O historiador participa na homenaxe que Cariño rende mañá aos galegos de La Nueve
DANIEL PRIETO 21/05/2010
Robert Coale (Baltimore, 1961) é historiador e profesor de Historia Contemporánea Española na Universidade 8 de París. Coale, especialista en La Nueve –a compañía formada por republicanos españois que liberou a capital francesa do influxo nazi na Segunda Guerra Mundial–, participará mañá na homenaxe que o Concello de Cariño lle rende aos combatentes galegos dese corpo. O acto está organizado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.
Que supuxo La Nueve no contexto da Segunda Guerra Mundial?
Foron máis dun cento exiliados republicanos españois que loitaron contra o nazismo ata o final. Saíron victoriosos en Francia, ao contrario que os seus compañeiros españois. A compañía estaba integrada na división baixo mando de Leclerc, que o 24 de agosto de 1944 xogou un papel crucial na liberación de París. Era un tema pouco estudado. Pons Prades tratou o tema nos 70 e houbo que agardar moito para seguir investigando. Francia abriu os seus arquivos militares pero os historiadores españois tivérono máis difícil ao ter menos acceso á documentación.
Ao parecer, había tres galegos nese corpo,o coruñés Víctor Lantes e os cariñenses Antonio Yáñez e Cariño López. Sábese da presenza de máis?
Polo momento non, pero a investigación continúa. É moi difícil identificalos a todos xa que empregaron nomes falsos ao alistarse. De Cariño López é de quen temos máis información. Tiña un gran tino co canón antitanques e abateu sete nun día. Foi condecorado con dúas Cruces de Guerra, a máxima condecoración outorgada polo exército francés.
Ao acto de hoxe en Cariño acudirán os familiares galegos e franceses de Cariño López, teremos máis datos del?
Non é seguro porque, unha vez rematada a guerra, Cariño López non falou máis dela. Mantiven moitas entrevistas cos seus parentes franceses, que están entusiasmados co acto, e así mo aseguraron. En todo caso, será unha oportunidade excelente para que os seus familiares de ambos os dous países intercambien experiencias, porque é a primeira reunión que manteñen.
A historiografía francesa ocultou o papel dos combatentes españois?
Os historiadores franceses quixeron resaltar só a liberación desde a óptica de Francia. O propio De Gaulle só fala nos seus discursos do exército francés. Francia borrou os republicanos españois da loita contra os nazis, porque só lle interesaba salientar que o Francia fora liberada polos franceses libres. Pero hai que dicir que participaron españois, italianos e mesmo alemáns contrarios ao nazismo. Todo o mundo o sabe. Aínda que non creo no suposto complot de esconder esta información, hoxe podemos falar máis detalladamente diso. E hai autores que aseguran que había ata 32 nacionalidades na compañía de Leclerc.
Ningún comentario:
Publicar un comentario