O Val de Quiroga e o Courel foi o particular "El Dorado" romano
AXENCIAS
Montefurado, unha das obras de enxeñería dos romanos en Galicia FOTO: Arnazis |
Galicia, antes do descubrimento de América, tivo o seu particular El Dorado. Localizouse no municipio de Quiroga, no aurífero río Sil. E foron os romanos, alá polo século II, en tempos do emperador Trajano, os que o descubriron e explotaron. De aquí saían 20.00 libras de ouro ó ano rumbo á capital do imperio, Roma.
Para obter o metal prezado que arrastraban as augas do río, centenares de escravos traballaron para furar unha montaña, Pena do Curvo, e así desviar a canle uns tres quilómetros co fin de aproveitar o ouro que quedaba no lodo da conca.
Este accidente xeolóxico que saíu da man do home é o mítico Montefurado, un buraco na rocha de 120 metros de lonxitude por 19 de ancho e 17 de alto. Un traballo de titáns.
Esta xoia da enxeñería romana, xunto con outras espectaculares formacións xeolóxicas naturais que se achan na Ribeira Sacra, integrarán unha ruta xeoturística, que pretende salvagardar e pór en valor o patrimonio natural desta zona e elevalo á categoría de recurso turístico de primeira orde.
A iniciativa promóvea o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra que xestiona un plan Leader para esta zona. O xerente do GDR, Martín Alemparte, apunta que este proxecto se "enmarca nun plan de cooperación interterritorial dentro da UE que se denomina Museos Naturalmente". Nos seus obxectivos xerais figura, segundo explica Alemparte, "impulsar a protección e valorización do patrimonio natural como un recurso básico dos territorios rurais, así como aproveitalo, de xeito sostible, para o progreso económico e social das áreas rurais".
A ruta contará con 27 puntos de interese xeolóxico e un centro de interpretación, situado en Quiroga, que servirá de nexo informativo deste atractivo proxecto de xeoturismo, un descoñecido recurso na Ribeira Sacra que moi pronto sairá á luz e sorprenderá máis dun. Desde o mítico Montefurado ó Canón do Sil, pasando por lagoas glaciares ou pregamentos como o de Campodola, xa nos comezos doutra comarca que os romanos tamén explotaron para extraerlle o ouro: o Courel.
Nese Courel, consérvanse vestixios da explotación en distintas minas, como a da Toca -probablemente a máis famosa- ou a de Romeor, esta última cun túnel que aínda hoxe pode visitarse e que demerxe os viaxeiros na escuridade fría dos tempos.
O PERFIL
Paisaxes tamén de arte
O Sil é un auténtico tesouro natural que cruza Galicia desde o leste e lle deixa ao país algunhas das súas máis espectaculares paisaxes, naturais e artísticas, xa que é arredor desta corrente nacida en Asturias onde quedou gravado o máis espléndido románico de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario