Un escritor de novelas históricas, Pedro Terrón, celebrou onte unha tumultuosa roda de prensa en Madrid para anunciar que descubrira os restos do galeón Santo Cristo de Marcaibo, mítica nave que participou na Batalla de Rande e que quedou afundida na Ría de Vigo co seu tesouro. Terrón xa anunciou tamén que Hollywood está interesado en adaptar unha das súas obras para a pantalla grande, precisamente a inspirada no lendario galeón extraviado en Galicia.
E.P.
A convocatoria de prensa era misteriosa e anunciaba un "bombazo informativo" relacionado co achado "do pecio máis buscado de todos os tempos", sen dar máis detalles. Entre os xornalistas, barallábase a posibilidade dunha adaptación cinematográfica que puidese contar con Antonio Banderas na repartición. Pero nada máis empezar a rolda de prensa, as faíscas saltaron.
O autor da saga Kalixti, Pedro Terrón, presentou, xunto ó mergullador Daniel Moraleja e o empresario e investigador mariño Luis Valero de Bernabé, o que sería o suposto achado do galeón Santo Cristo de Maracaibo, pertencente á Frota de Indias, perdida logo da Batalla de Rande de 1702, na ría de Vigo. O pecio, tomado polos ingleses e cargado co ouro atopado nos galeóns capturados, afundiuse cando os ingleses retornaban. Terrón tamén anunciou un documental sobre o barco e a posible adaptación ó cine da súa novela, Kalixti, a chave do amencer (inspirada en galeón), por unha produtora de Hollywood,.
Pero a mestura de ficción e a realidade que conforman o libro, publicado en 2004, e a posible película, ao parecer, saltou á vida real e desagradou a diversos expertos presentes na conferencia de prensa, como Enrique Lechuga, secretario xeral da Fundación Iberoamericana para o Fomento da Cultura e Ciencias do Mar. "O achado do Santo Cristo de Maracaibo é absolutamente imposible porque teño probas documentais de primeira man. Coordino un equipo de 20 persoas que levan 15 anos traballando neste proxecto", revelou Lechuga.
Preguntado se o Ministerio de Cultura ten constancia sobre o achado do barco, Valero de Bernabé declarou que "deu parte" do descubrimento, e que o barco está "baixo a competencia da Xunta".
Con todo, o arqueólogo submarino Carlos León, que traballa para o Ministerio de Cultura, declarou que "en Cultura non teñen ningunha constancia deste descubrimento". Fontes do Ministerio tamén negan que se lles comunicou o suposto achado.
Tras a enconada discusión, Valero de Bernabé admitiu que non está "cento por cento" seguro de que o barco atopado sexa o Santo Cristo de Maracaibo. "Neste mundo, coñécese quen é quen. Hai investigadores e hai especuladores", concluíu Lechuga, que non foi invitado á conferencia e soubo por un xornalista de Vigo que se presentaría o suposto achado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario