domingo, 16 de maio de 2010

Uk"ux Ulew, esencia da terra

O fotógrafo guatemalteco Emerson Díaz retrata na Casa das Crechas a vontade de resistencia da cultura maia, que "está a rexurdir" tras a colonización, a globalización e o xenocidio.

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO

Instantánea que se pode ver nas Crechas FOTO: Emerson Díaz
Instantánea que se pode ver nas Crechas
FOTO: Emerson Díaz

Uk"ux Ulew. Esencia da terra. A vontade de supervivencia da cultura maia retratada en dez imaxes. Ése é a idea da exposición que onte inaugurou na Casa das Crechas, en Compostela, o fotógrafo guatemalteco Emerson Díaz, que vive en Galicia dende hai un ano. A mostra reúne "unha mestura das súas crenzas espirituais, os traxes distintivos que usan a diario, a elección da súa raíña... Os detalles da vida íntima e espiritual da cultura maia", explica o fotógrafo.

A metade da poboación de Guatemala é indíxena: seis millóns de persoas que pertencen a 22 etnias e falan outros tantos 22 idiomas. A súa cultura milenaria resistiu durante séculos a colonización, a globalización, o xenocidio, a desaparición en definitiva. Á súa chegada a Galicia, Emerson Díaz -que traballou como fotógrafo profesional na prensa diaria de Guatemala durante dez anos- seleccionou un grupo de fotografías "positivas" para ensinar "como é realmente a cultura maia". Unha cultura milenaria que persiste de xeración en xeración e que, despois dun conflito armado que a obrigou a ocultar as súas cerimonias se cadra aínda máis, "está a rexurdir case da extinción".

Segundo explica o fotógrafo, "coa colonización, a cultura maia non deixou de practicar as súas crenzas senón que as ocultaron. Tras a firma da paz, hai unha vontade política de aceptación do pobo maia. Agora poden realizar as súas cerimonias sen sentirse perseguidos. No 2012 espéranse moitas cousas e vai haber unha revolución. O goberno actual recoñece os pobos indíxenas como parte de Guatemala, e iso fai que a xente retome os seus centros cerimoniais", explica.

"Agora empeza a afianzarse pola apertura política do país"

Ao seu ver, o espírito de supervivencia é esencial para entender a cultura maia."Malia haber moita inmigración dos indíxenas a Norteamérica, a cultura maia empeza a afianzarse, porque hai máis apertura política no país. Hai unha fotografía que é a esencia do que significa ser maia: unha nena en primeiro plano e detrás, unha osamenta o día en que lles entregan os corpos de xente que morreu durante o conflito armado ás familias. É como eles a pesar de todo, a pesar da invasión azteca, da colonización, do xenocidio ou da globalización, a cultura sempre resiste".

Emerson Díaz expuxo varias veces en Guatemala sobre a nenez. "Quixen enfocalo dende un punto de vista positivo. É certo que hai miseria e pobreza pero iso non é a esencia da nosa vida. Eu medrei no campo, sei o que é xogar nas árbores e nos ríos e cando ía ao interior sempre vía os nenos descalzos, pero que eran felices. Quixen retratar os nenos dunha forma máis digna". Tamén fixo exposicións en Cuba ou Arxentina. O ano pasado chegou a Vilagarcía de Arousa onde tamén mostrou ao público imaxes sobre os nenos latinoamericanos que estudan nas escolas galegas, "para que vexan de onde veñen".

TRAXECTORIA

Espazos lindeiros co xornalismo

Emerson Díaz traballou como fotógrafo na prensa diaria de Guatemala durante case dez anos. "Tamén colaborei con Unicef e en campañas publicitarias. Antes de chegar a Galicia, traballaba como asesor de imaxe de campañas publicitarias do Estado. Sempre tratei de abarcar espazos paralelos ao periodismo porque é o que me interesa", explica.

A finais de 2003, un grupo de ex paramilitares en Guatemala secuestrou a Emerson Díaz e a outros tres xornalistas e ameazou con matalos se o goberno -como lles prometera- non lles pagaba por ter colaborado co Exército durante a guerra civil. "Houbo un candidato a presidente que lles ofreceu que ese tempo ao servizo do Exército llelo ía indemnizar, pero ninguén o fixo. Cando nós iamos cubrir un mitin dun deses líderes, secuestráronnos para pedir o pago desa indemnización", explica. Esa vivencia resultoulle dura pero non fixo que deixara o xornalismo. "É unha experiencia que non esqueces porque como periodista intentas non formar parte de ningún dos bandos senón estar no medio. Esa experiencia fíxome ser un pouco máis prudente, porque pensas até que punto ao ir cubrir un conflito, vale a pena arriscar a túa vida", apunta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario