade construída no deserto para extraer o uranio, fronte á falta de luz eléctrica da maioría da poboación; as cidades que imitan a Europa fronte á carencia do deserto; as diferenzas entre labregos, comerciantes e funcionarios e traballadores estranxeiros...
É o segundo produtor de uranio, que extraen multinacionais estranxeiras e venden ás centrais nucleares centroeuropeas. Nas aldeas non hai luz. A fonte de enerxía é a leña, polo que compiten por levantarse cedo e ir coller leña, o cal supón un problema de deforestación. Coñecemos un cooperante que trata de que esta recolla se faga de xeito sustentable, organizado... Na capital si hai luz, pero despois só vimos unhas liñas de baixa tensión...
O colonialismo mudou pero mantense moi vivo...
China asumiu unha parte da débeda de Níxer, pero a contrapartida é a penetración dos seus produtos, moi presentes ata no máis íntimo e cotián: as chanclas das mulleres, as motos dos xefes. O groso da obra pública de busca de auga faina China. Respecto a Francia, quedan restos da colonia: tivo un papel tremendo na política, promovendo un referendo fraudulento para que se mantivese a relación de dependencia...
Chamouvos a atención a ledicia de vivir da xente.
Os nenos rin e xogan, as mulleres tamén sorrín moito... Os homes xogan ao futbolín... Hai un pouso de tristura polas condicións difíciles. os seus proxectos non van moito máis alá do día a día. Pero non teñen a frustración que xeran entre nós as comparacións, o xeito de proxectalo todo...
A SIDA é un problema fundamental...
Está relacionado coa minería do ouro, e a prostitución que xira arredor dela. Veñen mineiros doutros países...
O VEO OCCIDENTAL
A actitude de superioridade
Os autores reflexionan sobre moitas cuestións, como a actitude de certa superioridade dos occidentais ante os africanos, ou a súa vulnerabilidade ante a experiencia da carencia, da perda dos obxectos que lles dan seguridade, como os que poden coller nunha maleta. O islamismo e o animismo, as historias que Moustapha inventa e a transimisión oral difunde e fai súas, a aceptación da morte nuns parámetros distintos dos do mundo rico, ou o empeoramento da situación do país en certos aspectos desde a independencia, son temas tamén abordados polos autores. Pechan o libro uns poemas de Alfonso Costa, e un conto de Moustapha Bello, traducido desde o francés por Carlos Arias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario