Sabela Taboada afonda no "primeiro proxecto nacionalista" español a través da prensa nun ensaio co que gañou o premio Manuel Murguía
M. DOPICO . SANTIAGO
E fíxose a nación. A idea de nación española: liberais vs absolutistas na prensa galega da Guerra de Independencia (1804-1814), é o título do ensaio co que a historiadora compostelá Sabela Taboada González gañou a VIII edición do premio Manuel Murguía, convocado pola Deputación da Coruña.
O xurado do galardón a "metodoloxía contrastada" que lle deu lugar a este traballo. "A prensa foi a fonte fundamental", sinala a autora. "E levoume moito tempo revisala. Barreiro localizara 37 cabeceiras, que son moitas. Eu consultei a prensa da Real Academia Galega, a Biblioteca Xeral e o CCDG. O certo é que se conserva ben...", comenta.
O Diario de La Coruña ou El Patriota Compostelano son algunhas das cabeceiras nas que esta investigadora se mergullou. "Os xornais estaban en Compostela e na Coruña. A prensa coruñesa era máis liberal, e a de Santiago máis conservadora, polo xeral", salientou. "En principio, a dimensión fundamental da prensa é a información. Contaba, por exemplo, como ía a guerra. Pero despois vai cambiando. Os liberais comezan a utilizar as cabeceiras para defender as súas ideas, e o mesmo fan os absolutistas, que defenden o Antigo Rexime", apuntou. Neste contexto xorde a idea de nación española.
"É complicado. Os liberais collen a idea de nación que vén da Revolución Francesa, a nación en si. Reivindican a soberanía nacional, cun suxeito colectivo. Iso implica a fin de moitas ideas que viñan moi de atrás. Supón igualdade de todos ante a lei, un cambio no orde política, económica e social. E os absolutistas defenden a continuidade do Antigo Rexime", sostivo.
Así naceu o "primeiro proxecto nacionalista" español. "Coa entrada dos franceses o rei está cautivo, hai un baleiro de poder, e os liberais tentan levar a cabo o seu proxecto de renovación, de modernización...", sinalou. "Despois volveu o absolutismo, pero quedaron as ideas liberais, e iso traduciuse en voltas ao poder, pronunciamentos... ao longo do XIX", lembrou.
Co século XX xurdirán, ademais, outras ideas de nación, como a da nación galega, que entratrán en competición coa española. O voceiro do xurado, Pedro Armas, destacou, precisamente, que "o concepto de nación", segue estando "de plena actualidade".
Ademais salientou que o traballo gañador será unha lectura atractiva "tanto para expertos como para curiosos". O presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda, citou palabras da propia autora ao sinalar que o ensaio, seleccionado entre os dez presentados, "trata dun período moi estudado da historia do noso país, pero dende un novo punto de vista, xa que á parte da análise política se realiza unha análise sociocultural deste período da historia de España".
O XURADO
Ben estruturado e artellado
O voceiro do xurado, Pedro Armas sinalou que o traballo gañador "está ben estruturado, ben artellado, e resulta de interese científico, social e para os medios de comunicación".
Ningún comentario:
Publicar un comentario