sábado, 15 de maio de 2010

Outro mito crebado


"Co franquismo non chegou a Seguridade Social nin moito menos, senón que atrasou a chegada do Estado de Benestar", lembra Margarida Vidal


MONTSE DOPICO . SANTIAGO

A propaganda franquista fixo crer a boa parte dos cidadáns que o ditadura cimentara os alicerces da política social no país. Pero os datos históricos demostran unha realidade ben distinta. A profesora Margarida Vilar Rodríguez, da área de Historia do departamento de Economía Aplicada I da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade da Coruña impartou onte unha conferencia sobre a orixe das políticas sociais en Galicia, organizada pola asociación cultural O Facho, que contribúe a difundir o desmentido que diversos investigadores están a artellar sobre o que foi un dos mitos fundamentais do rexime.

Aínda está moi presente a idea de que co franquismo houbo avances en política social....

Si. As políticas sociais foron o resultado dun esforzo moi grande, custounos moito acadalas. E temos que decatarnos de que somos dos "privilexiados" do Primeiro Mundo, neste aspecto, aínda que se estea a falar de recortes... Xa antes da guerra civil existía a Caixa Rexional Galega de Previsións, que tiña a súa sede na Casa da Parra de Santiago. Esta Caixa colaboraba co Instituto Nacional de Prevención, e foise estendendo a través de sucursais. Aceptaba aforros, e sostiña os pagamentos de distintos seguros sociais.

En que anos se aprobaron os primeiros seguros?

O de accidentes, voluntario no 1900 e obrigatorio no 1932. O de xubilación no 1922. O de maternidade comezou no 1929 e fíxose obrigatorio no 1931. O de desemprego, aprobado no 32, foi o único que quedou como non obrigatorio antes da guerra civil. O de maternidade foi o primeiro dirixido ás mulleres. O paradoxal é que ao principio había mulleres que non o querían, porque tiñan que cotizar todas, e algunhas xa foran nais ou xa non estaban en idade de selo. Houbo grandes folgas, en Vigo nas conserveiras, e ao final aceptárono pero non moi contentas. Así, o único risco que quedou sen cubrir antes da guerra civil foi o de enfermidade, que era o risco máis temido polos obreiros. Pero era moi custoso para o Estado, e o sistema impositivo era regresivo, daquela para implantalo faría falta unha reforma fiscal. Ademais, opoñíanse os médicos, que temían que prexudicase o seu negocio. Asi, os ricos ían a médicos privados, e aos pobres quedábanlles as asociacións mutuas ou as igualas, que consistían en que os veciños lle pagaban entre todos a un médico e tiñan dereito a unha cobertura limitada.

A historiadora Ana Cabana demostrou ademais que o réxime franquista utilizaba a política social para marcar as diferencias entre vencedores e vencidos...

É certo, si. Co franquismo non chegou a Seguridade Social nin moito menos, senón que retardou a chegada do Estado de Benestar a utilizou a política social para facer propaganda. Tras a guerra, o seguro de paro quedou suspendido porque segundo Franco non había paro. As cifras do desemprego foron maquilladas: restouse aos depurados do rexime, ás mulleres, e ademais a emigración serviu de válvula de escape, e había moito subemprego.

Por que o seguro de accidentes foi o primeiro? Polas folgas?

Houbera moitas protestas obreiras, que viñan xa do século XIX. Pero en realidade o paso máis importante foi o de xubilación. Tentou aprobarse no 1908 como seguro voluntario. O traballador abría unha libreta de aforros, que era bonificada polo Estado. No 1919 tentouse facelo obrigatorio. Pero foi nun momento difícil, despois da primeira guerra mundial. Ata o 1921 non estivo. E aprobouse dividido en dous grupos: cunha pensión para os menores de 45 anos, e só unha axuda, que era irrisoria, para os maiores de 65 anos.

Cando dis que o franquismo atrasou o Estado de Benestar, refíreste a en comparación con Europa?

Si. O Estado de Benestar naceu antes da Segunda Guerra Mundial, e foise extendendo. As súas principais características eran a universalidade das prestacións e a finalidade redistributiva. Co franquismo non se cumpría ningunha das dúas. Eran os traballadores e os empresarios os que pagaban o seguros. No 57, a porcentaxe de poboación que tiña seguro de enfermidade era do 14 por cento. Nos 60 houbo reformas porque o sistema de seguros estaba en quebra. Por iso se aprobou a lei de seguridade social. Pero seguía a faltar a reforma fiscal, porque o sistema impositivo era regresivo. Esa reforma non se produciu ata os 70, coa democracia. E o Estado de Benestar chegou nos anos 80.

Unha das diferenzas da política social moderna é a súa concepción como dereito e non como caridade. Como avanzou isto?

En realidade antes da guerra non se consideraba caridade a política social, e o Estado diferenciábaa ben da beneficencia. Foi no franquismo cando se disfrazou de caridade o que eran dereitos.

Dereitos de segunda xeración como a educación e a cultura, e terceira, cando chegaron?

Por pór un exemplo, nunca houbo en España Ministerio de Educación antes do ano 1900. Estivera nas mans da Igrexa, e coa desamortización produciuse un baleiro. Coa República avanzouse moito, e co franquismo volveuse atrás. Coa democracia recuperáronse liñas iniciadas antes da guerra civil.

DETALLES

"En Galicia a expansión dos seguros foi máis lenta"

E a sanidade? Os seguros chegaron a Galicia ao mesmo ritmo?

Aprobouse no 42 un seguro de enfermidade que era propaganda. No 42, o réxime prevía ter feitas para o 50 20 residencias sanitarias e 30 ambulatorios. No 50 só construíra tres residencias e catro ambulatorios, para todo o Estado. Nos 60 aumentaron. En Galicia, a expansión dos seguros sociais foi máis lenta que a media española. Na democracia avanzouse. Pero aínda hoxe di Vicenç Navarro que imos por detrás de Europa...

Hoxe, estamos por detrás de Europa en porcentaxe de gasto social sobre o PIB, e máis por detrás dos países escandinavos. Agora anuncian recortes, mentres se subvenciona o sistema financeiro...

Os recortes proponos a dereita liberal, e tamén os socialdemócratas. En Galicia vaise facer un hospital privado en Vigo...

Eu creo que non ten sentido propoñer o atraso da xubilación ata o 68 mentres ao mesmo tempo se fomentan as prexubilacións. O IVE pagámolo todos igual, é certo, pero unha reforma dos impostos directos non é doada: depende tamén do que decida Europa. Do hospital non sei moito, pero en principio vexo perigoso confiar á xestión privada a educación, sanidade... Para todo isto fai falta un consenso político.

Ningún comentario:

Publicar un comentario